No referido ao réxime xurídico o informe propón diferenciar entre “fundacións de interese galego” e “fundacións galegas”, eliminando o criterio de territorialidade, o que permitiría ás primeiras actuar fóra de Galicia. Recomenda um especial rigor na esixencia dos requisitos para singularizar o “especial valor simbólico” dalgunhas fundacións galegas e un carácter temporal para esa declaración, procedemento no que debería participar o Consello da Cultura Galega como máximo órgano asesor en materia cultural en Galicia. Suxire así mesmo unha máis precisa regulación dos Padroados.
En canto á organización e funcionamento das fundacións, o principal problema detectado “é a falta de cumprimento das obrigas que deben realizar estas entidades ante o seu Protectorado, así como a constatación da existencia dun elevado número de fundacións sobre as que non se ten coñecemento do funcionamento e que, nesa medida, están a comprometer a viabilidade dos seus patrimonios”. Para enfrontar este problema o informe recomenda que o Protectorado cumpra a obriga de non permitir a constitución de fundacións sen unha dotación axeitada. Nesa mesma liña suxire a centralización do exercicio do Protectorado nun só organismo administrativo máis activo, superando a fase actual de 11 Protectorados diferentes, e dotándoo dos recursos e dos medios humanos necesarios para que poida cumprir as funcións que xa ten atribuídas.
No tocante ao réxime económico o informe indica que as fundacións do sector cultural conforman un grupo económicamente moi feble, “con recursos limitados na maioría dos casos, excesivamente dependente das axudas públicas, con escasa capacidade de captación de fondos privados e con dotacións fundacionais manifestamente insuficientes para xerar os medios precisos para o cumprimento dos obxectivos fundacionais”. Para superar esta situación suxire detallar cabalmente a contía e a natureza da dotación fundacional inicial e “•estimular o financiamento privado das fundacións a través dunha modificación substancial da Lei do mecenado que o faga máis atractivo, singularmente para as pequenas e medianas empresas”. Apunta tamén a posibilidade dunha dedución impositiva específica para as achegas ás fundacións.
Sobre o financiamento público recoméndase diminuir o que se considera excesivo peso das axudas públicas no conxunto dos ingresos fundacionais e evitar que acaben concentrándose nunhas poucas fundacións, que, ademais, “adoitan ser as de maior tamaño e, xa que logo, as de maior capacidade para xerar recursos propios”. Tamén neste caso o informe apunta á necesidade dun maior protagonismo, e unha maior profesionalización do Protectorado das fundacións, unha máis detallada regulación do patrimonio fundacional e a apertura de liñas de axuda que estimulen o traballo asociado e cooperativo das fundacións de menor entidade.
Por último o informe constata que as “fundacións do sector público” e as fundacións privadas afectadas no seu funcionamento por normas de dereito público “merecen unha atención singularizada”. Respecto das primeiras, o Consello da Cultura Galega é consciente “da progresiva redución do seu número levada a cabo pola Administración autonómica no marco dunha acaída política de racionalización do sector público galego”. Nise senso recomenda unha reforma en profundidade do réxime xurídico desas fundacións no tocante á súa natereza xurírica, á declaración ou consideración de “fundacións do sector público local e institucional” e á clarificación dos supostos en que se deben someter ao réxime xurídico público as fundacións financiadas maioritariamente con fondos públicos.


