----

“Habería que aplicar a lei vixente, aínda que esa normativa é insuficiente para protexer o Patrimonio Cultural de Galicia”, di María García Alén

“Logo de analizar o estado de protección do Patrimonio Cultural de Galicia, ao abeiro da lexislación vixente, podemos concluir que, malia as insuficiencias da normativa actual para protexer a totalidade dos bens culturais, por mor da ampliación do concepto de Patrimonio, deberiamos comezar por aplicar os instrumentos legais cos que contamos”. María García Alén, coordinadora xunto con Iago Seara, das Xornadas sobre “Situación actual do Patrimonio Cultural en Galicia, amosouse partidaria de revisar a lei, vixente dende 1995, sen esquencer “os incumprimentos da lexislación por parte das Administracións responsabeis”. As Xornadas, celebradas onte e hoxe coa asistencia de cincuenta expertos, foron organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega.

Para María García Alén resulta prioritario acometer a revisión da Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia “para adecuala ás novas necesidades, xa que o obxecto da normativa cambiou, pero deberiamos utilizar os instrumentos cos que xa contamos ata que se lles procure unha solución ás novas necesidades”. A relatora denunciou “a desprotección que padece unha gran parte do noso Patrimonio Cultural” e que xunto co “incumprimento da lexislación por parte das Administracións responsabeis, levaron ao Patrimonio Galego a unha difícil situación”.

Sucede que, transcorridos 16 anos desde a entrada en vigor da actual Lei “o estado do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, así como o dos Bens de Interese Cultural e dos Bens Mobles da Igrexa é prácticamente descoñecido”. Unha situación de desprotección de feito á que debe engadirse a referida ás Paisaxes Culturais ou ao Patrimonio Industrial, por non falar do Patrimonio Inmaterial, “o gran esquencido pola lexislación actual”, segundo a relatora.

Sobre a paisaxe reflexionou o enxeñeiro Carlos Nárdiz (Universidade da Coruña) no seu relatorio “As infraestruturas no territorio histórico-cultural: estrutura e vertebración da paisaxe de Galicia”, con especial referencia ás pontes e ás trazas dos Camiños de Santiago. Trazas, por certo, sen delimitar aínda, se excluímos a do Camiño Francés,

Xan Carmona (Universidade de Santiago de Compostela) ocupouse do “Patrimonio Industrial de Galicia” para o que reclamou “unha protección efectiva” e a súa consideración de forma coordenada co Patrimonio Marítimo “na idea de que a combinación e o peso de ambos os dous é unha das singularidades do noso país”. Reivindicou asemade a diferenciación entre Patrimonio Industrial e Etnográfico e a elaboración dun inventario de patrimonio industrial “que inclúa un censo da maquinaria e investigue as tradicións asociadas a cada entorno”.

Pola súa parte, Cristina Sánchez Carretero (Instituto de Ciencias do Patrimonio-INCIPIT-CSIC), en sustitución de Felipe Criado, director dese organismo, destacou a necesidade dun sistema ordenado de diálogo entre as múltiples narrativas na interpretación do Patrimonio Cultural, a interacción dos proxectos patrimoniais coas comunidades, a construcción dun Patrimonio Público e a xeración de novos modelos de relación co medio e a producción de valor nas industrias e no mercado de traballo en Patrimonio.

As sesións finalizaron a última hora da tarde co relatorio de Iago Seara, coordinador da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega e coorganizador das Xornadas, que reflexionou sobre “A intervención no Patrimonio Cultural construído: o Plan Director e a conservación crítica”. Subliñou a necesidade da conservación crítica e integral do monumento e do seu contorno “entendendo esta dualidade indivisible que é o ben cultural como parte da unidade da obra de arte maior que é o territorio. Unha acción que supón en si mesma “un acto de conservación-restauración dos valores propios que constitúen esa unidade indisociable no feito cultural territorial, feito artístico de manufactura colectiva e expresión social”.