A xuntanza desenvolvida este martes na sede do Consello da Cultura Galega permitiu xuntar por primeira vez a todos os responsables da gobernanza pública para debater e reflexionar sobre o patrimonio. A sesión de traballo tivo lugar no marco do “Foro Patrimonio e Sociedade”, un proceso de traballo aberto no que participan unha trintena de profesionais, no que están representados desde as administracións públicas encargadas da xestión patrimonial ata a sociedade civil a través de asociación culturais, pasando por Academias, Universidades, Organismos Públicos de Investigación ou profesionais liberais, entre outros axentes.
A xornada
Nesta mesa de traballo participaron tres membros dos diferentes grupos parlamentarios designados por eles. Noa Díaz en representación do PsdG-Psoe; Mercedes Queizas Zas, polo BNG; Xosé Luis Ferro Iglesias polo Partido Popular. Na xuntanza falouse de políticas públicas, xestión integral do patrimonio, educación e formación, e de participación da cidadanía e sobre o papel xoga o patrimonio na idea de país no seu programa cultural e no seu respectivo proxecto político.
Ademais, os representantes dos diferentes partidos políticos foron convidados a participar nunha xornada pública que se desenvolverá no mes de abril no Consello da Cultura Galega. As conclusións desta mesa de traballo incorporaranse ao documento final que se presentará en xuño de 2021.
Foro Patrimonio e Sociedade
En novembro de 2019 comezou a andar o Foro Patrimonio e Sociedade. Por primeira vez, artellábase un espazo de traballo ao que estaban convidados todos os axentes relacionados co patrimonio en Galicia. A través dun pioneiro sistema de traballo, organizáronse tres grandes áreas cuxos integrantes se reuniron periodicamente. A pandemia adiou os prazos deste proxecto, que tiña previsto rematar en novembro de 2020. Con todo, nese momento fíxose un balance dos primeiros resultados que puxeron enriba da mesa algunas demandas urxentes como a creación dun Instituto de Patrimonio e dun observatorio en materia de educación patrimonial; a elaboración dun catálogo de bens aberto, xeolocalizado e de acceso libre para a cidadanía; e a necesidade de concienciar no risco de primar o interese turístico por riba do patrimonial e implementar medidas éticas arredor da xestión patrimonial.
A xornada de traballo desenvolvida esta semana encardínase no marco da dinámica fixada neste foro. O seguinte chanzo terá lugar no mes de abril, en que está programada unha xornada de carácter aberto na que se fará unha posta en común das eivas, características e necesidades arredor destes asuntos, e presentaranse as conclusión das tres áreas de análise.
O proceso de traballo culminará no mes de xuño coa presentación dun documento que servirá de guía práctica para a análise dun sector clave na gobernanza do futuro. Este documento final será entregado ás diferentes administracións públicas, entidades civís, partidos políticos e será de acceso libre para toda a cidadanía.


