Incorpórase ao Álbum de Galicia a biografía da filóloga alemá Margot Sponer

“Era unha rapaza máis ben pequena e delgada, moi churrusqueira e graciosa e moi seria e competente no seu labor” dixo Lois Tobío de Margot Sponer (Niesse, 1898 - Berlín, 1945), unha polaca que foi pioneira dos estudos lingüísticos galegos. A súa entrada, asinada por Patricia Arias, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Margot Sponer naceu en Niesse e cursou estudos de Filoloxía Clásica, Romanística e Xermanística nas universidades de Halle, Lepzig, Nápoles, Grenoble, Madrid e Berlín; onde, moi probablemente, se graduou.

Margot chegou a Galicia no verán de 1926, tiña trinta e oito anos feitos, e visitou as cidades de Ourense, A Coruña, Santiago de Compostela e Pontevedra para reunir materiais que lle permitirán completar a tese de doutoramento. Ademais, percorreu a cabalo boa parte da provincia de Lugo ata O Cebreiro recollendo léxico nun dos primeiros intentos de estudo dialectal da lingua galega. Debeu abandonar Galicia a mediados de outubro dese mesmo ano para regresar a Alemaña a finais de 1926. Esa viaxe quedou rexistrada na revista Nós, no número 35 aparee unha breve nota incluída na sección «Os homes, os feitos, as verbas», que informa que “a investigadora, ten cáxeque rematado un traballo de moito volume en col do galego antigo, traballo que nos amostrou, e pr’o qual ten aproveitado todol-os documentos pubricados da nosa Edade Meia. Engade ademais que despois d’ise traballo imprentado, conta adicar outro ô galego moderno, pra o quaal xa recadou ben datos, e pra rematalo fará outra viaxe”. Varios números despois, a filóloga alemá publica en Nós a colaboración titulada «Algunhas notas dos meus estudos sobre filoloxía galega».
Pese a que a prensa insiste en que Sponer traballa con documentos medievais, neste artigo a filóloga céntrase na situación da lingua galega, moi contaminada polo castelán. Enumera termos relacionados coa igrexa, coa medicina e coa xustiza e os lugares onde foron recollidos. Apunta que as razóns que explican esta situación son, en realidade, sinxelas: a xente oi falar o castelán ô crego, ô médeco, ô escolante, ôs tendeiros… e parécelles qu’o galego é fala somentes de xente baixa e probe. Lamenta o que constata e compara a situación de Galicia, esa terra tan fermosa, con Cataluña, onde se pode observar o fenómeno inverso.

Foi á súa volta a Berlín, onde dá clases na universidade, que lle permite entrar en contacto con algúns galegos que visitaron a capital alemá como Vicente Risco, Lois Tobío ou Felipe Fernández Armesto.
En 1930, Sponer presenta a súa tese de doutoramento titulada Altgalizische Urkunden (Documentos antigos de Galicia), dirixida polo profesor Ernst Gamillscheg. Nela transcribe e anota unha cantidade importante de documentos medievais datados entre os anos 938 e 1494.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.