----

Rosario Álvarez destaca o proxecto compartido do Consello da Cultura Galega na súa reelección

“Pido a axuda de todos, individual e colectiva, para o cumprimento das altas tarefas que lle foron encomendadas a esta institución gardando o principio de independencia e obxectividade” afirmou Rosario Álvarez no seu discurso de toma de posesión como presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG). Nel destacou tamén a necesidade de “reforzar a marca do CCG, que descansa sobre catro piares: identidade, interese, rigor e innovación”. O presidente de honra da institución e presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, presidiu o acto, ao que asistiron numerosas autoridades e unha nutrida representación da política, da sociedade e da cultura galegas. Tras a toma de posesión tivo lugar unha sesión plenaria, na que se procedeu á elección da nova Comisión Executiva da institución e ao nomeamento de diferentes coordinadores de seccións e arquivos.

O secretario da institución, Silvestre Gómez Xurxo, foi o encargado de ler a acta e o Decreto 122/2022, do 30 de xuño, de nomeamento da presidenta, quen destacou no seu discurso a confianza nos beneficios dunha xestión participativa, “na que todos poidan contribuír formando parte dunha rede humana única”. Afirmou que o seu segundo e último mandato será “continuísta con ánimo renovado” e condensou en dez liñas a programación para os vindeiros catro anos. En primeiro lugar, incidiu na necesidade de proseguir procurando unha vertebración e interconexión dos diferentes tipos de intervencións do CCG nunha programación articulada e cohesionada. En segundo, apostou por afondar na vía dixital “tanto para potenciar a estratexia de divulgación e comunicación dixitais como para diversificar a propia programación”.

Reforzar a marca propia do CCG, manterse fiel ao principio da cultura como dereito e contribuír á cohesión do ecosistema cultural galego son outras das liñas de traballo dos vindeiros catro anos. A presidenta tamén apuntou a necesidade de arrequentar os nosos arquivos e centros de documentación, nomeadamente a visibilización do fondo fotográfico que atesoura a institución. Ademais, insistiu na necesidade de procurar vías e estratexias para chegar a outros públicos, desenvolver unha programación de acción exterior que acompase co programa xeral e traballar a prol da internacionalización da cultura galega. Unha liña de traballo para a que Alfonso Rueda tendeu a súa man cómplice. “No traballo constante a prol da cultura galega sempre encontrarás o apoio da Xunta de Galicia” afirmou, tras referirse á xénese de ambas as institucións.

“Fago miñas e deste Goberno as metas de internacionalización, dixitalización e busca de novos públicos e de consolidación do CCG manifestadas pola presidenta neste mandato” afirmou Alfonso Rueda, ao tempo que indicou a necesidade de seguir incrementando os orzamentos da institución.

O acto contou coa asistencia de numerosas personalidades como o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo; a valedora do pobo, María Dolores Fernández Galiño; o expresidente do CCG Ramón Villares; representantes das comisións de cultura dos tres grupos con representación parlamentaria, así como representantes de diferentes entidades e os membros do Plenario da institución.

Balance dos primeiros catro anos
No primeiro mandato de Rosario Álvarez desenvolvéronse 358 actividades, cunha media de 71 anuais. A busca de novos públicos, repensar os enfoques, as temáticas, os formatos de comunicación e actividades, así como a diversificación de actividades fóra da sede institucional en Santiago, son algunhas das liñas centrais da súa acción. Nestes catro anos reforzouse a actividade asesora, con 191 informes, documentos de traballo, barómetros e conxunturas. Algúns deles tan destacados coma o realizado sobre o impacto da enerxía eólica na paisaxe cultural en Galicia, sobre os fondos patrimoniais do Centro Galego de Bos Aires ou sobre a situación do teatro galego. Ademais, contribuíu a intensificar os estudos sobre a realidade cultural, nomeadamente durante a crise provocada pola COVID-19.
Neste mandato destacou a constitución do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) como unha forma de reforzar a liña de arquivos e centros de documentación da institución, centrada en poñer a disposición da cidadanía un servizo de materiais bibliográficos, web, gráficos, hemerográficos e audiovisuais, de carácter especializado e permanentemente actualizado.

Durante este período dinamizouse a acción exterior da institución, que aprobou en 2021 un novo plan de acción que conta con catro liñas de atención principais: a Galicia espallada (da emigración e do exilio), os países de lingua portuguesa, a relación con Europa e a posición atlántica de Galicia. Ademais, desenvolveuse unha liña de innovación en novos formatos.

Nova Comisión Executiva
Tras o acto de toma de posesión tivo lugar unha sesión plenaria ordinaria con dous puntos na orde do día. O primeiro deles era o nomeamento da nova Comisión Executiva por proposta da presidenta. Mantéñense no posto Xosé Manoel Núñez Seixas como vicepresidente, Silvestre Gómez Xurxo como secretario e Rebeca Blanco-Rotea como vogal e incorpórase, tamén como vogal, Alejo Amoedo Portela.

O segundo punto afectaba aos novos coordinadores de seccións e arquivos. Alejo Amoedo estará á fronte do Arquivo Sonoro de Galicia; Carme Adán, do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos; Celia Pereiro, da Sección de Pensamento, e Cristina Domínguez, da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais. Con estes nomeamentos complétase a remuda da institución que se iniciou o pasado mes de xaneiro.