NOTICIA

----

Especialistas destacan que a morte se converteu nun tema tabú

“Había moitos temas para abordar a relación entre Bretaña e Galicia, pero pensamos que o tema da morte, polas mudanzas dan aceleradas das sociedades contemporáneas, era unha parada necesaria” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na presentación da xornada titulada “A morte nos fisterras europeos: Bretaña e Galicia”. Canda ela, Christine Rivalan, da Université Rennes 2, engadiu que cómpren novos enfoques para abordar un tema que, para expertos como Marcial Gondar ou Cristina Sánchez-Carretero, se converteu nun tabú. A xornada remata este mércores cun panel moderado por Ramón Villares sobre a transformación dos rituais e a concepción dos cemiterios na sociedade actual.

O antropólogo Marcial Gondar foi o encargo de abrir as intervencións cun relatorio sobre a cultura da morte en Galicia. “Non coñecemos ningunha sociedade en que a morte non produza medo e angustia, pero o que muda entre os países e as culturas é a súa xestión”. Para el, o punto de inflexión en Galicia produciuse nos sesenta cando se esfarelou a cultura tradicional e comezou a visión actual baseada na ocultación de todo o que ten que ver coa morte. “Foi como os mortos pasaron a enterrarse cada vez máis lonxe, da igrexa ao adro e logo cada vez lonxe dos núcleos habitables” explicou Gondar que tamén destacou que os velatorios deixaron de facerse nas casas para pasar aos tanatorios. “Aos velatorios íase acompañar a xente e o tipo de conversas que alí se producían, que respondían a unha estrutura, tiñan unha función terapéutica” explicou. Na súa opinión a cultura tradicional tiña os mecanismos coma o humor ou o erotismo para facerlle fronte ao medo e “só se te repós aos medos estes clarexan” afirmou.

Após o relatorio de Marcial Gondar desenvolveuse o panel “A morte nas artes”, moderado pola presidenta do CCG, Rosario Álvarez. Catherine Sablonnière foi a primeira en intervir para falar da representación que ten a morte nas colección editoriais e, particularmente, en dous corpus de texto: nas guía turísticas, nos cadernos de viaxe e nas páxinas web de oficinas de turismo e de blogs privados, por unha parte, e nas novelas policiais, pola outra. A través dunha análise de exemplos representativos deste tipo de producións, buscou dar resposta a “se existe unha xeografía da morte singular e propia de Bretaña”.

A continuación foi a quenda de Beli Martínez, quen analizou “como amosamos a morte en Galicia” dende o eido audiovisual. Neste sentido, subliñou que “a morte como tema central tampouco é tan habitual no cinema galego”, un feito que atribuíu a que “levamos moitos anos mirando cara a fóra e copiando un modelo de representación alleo a nós”. A isto engadiu que “se o cinema que copiamos, que é principalmente o estadounidense, non traballa morte, tampouco a imos traballar nós, porque tamén copiamos as narrativas e as temáticas”. Xunto a este, Martínez sinalou a caída nos tópicos e o autoexotismo como dous dos problemas dos que adoece a representación da morte no audiovisual galego.

Eva Guillorel fixo unha breve reflexión sobre o lugar da morte na tradición cantada da Baixa Bretaña, nas gwezioù (que significa lamentos en lingua bretoa) e o seu eco na sociedade contemporánea. “Estas cancións herdadas de tempos antigos, da tradición oral e narran con veracidade historias reais e están documentadas desde o século XIX” explicou na súa intervención. Guillorel afirmou que neste momento en que a relación coa morte, a relixión ou o sobrenatural mudou moito, este tipo de cancións quedan relegadas a contextos sociais e festivos, baixo a forma de espectáculos, e algunha mesmo teñen un éxito recorrente grazas a anovadas propostas artísticas e tamén vencelladas a situacións reais como a pandemia.

O panel pechouse coa intervención de Christine Rivalan, quen propuxo “unha nova reflexión en torno á expresión editorial das mortes incómodas con dous exemplos: o do naufraxio do Bugaled Breizh e tamén co tema das “algas verdes”. A este respecto, subliñou que ambos os casos “atoparon unha nova forma editorial, un novo medio de expresión” a través “da súa representación en novela e ensaio gráfico”. Tras analizar as producións editoriais Bugaled Breizh - 37 secondes e Algues vertes, l'histoire interdite, afirmou que, “a pesar de que son distintas as estéticas convocadas, o obxectivo é idéntico: por unha parte, impactar ao lector e espertar a crítica na súa mente e, por outra parte, manter viva a atención en torno ao tema. Nos dous casos todo pasou como se esgotadas as formas de información habituais, só quedara a vía da denuncia pública a través da novela ou o ensaio gráfico”. Estas propostas constituíron unha novidade no contexto bretón e evidenciaron “un cambio na representación da visión da morte”, concluíu.

Cristina Sánchez-Carretero falou das traxedias do mundo contemporáneo e do seu tratamento polos medios de comunicación. “O gran tabú do século XXI é a morte” afirmou. Analizou os dós secundarios, os que se producen ante as grandes traxedias, que son mediáticos e que se caracterizan pola performatividade, por eses grandes altares de flores e de candeas que supoñen “unha resposta da cidadanía á necesidade de facer algo”. Na súa intervención asegurou que son os medios de comunicación os que axudan a cambiar as percepcións da sociedade pero non o seu comportamento.
As mortes silenciadas e os mortos incómodos foi o tema do panel que se desenvolveu a continuación baixo a moderación de Christine Rivalan. Nel, Antonio Míguez falou dos mortos de 1936, e Narciso de Gabriel, dos mestres que foron asasinados durante o verán daquel ano. Pola súa banda, Dolores Vilavedra realizou un percorrido panorámico polas distinta formas de abordar a morte nunha serie de textos da chamada “novela da memoria histórica” co obxectivo de captar a posible singularidade desas abordaxes e de avaliar se era posible relacionala cos diferentes criterios que se adoitan empregar para clasificar dita produción narrativa. Na súa opinión son as mulleres autoras as que abren unha fenda nun sistema literario no que se aprecia un cambio á hora de contar a morte. Laura Muñoz pechou este panel cunha intervención titulada “Antropoloxía física, morte e memoria democrática”.

O encontro remata o mércores cunha mesa moderada por Ramón Villares. Nela, Bernard Rio, que participará por videoconferencia, falará dos mortos taumaturgos e das tumbas de devoción na Bretaña dos séculos XVIII e XIX. Após a súa intervención, Rafael Quintía afondará nos cambios dos rituais funerarios na Galicia contemporánea e o arquitecto César Portela achegará o proxecto de cemiterio civil que deseñou no cabo Fisterra. A sesión rematará cunha conferencia a cargo de Xosé María Lema Suárez, quen fará un percorrido polo patrimonio cultural e natural da Costa da Morte.

Os encontros Bretaña-Galicia
A actividade insírese dentro dos encontros Bretaña-Galicia, que teñen como 0bxectivo principal poñer en relación investigadores dos dous países para analizar, dende perspectivas diferentes, as conexións que existen entre eles. A primeira edición organizouse no ano 2017 en Santiago de Compostela e Mondoñedo, mentres que a segunda tivo lugar en 2019 na cidade bretoa de Rennes. Esta terceira edición regresa á sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG) para continuar promovendo o diálogo entre estes dous fisterras europeos.

Non é a primeira vez que o CCG organiza actividades encamiñadas a analizar as conexións entre Galicia e outros territorios, xa que na traxectoria da institución destacan congresos como “Galicia-Irlanda” ou “Galicia-Finlandia”.