A Deputación da Coruña publicou, no BOP do pasado 7 de xullo de 2020, as bases do programa de subvencións a empresas audiovisuais para apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia da Coruña durante o ano 2020. O programa contempla dúas modalidades, unha de apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe); e outra para a distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe) de contidos audiovisuais non galegos. O prazo de presentación de solicitudes, segundo o extracto publicado no BOP do 16 de xullo, remata ás 14:00 h. do 31 de xullo de 2020.
16/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
16/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións ás entidades locais para o ano 2020 destinadas ao mantemento ou reforzamento dos seus servizos de normalización lingüística. Poderán optar a estas axudas os concellos ou agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
14/07/2020. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega presenta o programa da V Xornada de Onomástica Galega, que organiza en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. As sesións terán lugar o 7 de novembro de 2020 no Museo de Pontevedra e nesta edición centraranse nos nomes comerciais, co obxectivo de promover a reflexión sobre as tendencias na denominación dos establecementos e dos produtos comerciais e sobre o seu papel na normalización lingüística. O prazo de inscrición remata o 15 de outubro. Podes obter máis información na páxina web da RAG.
13/07/2020. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra inaugurou o pasado venres, 10 de xullo de 2020, o programa de dinamización lingüística En3vistas, un ciclo de entrevistas a dez referentes das artes escénicas, a música, o xornalismo, a gastronomía ou o deporte, para demostrar como o uso do galego pode ir ligado a traxectorias profesionais de éxito. A longo deste mes de xullo terán lugar en diferentes espazos públicos da cidade de Pontevedra estes encontros con María Mera, Gena Baamonde, Javier Olleros, Kin Martínez, Sabela Ramil, Patricia Hermida, Adrián Ben, Diego Espiño, Cora Velasco e Marcelo DoBode. As entrevistas poderán seguirse en directo a través das redes sociais e as gravacións quedarán accesibles nas canles do concello. Podes ampliar esta información premendo aquí.
09/07/2020. DINAMIZACIóN
Neste segundo xoves de xullo presentamos un novo taboleiro do produto documental “Galego 2.0”, elaborado polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega. Nesta segunda entrega, Enredad@s co audiovisual, ofrecémosche unha selección de filmes, curtametraxes, series de animación, vídeos, programas televisivos ou proxectos de radio escolar deseñados para promover o uso do galego entre a infancia e a mocidade. Iremos completando a serie ao longo dos vindeiros xoves deste mes, con máis recursos en galego relacionados co lecer, o ensino, a literatura, a teconoloxía e a ciencia.
09/07/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organiza unha nova convocatoria do Curso de habilidades comunicativas, dirixido ao alumnado desta universidade, que se desenvolverá ao longo dos meses de setembro, outubro e novembro de 2020. O obxectivo é ofrecer recursos e ferramentas que faciliten o traballo de redacción e defensa oral dos traballos académicos. O curso consta de tres módulos diferentes (a redacción científica; falar en público; presentacións dixitais eficientes) e o alumnado pode optar por realizalo completo ou elixir aqueles módulos que máis lle interesen. Podes completar esta información premendo aquí.
07/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do XI Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer os galardoados da súa undécima edición. Os premiados foron Nós Televisión SL, na categoría de colectivo, entidade ou asociación que destaca na promoción da lingua galega; e o Club de Debate (representado pola Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega), como recoñecemento ao seu traballo específico cos tramos da poboación de menor idade (infancia e mocidade). Para obter máis información, preme aquí.
07/07/2020. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “Ferramentas TraduWord e XeraWord: tradución de caudal léxico e xeración automática da linguaxe natural en galego e portugués ”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de tres meses e medio. O prazo de presentación de solicitudes remata o 10 de xullo de 2020. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
06/07/2020. DINAMIZACIóN
O programa Galicia por Diante, da Radio Galega, incorpora unha nova sección este verán que ten como obxectivo gañar novos falantes para o noso idioma. A profesora Pilar Ponte, coñecida en Internet como “A Profa”, ocuparase todos os xoves do “Espazo da Profa”, onde presentará diferentes estratexias para comezar a falar galego. Este espazo radiofónico compleméntase coa conta de Twitter @oespazodaprofa, que che permitirá interactuar directamente coa “Profa”, comentar as súas propostas ou presentar as túas propias.
03/07/2020. INVESTIGACIóN
O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a publicación Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna, na que se compilan e completan as achegas presentadas no simposio homónimo organizado polo Instituto da Lingua Galega e mais o CCG en novembro de 2017. No presente estudo, editado por Rosario Álvarez e Ernesto González, analízase a produción escrita en galego durante un período que a historiografía lingüística galega vén denominando “séculos escuros” polo decaemento no uso do galego nos ámbitos máis formais e a práctica ausencia de testemuños escritos, pero que, grazas á luz que ofrecen as novas pesquisas realizadas desde o ámbito da historia da lingua e da literatura, podemos deixar xa de alcumar como “escuros”. Podes completar esta información premendo aquí.
03/07/2020. EMPREGO
A Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia publica as convocatorias públicas para cubrir seis prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas nas universidades de Bargor, Cork, Kiel, Miño (Braga), Deusto (País Vasco) e Autónoma de Barcelona. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
01/07/2020. AXUDAS E PREMIOS
O xurado da terceira edición do Premio “Luís Porteiro Garea” acordou por unanimidade entregar o galardón a Antón Costa Rico, catedrático de Historia da Educación na Facultade de Ciencias da Educación da USC. O xurado destacou a súa traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social a prol do galego, destacando a súa implicación nos movementos de renovación pedagóxica. A Universidade de Santiago de Compostela outorga ese galardón, que ten carácter de distinción, para recoñecer publicamente o traballo de persoas ou colectivos a prol do uso do galego na universidade. Podes ampliar esta información premendo aquí.
01/07/2020. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta unha nova edición do concurso #fotolingua, co obxectivo de darlles visibilidade aos establecementos comerciais da cidade comprometidos co uso do galego. Para participar, debes facerte seguidor/a da conta de Facebook ou Instagram da iniciativa e subir unha fotografía na que se amose o galego como lingua habitual da paisaxe empresarial e comercial de Santiago de Compostela (cartelería, escaparates, elementos decorativos, letreiros, etiquetaxe, sinalética...). As fotos deben publicarse cos seguintes cancelos: #EstablecementoEnGalego, #Fotolingua, #EnGalegoFaiADiferenza e #OgalegoVende. O prazo para participar remata o 30 de xullo de 2020. As persoas gañadoras recibirán como premio unha tableta Levono Tab. A maiores, podes conseguir tamén un bono de 100 euros para gastar nos establecementos colaboradores participando no #SorteoPasatempo.
29/06/2020. INVESTIGACIóN
A Real Academia Galega edita a publicación Estudos de Onomástica IV. Os nomes das rúas, que recolle os traballos presentados na IV Xornada de Onomástica, celebrada no Museo de Pontevedra o pasado mes de outubro de 2019. No estudo, trece especialistas na materia poñen o foco na necesidade de preservación da toponimia tradicional por parte dos poderes públicos, que neste caso sería a Administración local ao tratarse de nomes urbanos. A maiores, o volume péchase cun modelo de declaración institucional, promovida pola Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica, para que todos os concellos galegos se adhiran ao recoñecemento da toponimia como elemento de primeira orde no noso patrimonio inmaterial.
29/06/2020. DINAMIZACIóN
O xurado da IV edición do certame Enreguéifate fixo públicos os vídeos gañadores nas diferentes categorías, así como as mencións especiais, que podes ver na páxina web da iniciativa. Enreguéifate é un proxecto promovido polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega.
26/06/2020. EMPREGO
A Deputación de Pontevedra convoca dúas prazas de redactor/a corrector/a, integradas no grupo C1 da escala de Administración especial. As persoas aspirantes deberán posuír o título de Bacharelato ou o de técnica ou técnico, ou equivalente. O sistema de selección será o de concurso-oposición libre. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE). Podes consultar o texto íntegro das bases e da convocatoria premendo aquí.
25/06/2020. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística, A AS-PG, Nova Escola Galega, a Confederación de ANPAS Galegas e os sindicatos CIG-Ensino, CSIF e STEG presentaron publicamente o documento “Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza”. Nel apóstase por un modelo no que o galego se considere lingua vehicular de todo o ensino e, polo tanto, se empregue na docencia de todas as materias e niveis educativos. Nos vindeiros días as entidades promotoras presentaranlles o documento ás diferentes organizacións políticas e sociais, co ánimo de que se adhiran a unha proposta que se considera de urxente implementación, tendo en conta que os últimos datos demolingüísticos confirman que a transmisión interxeracional non está garantida e a situación é especialmente preocupante na franxa de poboación de entre 5 e 14 anos, onde só o 26,12% fala “só galego” ou “máis galego que castelán”.
22/06/2020. EMPREGO
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional anuncia a convocatoria dun concurso público de méritos para a provisión dunha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no colexio Vicente Cañada Blanch de Londres. Poden participar no concurso os funcionarios/as do corpo de mestres licenciados/as en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), Filoloxía Románica (subsección Galaico-Portuguesa) ou Filoloxía Galega, así coma os catedráticos/as e profesores/as de lingua e literatura galegas de ensino secundario. O prazo para a presentación de solicitudes é de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
15/06/2020. EMPREGO
O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao/licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega; o grao en Estudos de Galego e Español, con intinerario en lingua galega e española; ou a licenciatura en Filoloxía Galega. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no DOG. As bases completas podes consultalas premendo aquí.
12/06/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2020. A partir do día seguinte á publicación desta resolución, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para comunicar, se fose o caso, a desistencia da solicitude. De non tramitar a desistencia no citado prazo, enténdese que aceptan a axuda. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
12/06/2020. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Santiago de Compostela, no marco do seu Plan de reactivación da actividade turística, publica unha convocatoria de axudas para a mellora e innovación da restauración e da hospedaxe compostelás no novo contexto económico derivado da Covid-19. Entre os conceptos subvencionables, inclúese unha liña de axudas para gastos de comunicación en lingua galega e/ou noutros idiomas que contribúan a unha mellor atención da clientela turística.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP. Podes ampliar a nova premendo aquí.
O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP. Podes ampliar a nova premendo aquí.
12/06/2020. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza un obradoiro de escrita dramática, que ten como obxectivos desenvolver e potenciar as habilidades creativas en lingua galega e ofrecer as ferramentas necesarias para o entendemento e comprensión da dramaturxia. O obradoiro está dirixido a todas as persoas interesadas no teatro. As sesións desenvolveranse os días 23, 25, 29, 30 de xuño; e 2, 6, 7, 9 de xullo de 2020 no Auditorio Mar de Vigo. A inscrición debe tramitarse a través deste formulario web, indicando como título “escrita dramática”. Para consultar o programa preme aquí.
12/06/2020. AXUDAS E PREMIOS
Como consecuencia do peche dos centros educativos por mor da Covid-19, a Consellería de Cultura e Turismo acordou deixar sen efecto as bases e as convocatorias das axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de titularidade pública e privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios. A orde de anulación destas convocatorias podes consultala no DOG do 11 de xuño de 2020.
03/06/2020. DINAMIZACIóN
O pasado 17 de maio presentábase na rede o proxecto Fálame, unha inicativa de carácter colaborativo promovida por dous creativos galegos (Pablo Honey e Tino Barreiro) que ten como obxectivo promover a lingua galega a nivel internacional a través da creación de contidos en galego. Deste xeito, os promotores da iniciativa convidan a creadoras e creadores de todo o mundo a participar elaborando unha creación que inclúa a frase “Eu son a túa lingua. Ti es a miña fala”. Podes ver as creacións elaboradas ata o momento no sitio web da iniciativa ou na súa conta de Instagram.
03/06/2020. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares, realizados en soportes impresos ou dixitais, para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
27/05/2020. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia publicou no DOG do pasado 12 de marzo a convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) para este ano 2020. O prazo para a presentación de solicitudes, que fora interrompido por mor da crise sanitaria ocasionada pola Covid-19, retómase agora e será de catorce días contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no DOG. Así mesmo, adíase a realización das probas ata o mes de setembro e/ou outubro de 2020.
26/05/2020. OUTRAS
O Instituto Cervantes, o Institut Ramón Llull, o Etxepare Euskal Institutua e o Consello da Cultura Galega asinaron un convenio de colaboración para promover a nivel internacional as diferentes culturas e linguas propias do Estado español (galego, castelán, catalán e éuscaro). O acordo subscrito ten un período de vixencia de catro anos, que pode ser prorrogable, e ao seu abeiro organizaranse accións conxuntas que promovan o coñecemento e recoñecemento internacional da diversidade cultural e lingüística de España. Podes ampliar esta información premendo aquí.
26/05/2020. AXUDAS E PREMIOS
Ao abeiro do plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo publica as bases para a presentación de creacións culturais, bens ou servizos destinados á creación do “Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021”, un repositorio de contidos creativos de interese cultural, artístico, lingüístico e turístico en lingua galega. As axudas están dirixidas a profesionais autónomos, empresas privadas ou entidades culturais sen ánimo de lucro con persoal empregado de carácter cultural técnico.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de xullo de 2020. Para obter máis información preme aquí.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 31 de xullo de 2020. Para obter máis información preme aquí.
18/05/2020. OUTRAS
O Consello da Cultura Galega súmase á celebración do Día das Letras Galegas 2020 coa edición facsímile da obra Farsa das zocas, de Ricardo Carballo Calero (Ediciós do Castro, 1982), que inclúe un estudo preliminar a cargo de Carlos-Caetano Biscainho Fernandes, así como outros dous facsímiles de manuscritos autógrafos, que se ofrecen coas súas respectivas transcricións. Tamén podes ver na rede unha lectura dramatizada deste texto feita por Tito Asorey, Melania Cruz e María Vázquez, por encargo do CCG. No plano musical, onte, 17 de maio, tivo lugar a estrea da peza “Ferrol 1916”, interpretada polo pianista Alejo Amoedo e pola soprano Patricia Rodríguez Rico, baseada no poema homónimo de Ricardo Carballo Calero.
14/05/2020. DINAMIZACIóN
O vindeiro domingo 17 de maio celébrase o Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero, nunhas circunstacias excepcionais a causa da pandemia da Covid-19. Por este motivo, as institucións culturais do país están a organizar diferentes actividades en Internet para render a súa particular homenaxe a este autor. A Real Academia Galega (que adiou o pleno extraordinario do 17 de maio para o vindeiro 31 de outubro) difunde en liña diferentes recursos sobre o autor homenaxeado (como a páxina web “A primavera das Letras”, unha serie de entrevistas dixitais ou o microespazo “Unha palabra para Don Ricardo”). O Consello da Cultura Galega tamén elaborou o especial web “Ricardo Carballo Calero. Día das Letras Galegas 2020”, con información e recursos sobre o autor (biografía, galería fotográfica, selección de audios, epistolario e roterios virtuais). Pola súa parte, a Xunta de Galicia súmase a esta celebración co certame “Vai de Letras”, coas actividades en liña organizadas polas súas bibliotecas públicas e cos recursos educativos que publica a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

