Novas da lingua

Rexistros211 a 240 de 5280
22/05/2025. DINAMIZACIóN

A USC convoca o II Concurso de edición da Galipedia

O Servizo de Normalización Lingüística da USC e as comisións de normalización lingüística da Facultade de Matemáticas, da Facultade de Psicoloxía, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, da Escola de Enfermaría e da Facultade de Humanidades convocan o II Concurso de edición da Galipedia, dirixido á comunidade universitaria da USC. Os obxectivos do certame son promover a produción e a difusión de artigos de calidade contrastada en lingua galega na Galipedia e fomentar a participación da comunidade universitaria nunha iniciativa colaborativa de extensión do saber e o coñecemento en lingua galega.

Os participantes deben editar na Galipedia un artigo ou un conxunto de artigos, ben creándoos de novo, ben mellorando de forma significativa algúns xa existentes. Os artigos deben pertencer a algunha destas áreas temáticas: psicoloxía; matemáticas; enxeñarías química, ambiental e informática, intelixencia artificial; enfermaría; patrimonio cultural galego.

Outorgaranse dous premios (un primeiro premio de 350 euros e un segundo premio de 150 euros) en cada unha das áreas de coñecemento.

O prazo de inscrición remata o 20 de xuño de 2025. A data límite para a presentación dos traballos é o 20 de setembro de 2025.
22/05/2025. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o IV Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco

No transcurso do acto de celebración do Día das Letras Galegas, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo deu a coñecer os nomes dos estudantes gañadores da cuarta edición deste galardón dirixido a fomentar o emprego da lingua na investigación xurídica entre o alumnado de grao e mestrado.

Na modalidade aberta a todo o alumnado universitario, o xurado outorgou o premio ex aequo a Rosalía Suárez Sánchez, por un traballo sobre os delitos contra a liberdade sexual, e a María Otero Canabal, por un estudo xurídico sobre a relación laboral especial no servizo do fogar familiar. Na segunda modalidade, específica para alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, foron galardoadas tamén ex aequo Carme Vales Rey, por unha investigación sobre a pena de responsabilidade persoal subsidiaria por impago de multas, e Ángela Castelo Castro, por un traballo sobre o desprazamento temporal de traballadores no marco da libre prestación transnacional de servizos e o transporte internacional na unión europea.

Os premios, dotados con 500 euros para cada modalidade e un diploma acreditativo, serán entregados o vindeiro 20 de xuño no transcurso do acto de graduación de Dereito.

No Diario da Universidade de Vigo tes máis información.
21/05/2025. OUTRAS

O discurso “Alba de Gloria” incorpórase aos fondos da UNESCO para reivindicar a diversidade lingüística e cultural

Hoxe, 21 de maio, a ONU conmemora o Día Mundial da Diversidade Cultural para o Diálogo e o Desenvolvemento, e con este motivo o Legado Activo Beiras Cal, coa colaboración da Real Academia Galega, organizou o envío á biblioteca da UNESCO dun exemplar numerado da primeira edición do discurso “Alba de Gloria” de Castelao, pertencente á biblioteca da pedagoga Antía Cal e do oftalmólogo galeguista Antón Beiras.

Ademais dos representantes das entidades promotoras, Beatriz Beiras Cal (Legado Activo Beiras Cal) e Henrique Monteagudo (RAG), no acto de preparación deste envío participou tamén o alumnado do CEIP Antía Cal Vázquez (Muras), que redactou unha carta dirixida á directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, demandando o apoio da organización internacional ao uso do galego na escola.

Na páxina da RAG podes ampliar información.
21/05/2025. DINAMIZACIóN

Foliada das letras galego-portuguesas “Agora cantamos nós!

A Asociación Cultural Ponte... nas Ondas! organiza a Foliada das letras galego-portuguesas “Agora cantamos nós!”, que xuntará o vindeiro venres 23 de maio, en Santiago de Compostela (no parque Eugenio Granell), a grupos de música, baile e pandeireteiras de 15 centros educativos de Galicia e Portugal, co obxectivo de poñer de manifesto que a nosa literatura oral popular e o cancioneiro tradicional son un patrimonio compartido con Portugal e cos demais países de lingua portuguesa.

O evento conta coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral da Lingua, o Consello da Cultura Galega e a Deputación da Coruña, e enmárcase nun proxecto máis amplo que inclúe a gravación dun audiovisual documental e a publicación dun cancioneiro galego-portugués.

Podes ampliar información premendo aquí.
21/05/2025. DINAMIZACIóN

Afonso Daniel Rodríguez Castelao protagoniza a novena edición de "No bico un cantar"

Neste ano 2025 no que se conmemora o 75º aniversario do pasamento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, o Consello da Cultura Galega organiza, coa colaboración da Xunta de Galicia, a novena edición do certame musical No bico un cantar, cun repertorio no que se homenaxea a figura do ilustre escritor e intelectual rianxeiro. Baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co acompañamento do Quinteto de metais Hércules Brass, o alumnado dos conservatorios profesionais e escolas de música de Galicia e mais do Instituto Arxentino Galego Santiago Apóstol de Bos Aires (que este ano participa como novidade no certame) interpretarán os versos de insignes autores/as galegos/as, rendéndolle a súa especial homenaxe musical a Castelao.

O certame terá lugar o vindeiro 6 de xuño de 2025 na Praza de Rafael Dieste, en Rianxo.

Na páxina web do CCG tes toda a información.
21/05/2025. CURSOS E CONGRESOS

O VIII Congreso AGANTRO centrarase no papel da antropoloxía na actual situación de emerxencia lingüística

A Asociación Galega de Antropoloxía organiza, coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da USC, o VIII Congreso AGANTRO, que nesta edición leva por título A antropoloxía galega fronte á emerxencia lingüística: respostas e propostas. O evento terá lugar o 6 de xuño de 2025 na sede do Instituto da Lingua Galega (Praza da Universidade, 4. Santiago de Compostela), e o seu principal obxectivo será reflexionar sobre a contribución da antropoloxía galega á reversión da perda de falantes de galego, combinando a investigación etnográfica rigorosa co deseño de estratexias efectivas de acción comunitaria.

O prazo de inscrición remata o 30 de maio. Podes consultar o programa completo do congreso e obter máis información sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
19/05/2025. OUTRAS

Un país coa súa lingua: inscrición na mesa “Comunicación, cultura e acción exterior”

Xa está accesible en liña o formulario de inscrición para asistir presencialmente ao cuarto debate do foro Un país coa súa lingua, que nesta ocasión se centrará na formulación de propostas para garantir a presenza do galego nos medios de comunicación, no eido audiovisual e na produción cultural, en xeral. O debate, coordinado por Marta Veiga e Dolores Vilavedra, terá lugar o vindeiro 27 de maio de 2025, a partir das 16:30 h, na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago de Compostela).

Na páxina web do CCG podes ampliar información sobre esta cuarta mesa de debate e acceder ao formulario de inscrición.

A maiores da participación presencial, o CCG habilitou un formulario en liña que estará aberto durante todo o proceso para a recepción de propostas relacionadas con calquera das áreas de análise.

O foro Un país coa súa lingua é unha iniciativa do Consello da Cultura Galega que ten como obxectivo fomentar un diálogo aberto e plural sobre o futuro do galego. O proxecto, de carácter propositivo, estrutúrase arredor de sete mesas de traballo nas que se debaterá sobre o futuro da lingua e se proporán accións normalizadoras en ámbitos como a educación, a administración, a economía, os medios, a cultura e a sociedade.
19/05/2025. EMPREGO

Praza de técnico/a superior de linguas modernas (galego-portugués) na USC

A Universidade de Santiago de Compostela convoca probas selectivas para cubrir unha praza da categoría profesional de técnico/a superior de linguas modernas (galego-portugués), grupo I. O sistema de selección será o de concurso-oposición.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no BOE.

Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
16/05/2025. EMPREGO

Prazas e bolsas de formación en centros de estudos galegos en universidades do exterior

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica dúas convocatorias para cubrir seis bolsas de formación en centros de estudos galegos nas universidades do Algarve, Autónoma de Barcelona, Granada, Barcelona, Río de Janeiro e Zádar; así como catro prazas en centros de estudos galegos das universidades de Kiel, Minho (Braga), Oxford e Varsovia.

En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
15/05/2025. DINAMIZACIóN

O IV Certame #DígochoEu xa ten gañadores

O pasado martes, 13 de maio de 2025, tivo lugar a entrega de premios do IV Certame #DígochoEu, dirixido a centros escolares de Galicia de educación primaria e secundaria. Os gañadores desta edición foron:

Na categoría de educación primaria: CEIP Sagrada Familia (A Coruña), co vídeo ‘Climatoloxía’ (Premio de Ouro); CEIP As Bizocas (San Vicente do Grove), co vídeo ‘Mariscos e peixes’ (Premio de Prata); e CEIP San Xoán de Filgueira (Ferrol) co vídeo ‘Expresións ferrolás’ (Premio de Bronce).

Na categoría de educación secundaria: CPI Plurilingüe O Cruce (Cerceda), coa peza ‘Goza coa túa lingua’ (Premio de Ouro); IES Fontem Albei (A Fonsagrada), co vídeo ‘Foliada’ (Premio de Prata); e IES Eduardo Pondal (Ponteceso), coa peza ‘Expresións da Costa da Morte’ (Premio de Bronce).

A gala de entrega dos premios emitirase na TVG o vindeiro sábado 17 de maio, ás 12:00 h, dentro da programación especial do Día das Letras Galegas.
15/05/2025. INVESTIGACIóN

Edición conmemorativa da RAG dedicada ás cantareiras e á poesía de tradición oral

Nas vésperas da celebración do Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega edita a publicación Por que non hei de cantar?, autoría de Manuel Rico Verea, coa que se quere render homenaxe a todas as informantes, cantareiras e pandeireteiras que nos transmitiron o seu legado poético e musical.

A obra contén unha primeira parte dedicada concretamente ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda, Asunción e Prudencia Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema, de Malpica, e Xosefa Eva Castiñeira, de Muxía (nas que a RAG personaliza a homenaxe das Letras Galegas 2025); e unha segunda parte na que se fai un percorrido pola historia dos cancioneiros que recollen a literatura popular e as melodías tradicionais de Galicia.

Na páxina web da RAG tes máis información.
15/05/2025. DINAMIZACIóN

Volven os Rechouchíos para o público infantil de Moaña

O Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña organizan unha nova edición do programa Rechouchíos, que inclúe un amplo abano de actividades de teatro, narración oral, humor, monicreques, música en directo e xogos populares para público infantil e familiar, que se desenvolverán durante os meses de maio e xuño de 2025. Para poñerlle o ramo, o venres 15 de xuño celebrarse no arboredo da Xunqueira o festival musical Festichío, con música e xogos populares en galego tamén para os máis pequenos/as.

Podes ampliar información premendo aquí.
12/05/2025. DINAMIZACIóN

Xa está aberto o prazo de inscrición na XI Carreira Camiño das Letras

Xurdir, coa colaboración da Xunta de Galicia, organiza a XI Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o 17 de maio de 2025 en Santiago de Compostela, co obxectivo de unir a práctica deportiva coa conmemoración do Día das Letras Galegas e co simbolismo do Camiño de Santiago.

A carreira constará de dúas probas absolutas (de 15 e 5 km) na que poderán participar atletas federados e non federados (estes últimos correrán coa licenza de día da Federación Galega de Atletismo). A maiores, organizaranse tamén carreiras para as distintas categorías “escolares” (de sub6 a sub16) por un circuíto da Cidade da Cultura. Todos os participantes recibirán un libro de agasallo e mais o diploma Camiño das Letras. Os/as gañadores/as tamén recibirán un lote de libros e mais o seu correspondente trofeo. Outorgaranse premios económicos a clubs federados.

A inscrición estará aberta ata o vindeiro mércores, 14 de maio. Para ampliar información sobre o regulamento das probas e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
12/05/2025. DINAMIZACIóN

Gadis conmemora as Letras Galegas reinterpretando o legado das cantareiras

Neste ano no que o Día das Letras Galegas está dedicado á poesía popular oral, Gadis reinterpreta o legado das cantareiras co proxecto artístico Foliada!, unha iniciativa que aglutina ilustración, literatura e música, e na que participan as ilustradoras Xoana Almar, Iria Fafián, Laura Mahía, María Montes e Laura Tovar; e as escritoras Yolanda Castaño, Esther F. Carrodeguas, Ledicia Costas, María Lado e María Solar.

O proxecto, elaborado coa colaboración da Xunta de Galicia, está accesible en liña nesta páxina web conmemorativa. A maiores, editaranse 30.000 exemplares en formato de vinilo musical, que se distribuirán o vindeiro 16 de maio en todos os supermercados Gadis de Galicia.
09/05/2025. DINAMIZACIóN

Subscríbete ao galego e gaña un dominio .gal e mais un aloxamento web

Co gallo da dobre conmemoración, o vindeiro 17 de maio, do Día das Letras Galegas e mais do Día de Internet, a Asociación de Medios en Galego, Dinahosting e PuntoGal únense un ano máis para organizar conxuntamente a campaña “Subscríbete ao galego”, que ten como obxectivo fomentar o uso do galego na rede e apoiar os medios de comunicación que usan o noso idioma.

No marco desta iniciativa, todas as persoas que se fagan subscritoras entre o 17 e o 31 de maio de 2025 dalgún dos medios en galego participantes na campaña (Tempos Novos, Nós Diario, revista Luzes, Praza.gal e Nós Televisión) obterán de balde un dominio .gal e mais o aloxamento para o seu sitio web durante un ano.

Podes obter máis información sobre esta iniciativa premendo aquí.
09/05/2025. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a investigación en lingua galega na Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca axudas, tanto económicas como de asesoramento lingüístico, dirixidas ao alumnado de titulacións oficiais da UDC que redacte e defenda en galego a tese de doutoramento, o traballo de fin de mestrado ou o traballo de fin de grao. Queda excluído desta convocatoria o alumnado do grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; do dobre grao en Español: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios; e mais do dobre grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios, e Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, así como o alumnado daqueles estudos de cuxa natureza e/ou de cuxo contido se derive o uso da lingua galega nos mencionados traballo de investigación.

O prazo de solicitudes para as axudas económicas estará aberto ata o 31 de outubro de 2025.

Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
09/05/2025. DINAMIZACIóN

Bugallido acolle a II Carballeira das Letras

Diferentes asociacións veciñais, culturais e agrarias da parroquia de Bugallido, no concello de Ames, organizan a II Carballeira das Letras, que terá lugar os vindeiros 16 e 17 de maio de 2025.

O programa inaugúrase o venres 16 de maio, ás 19:00 h, no Centro Cultural Mahía cun faladoiro sobre a poesía popular oral e as cantareiras, no que participarán os músicos/as Xabier Díaz e Ana Rodríguez e o académico Antón Santamarina, moderados por Carlos Xosé Vidal, mestre de baile e canto.

Ao día seguinte, 17 de maio, a festa terá lugar na carballeira de Bugallido, que acollerá ao longo de todo o día diferentes actuacións musicais, un obradoiro de baile teatralizado, un obradoiro e exhibición de rap improvisado e regueifa, e un xantar campestre.
09/05/2025. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña presenta o seu programa anual das Letras Galegas 2025

A Deputación da Coruña presentou o seu programa anual de conmemoración das Letras Galegas 2025, que se estenderá a máis de 25 concellos de provincia. A programación, que ten como fío condutor a cultura de tradición oral, inclúe actuacións musicais, proxeccións do documental “Lévame a idea”, funcións teatrais escolares, presentacións literarias, obradoiros de escrita creativa e contacontos.

Na páxina web da Deputación da Coruña podes ampliar información.
08/05/2025. INVESTIGACIóN

O CCG únese á conmemoración das Letras Galegas cunha publicación de homenaxe ás cantareiras galegas

O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou publicamente Agora vou cantar eu, unha homenaxe ás mulleres creadoras e transmisoras da poesía popular cantada coa que a institución se une á conmemoración do Día das Letras Galegas 2025. Trátase dunha publicación coordinada e editada pola antropóloga e musicóloga Beatriz Busto Miramontes, que tamén asina o estudo introdutorio.

A obra estrutúrase en dúas partes. A primeira consta dun álbum de doce postais (elaboradas por Cestola na Cachola) onde están ilustradas un total de catorce mulleres cantareiras, cos seus nomes e apelidos, alcumes, datas e territorios. A maiores, engádese un caderno no que consta transcrito o texto dun cantar escollido para cada unha delas, acompañado dun código QR a través do que se pode acceder á correspondente gravación musical (audio ou vídeo). A segunda das partes contén unha selección poética do Cancioneiro Popular Galego, a colección de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina que está depositada no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega.

Podes ampliar información no especial web que o CCG elaborou para a ocasión.
06/05/2025. DINAMIZACIóN

A RAG celebrará o acto central das Letras Galegas 2025 en Malpica

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, ás 12:30 h, terá lugar no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños a sesión extraordinaria e pública que a Real Academia Galega celebra este ano en homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral. No acto intervirán os/as académicos/as Ana Boullón, Antón Santamarina e Xesús Alonso Montero. A parte musical correrá a cargo das Tanxugueiras.

A entrada é libre ata completar a capacidade do Auditorio. As persoas que non poidan asistir presencialmente poderán ver a emisión en directo desde a páxina web academia.gal.

Podes ampliar información premendo aquí.
06/05/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Fene anuncia a nova edición do campus lingüístico “Verán máis alá”

O Concello de Fene organiza unha nova edición do campus lingüístico “Verán máis alá”, deseñado co obxectivo de facilitar unha alternativa de lecer educativo en lingua galega e promover a conciliación da vida laboral e familiar. O programa está dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria, nado entre os anos 2013 e 2021 (idades de referencia de 3 a 12 anos). Organizarase en dúas quincenas, a primeira do 1 ao 15 de xullo e a segunda do 16 ao 31 de xullo de 2025 (pódese participar nas dúas, ou nunha soa). A matrícula provisional pode facerse por medios telemáticos (desde o 30 de maio ao 2 de xuño) ou presencial (do 4 ao 6 de xuño). Nesta última modalidade cómpre solicitar cita previa os días 26, 27 e 28 de maio.

Podes consultar o texto completo das bases reguladoras para a matriculación no programa “Verán máis alá 2025” premendo aquí.
05/05/2025. DINAMIZACIóN

Actos de conmemoración das Letras Galegas na Universidade de Vigo

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo organiza o acto “O Dereito e as Letras Galegas”, que terá lugar o vindeiro xoves, 8 de maio de 2025, na sede desta facultade. No evento participarán o profesor Xosé Manuel Pacho Blanco co relatorio “As cantareiras e a cultura galega” e a escritora Marga do Val, co relatorio “Lois Tobío, memoria dun xurista”. Ao remate anunciarase o veredicto do xurado do IV Premio xurídico de investigación en lingua galega Xosé Luis Franco Grande.

Pola súa parte, a Facultade de Educación e Traballo Social (no Campus de Ourense) tamén celebrará ese mesmo día, 8 de maio, o evento “De Rosalía ás cantareiras: as Letras Galegas con voz de muller”, que terá lugar na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade. Neste caso, Cristina Asenjo presentará o relatorio “A tradición de cantar: cantareiras e cantares” e a seguir Mercedes González e Fernando Dacosta moderarán unha mesa redonda con alumnado de Educación Infantil e Primaria. O acto estará amenizado coa música do grupo de pandeireteiras Xúa e a actuación das regueifeiras Branca Trigo e Silvia Villar.

05/05/2025. DINAMIZACIóN

Xosé Lois Romero e Aliboria protagonizan o AgoraSón da primavera 2025

O Servizo de Normalización Lingüística e as Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña conmemorarán o Día das Letras Galegas organizando unha nova edición do programa AgoraSón, unha iniciativa que ten como principais obxectivos fomentar a lectura en lingua galega e promover o préstamo bibliotecario de materiais no noso idioma (libro, película, CD etc.). A principal acción do programa é a celebración dun concerto, que nesta edición da primavera de 2025 estará protagonizado por Xosé Lois Romero e Aliboria. O evento terá lugar o vindeiro 30 de maio, ás 21:00 h, no auditorio do Centro Ágora.

A entrada é de balde, mais cómpre ter invitación. A partir do venres 23 de maio, entregaranse un máximo de dous convites por carné de socia/o das Bibliotecas Municipais da Coruña ao solicitar un préstamo de material en galego.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
02/05/2025. DINAMIZACIóN

O CCG presenta o programa do Concerto das Letras Galegas 2025

O Consello da Cultura Galega organiza, en colaboración co Concello de Carballo, o Concerto das Letras Galegas 2025, que nesta edición terá lugar o 16 de maio, ás 20:30 horas, no Pazo da Cultura de Carballo. Os once artistas procedentes da música tradicional, da popular e da moderna que conforman o grupo Do Bertau (creado expresamente para o Concerto das Letras Galegas 2025) renderán homenaxe ás cantareiras e á poesía popular oral a través dun repertorio musical que comeza e remata na Costa da Morte.

A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. O concerto tamén se emitirá a través do web do Consello da Cultura Galega e, ao día seguinte, na tvG2.
30/04/2025. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago presenta as actividades do Apego para o mes de maio

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa de actividades que se organizarán durante o vindeiro mes de maio no marco do proxecto Apego, deseñado para fomentar o uso do galego na socialización da primeira infancia. A oferta inclúe obradoiros de cociña, actividades de psicomotricidade, contos, xogos e espectáculos lúdicos, que permitirán aos máis pequenos/as coñecer mellor a súa cidade no mes no que se celebra a festa compostelá de maior arraigamento: a Ascensión.

Podes ampliar información sobre as diferentes actividades, así como sobre os trámites de inscrición, premendo aquí.
29/04/2025. LEXISLACIóN

A Mesa e a AELG entréganlle ao Comité de Dereitos da ONU un informe sobre a situación do galego

Representantes da Mesa pola Normalización Lingüística e da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega presentaron hoxe, 29 de abril de 2025, na sede de Nacións Unidas en Xenebra o informe Os Dereitos Lingüísticos na Galiza, dirixo ao Comité de Dereitos da ONU para que o teña en conta no 49º exame universal ao Estado español. O informe, que conta co apoio de 26 personalidades do ámbito cultural da lusofonía, contén os incumprimentos de acordos internacionais en materia de dereitos lingüísticos por parte do Estado español e, nomeadamente, da Xunta de Galicia.

Podes ampliar información premendo aquí.
29/04/2025. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación da Coruña resolve provisionalmente as axudas ao audiovisual en galego

A Deputación da Coruña publica a resolución pola que se aproban de xeito provisional as subvencións para a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galga na provincia da Coruña durante o ano 2025.

A partir do día seguinte ao da publicación desta resolución, abrirase un prazo de 10 días hábiles para que os solicitantes poidan comunicar, se é o caso, a desistencia da solicitude, ou presentar solicitude de reformulación, alegacións ou emenda de erros.
23/04/2025. OUTRAS

Datas e lugares das probas para a obtención do Celga

A Secretaría Xeral da Lingua anuncia as datas e lugares de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4), que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 7 de marzo de 2025.

As probas realizaranse en Santiago de Compostela: IES Antonio Fraguas (Celga 2, 3 e 4) e Escola Galega de Administración Pública (Celga 1); en Ponferrada: Escola Oficial de Idiomas desta localidade (Celga 2, 3 e 4) e en Madrid: Casa de Galicia en Madrid (Celga 2, 3 e 4).

As datas serán as seguintes:
-Celga 1: 31 de maio de 2025
-Celga 2: 25 de maio de 2025
-Celga 3: 24 de maio de 2025
-Celga 4: 10 e 11 de maio de 2025 (organízanse dúas quendas segundo a letra pola que empece o primeiro apelido das persoas admitidas a participar nas probas).
21/04/2025. DINAMIZACIóN

Homenaxe a José Silvent, impulsor do galego no espectáculo de títeres

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, coa colaboración da Asociación Cedofeita, o Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial de Pontevedra e a Xunta de Galicia, organiza un acto de homenaxe a José Silvent, creador do personaxe Barriga Verde, precursor do uso do galego no espectáculo de títeres.

O acto terá lugar o vindeiro 26 de abril, ás 18:00 h, na Casa da Cultura de Lérez (Pontevedra). A seguir, no cemiterio parroquial substituirase a súa lápida en castelán por outra en galego.

Podes ampliar información premendo aquí.
21/04/2025. CURSOS E CONGRESOS

O Instituto Cervantes de Nova York incorpora cursos de galego á súa oferta formativa

O Instituto Cervantes de Nova York inclúe por primeira vez na súa oferta formativa cursos de lingua galega, grazas ao programa de colaboración que esta entidade mantén coa Xunta de Galicia para a proxección do noso idioma no exterior. Na oferta formativa da primavera de 2025 inclúese xa o curso presencial de introdución ao galego Lingua e cultura galegas: rutas e raíces, que impartirá Álex Alonso Nogueira entre os meses de abril e xuño de 2025.

No Portal da Lingua Galega podes ampliar información sobre este programa de colaboración.