Agora vou cantar eu

Agora vou cantar eu

O Día das Letras Galegas 2025 celebra este ano a voz das mulleres na música popular. O Consello da Cultura Galega dedica a súa publicación conmemorativa a unha escolma de cantigas que "rescata os nomes e alcumes, a voz, o rostro, a localización xeográfica e cronolóxica das súas protagonistas" ao longo da xeografía galega, nunha escolma a cargo de Beatriz Busto Miramontes. Deste conxunto escolmáronse catorce cantareiras representativas de cantos e xéneros ao longo de Galicia, e Cestola na Cachola elaborou coidadas postais que conducen aos seus rexistros sonoros e audiovisuais. Convidámosche a exploralas connosco.

O libro



O libro Agora vou cantar eu quere, en palabras da editora Beatriz Busto Miramontes, "trascender ás mulleres nomeadas como representantes de todas as que foron creadoras e transmisoras deste valioso patrimonio coa intención de proporcionar unha imaxe o máis aproximada posible da diversa, rica e colectiva dimensión dese saber lírico e musical". O libro inclúe un prólogo de Rosario Álvarez, un estudo introdutorio e o conxunto de cantigas, canda as ilustracións e o acceso aos contidos multimedia.


Escolma audiovisual

As ilustracións realizadas por Cestola na Cachola (Xoana Almar e Miguel Peralta) interpretan o rexistro fotográfico e as temáticas dos cantos de doce cantareiras de toda Galicia das que amosamos unha selección de audio ou vídeo co seu cantar. Son Rosa de Moscoso, Estrela do Marmito, Concha do Canizo, Dolfiña de Añobres, Áurea de Laxoso, Josefa de Bastavales, Josefa de Mongarillo, Felicia de Fofe, as pandeireteiras da Alén, Concha de Luneda, Ilda Álvarez Macía e Inés de Naipes.


As cantareiras no territorio

O mapa permite ver a distribución territorial por toda Galicia das noventa e catro cantareiras presentes na publicación. Os puntos vermellos representan ás doce cantareiras das que se poden escoitar ou ver recursos audiovisuais, con enlaces á información completa sobre elas e ás súas cantigas.


Explora o Cancioneiro Popular Galego



Escoita no Mapa Sonoro de Galicia os rexistros xa publicados do Cancioneiro popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.