Símbolo do movemento agraristaBasilio Álvarez faleceu en novembro de 1943 no Centro Español de Tampa (Florida, EUA) e foi soterrado no cemiterio desa institución envolto na bandeira republicana española. Na lápida, un retrato dos seus tempos de Acción Gallega, coas datas e lugares de nacemento e defunción mais unha sinxela inscrición que a...
Símbolo do movemento agraristaBasilio Álvarez faleceu en novembro de 1943 no Centro Español de Tampa (Florida, EUA) e foi soterrado no cemiterio desa institución envolto na bandeira republicana española. Na lápida, un retrato dos seus tempos de Acción Gallega, coas datas e lugares de nacemento e defunción mais unha sinxela inscrición que apenas dá pistas sobre a complexidade dun fascinante periplo vital: «Recuerdo de los amigos de un Español ilustre que luchara para su país y para la humanidad».
Na prensa da España franquista o pasamento de Basilio non foi amentado, nin tampouco se recolleu no boletín da diocese de Ourense, como se adoitaba facer con todos os cregos falecidos. A partir de 1950 pódense localizar mencións illadas na prensa galega, pero centradas no inesgotable anecdotario e excesos verbais que protagonizou ao longo da súa vida, xa descontextualizados e despolitizados. Nos anos sesenta publícanse esporadicamente referencias á súa relación con destacadas figuras da arte e da cultura galegas. Malia todo, Basilio Álvarez seguía sendo unha lembranza incómoda para moitos na Galicia do franquismo, como exemplifica un libro de entrevistas publicado en 1971, aínda que escrito oito anos antes: Galicia en sus hombres de hoy, do sacerdote mindoniense Carlos Polo López-Verdeal. Nin Ramón Cabanillas nin Francisco Asorey, dous dos entrevistados, o amentan, malia a intensa relación que mantiveran co polémico crego e a axuda que lles prestara nas súas carreiras respectivas.
Na Galicia do franquismo Basilio semellaba desaparecido do recordo público e, na medida en que aparecía, era amputado dos seus perfís máis inapropiados para o réxime: a súa rebeldía fronte á xerarquía eclesiástica, a súa traxectoria como axitador do agro e o seu compromiso coa Segunda República. Porén, por baixo do silenciamento oficial, na Galicia dos anos sesenta os movementos de protesta contra o réxime estaban a se reapropiar da figura de Basilio Álvarez para gañaren lexitimidade e un senso de continuidade co pasado tronzado en 1936. No activismo católico de base do tardofranquismo, Basilio Álvarez serviu como referente de compromiso temporal da Igrexa e de opción polos oprimidos, co engadido de reforzar o elemento galeguista. Nese sentido, cómpre entender tamén a biografía apoloxética que lle consagra xa en 1977 José Fernández Muíños na Pontificia de Comillas, na que o presenta como un adiantado do Concilio Vaticano II.
No que atinxe ao exilio, nada máis morrer, dedicóuselle unha velada no Centro Orensano de Bos Aires, na que interviñeron Xosé Núñez Búa e Alfonso R. Castelao. Desde Nova York, España Libre despediuno cunha lembranza na que comeza a construírse o mito do loitador indomable por Galicia e polos labregos e do home que o sacrificara todo para pórse ao servizo dos humildes. No Galicia de Bos Aires, da Federación de Sociedades Galegas, a noticia do seu pasamento, en portada, daba por redimidos os seus erros («conducta desordenada», «indisciplina permanente», «existencia un tanto anarquizada») coa súa oposición ao golpe de Estado e a súa fidelidade á República. O Centro Orensano de Bos Aires dedicoulle unha homenaxe en xaneiro de 1944 con intervencións de Rodolfo Prada, Núñez Búa, Antón Alonso Ríos e Castelao.
Na Transición, Basilio Álvarez reaparece nos discursos públicos. Por exemplo, Moncho Valcarce (1935-1993), o cura nacionalista das Encrobas, será comparado con el en repetidas ocasións. Logo da brutal paréntese de case catro décadas, o asociacionismo libre dos labregos dá os seus primeiros pasos. Malia que a equivalencia coas sociedades agrarias anteriores á guerra non sexa completa, búscase nelas un antecedente e unha fonte de inspiración e de lexitimidade. Nese proceso, Basilio Álvarez reaparece como símbolo do conxunto do agrarismo —unha identificación que sen dúbida sería do seu agrado— e caracterizado con doses innegables de idealización, que en parte se orixinan pola carencia de achegas historiográficas.
En 1977, cadrando co centenario do seu nacemento, foi a ocasión para que recobrase visibilidade. En agosto foi homenaxeado pola Confederación Sindical Galega de Sociedades Agrarias, próxima ao Partido Comunista de Galicia e que se declarou continuadora da súa obra: lembrou o saqueo do Centro Basilista de Ourense en 1936 e esixiu que se lle (re)dedicase unha rúa na súa cidade natal. De modo significativo, a Igrexa como institución non se sumou a este nin a ningún dos demais actos de lembranza dun persoeiro que, incómodo e inmanexable, non deixaba de ser o crego da diocese máis célebre da idade contemporánea. La Región dedicoulle un especial o día do seu centenario, con colaboracións de José Antonio Durán e do exsacerdote e político socialista Celso Montero, que lembrou que «en su Orense se había impuesto primero la difamación y luego el silencio sobre su nombre». O Ateneo de Ourense celebrou un seminario sobre historia do agrarismo galego como homenaxe á súa defensa dos labregos, de novo a cargo de Durán, quen nas súas Crónicas estaba dedicando algúns episodios ao Basilio da etapa de Acción Gallega e aínda chegaba a tempo de recorrer á fonte oral e entrevistar algúns dos seus contemporáneos, como Ramón Fernández Mato ou Eduardo Blanco-Amor. Comeza así o tránsito da memoria á historia, a medida que se inicia a investigación sobre o movemento agrarista. Dúas sobriñas de Basilio gardaran unha colección case íntegra da súa principal creación xornalística, La Zarpa, que rematou sendo depositada na Biblioteca da Deputación Provincial e na actualidade tamén no repositorio dixital Galiciana.
Na súa antiga parroquia de Beiro, a Asociación de Veciños erixiu un monólito na súa lembranza fronte á igrexa parroquial, que foi o marco para actos de homenaxe en ocasións posteriores. Tamén se creou na parroquia unha organización xuvenil co seu nome. Outro «lugar da memoria» de Basilio, a súa casa natal, foi en troques derrubada en 1986. Posteriormente dedicaríaselle unha rúa na súa cidade, moi preto da estación do ferrocarril, cunha placa que o presenta como «Sacerdote ourensán fundador do movemento agrarista galego», o cal é inexacto pero demostra o seu triunfo póstumo na memoria popular. O movemento agrarista é anterior á incorporación de Basilio a el, en 1910-1912, mais para os galegos na actualidade talvez sexa o primeiro (ou único) nome propio relacionado con este movemento que lles veña á mente. Calquera historiador galego actual que se ocupe do tema pode testemuñar que nas aulas e palestras sobre o movemento agrarista é practicamente a única figura que se saca a colación de xeito espontáneo entre o público ou o estudantado. Seguen a circular algunhas das frases míticas como esa dinamita que cheira a incenso, cuxo prezo é a distorsión do impacto profundo do movemento agrarista, ao deixar no esquecemento dimensións menos espectaculares como o cooperativismo ou o cambio técnico.
Na súa dimensión política, Basilio Álvarez é un orfo, por así dicilo, pois ningunha das formacións en que militou (o efémero Partido Agrario, o Radical, o Centro Portelista) tivo continuidade máis alá da Guerra Civil. A diferenza doutras figuras históricas vencelladas a sindicatos ou partidos que sobreviviron ata a actualidade, non foi apropiado de xeito preferente por ninguén. Isto tivo dúas consecuencias: a primeira, negativa, no sentido de que ningunha fundación se propuxo reunir o seu legado material e fomentar iniciativas para coñecer e divulgar a súa obra; a segunda, que quedou dispoñible para ser reivindicado en función das necesidades e puntos de vista de cadaquén. Figuras ligadas ao Partido Comunista de España puideron vencellalo así a Benigno Álvarez (1900-1937), veterinario de Maceda e dirixente deste partido que impulsou na República a constitución de numerosas sociedades agrarias na provincia de Ourense. Tamén a Unión do Povo Galego se identificaría coas loitas agraristas, incluído o propio Basilio. O mesmo punto de vista estaba detrás da alcaldía de Oleiros, nas mans de Ángel García Seoane, cando lle dedicou unha rúa a carón dunha escolma de figuras icónicas da esquerda como o Che Guevara, Dolores Ibárruri ou Salvador Allende, malia o expreso distanciamento de Basilio con respecto ao marxismo. Xunto coa Guarda e Ourense, son —por certo— as tres presenzas súas hoxe en día no rueiro en Galicia.
Nos medios vencellados ao nacionalismo galego tense mantido en certo xeito a visión do agrarismo que fixeran súas as Irmandades e posteriormente o Partido Galeguista. Como expresión da compoñente máis enxebre e incontaminada da poboación —os labregos—, a súa evolución natural debera ser a converxencia co nacionalismo, ao que puidera achegar a arelada base de masas. Esa concepción do movemento agrarista, e tamén de Basilio Álvarez, como un precedente das Irmandades e do Partido Galeguista, animado por unha sorte de nacionalismo inconsciente non de todo asumido, segue latente. A relación do abade de Beiro coas Irmandades da Fala e despois co Partido Galeguista non estivo exenta de conflitos, pero en certa maneira compensouno a consistente defensa da autonomía e o entendemento persoal con moitos dos seus líderes.
Bibliografía
ÁLVAREZ, Basilio (1977 [1913]): Abriendo el surco. Manual de lucha campesina. [Ed. J. A. Durán]. Madrid, Akal
ÁLVAREZ, Basilio (1989 [1937]): España en crisol. [Ed. J. A. Durán]. Sada, Ediciós do Castro.
ÁLVAREZ, Basilio (1991): Dos años de agitación política (Basilio Álvarez no Parlamento). [Ed. Marcos Valcárcel]. Sada, Ediciós do Castro.
CABO VILLAVERDE, Miguel (2023): «Ese vento que vai sóbor da terra». A vida desmedida de Basilio Álvarez, Ourense, Deputación Provincial de Ourense.
TEZANOS GANDARILLAS, Maria Luisa (1997): «Basilio Álvarez: “Una sotana casi rebelde”», Espacio, Tiempo y Forma, V:10, 151-177.
VALCÁRCEL LÓPEZ, Marcos / Julio PRADA RODRÍGUEZ (2012): «Basilio Álvarez (1877-1943)», en Jesús de Juana López / Julio Prada Rodríguez / Domingo Rodríguez Teijeiro (eds.), Galegos de Ourense, vol. I, Ourense, Deputación Provincial de Ourense, 289-318.
Ver biografía completa