Mestra feminista e socialista asasinada en 1936. -Non o merecía!, berrou desesperada María Victoria, muller de Vilaescura (parroquia do concello de Sober), cando soubo que asasinaran a María, a súa amiga, ademais de familiar, e madriña da súa filla.Así nos conta María Victoria, a afillada de María Vázquez Suárez, a inxustiza que en 1936 ...
Mestra feminista e socialista asasinada en 1936. -Non o merecía!, berrou desesperada María Victoria, muller de Vilaescura (parroquia do concello de Sober), cando soubo que asasinaran a María, a súa amiga, ademais de familiar, e madriña da súa filla.
Así nos conta María Victoria, a afillada de María Vázquez Suárez, a inxustiza que en 1936 se cometeu coa súa madriña; con “Maruja”, a que lle facía vestidiños con fermosos bordados nos veráns que pasaba en Vilaescura, unha muller de “grandísima calidade humana”, mestra de Miño asasinada por feminista, atea e socialista, un “elemento peligrosísimo”, segundo consta no informe da Garda Civil sobre a súa causa.
María Vázquez Suárez nacera en Santiago en 1895, filla de Joaquín Vázquez (de Vilaescura), militar e logo empresario, e de Andrea Suárez, cantineira do rexemento de Joaquín.
O título de mestra superior acádao María en 1913 e en 1918 é nomeada para a escola de nenas da Pobra do Caramiñal, logo de demorarse a obtención da praza que obtivera en 1917 para un destino en Castellón, feito que ocasionou protestas públicas na prensa por parte de seu pai. Non é ata decembro de 1929 cando consigue a praza de mestra na escola número 2 de Miño.
Dende o inicio da súa andaina profesional interesouse pola formación pedagóxica, recibindo cursos de perfeccionamento na Coruña, onde estivo con María Barbeito, e simpatizou co movemento de renovación pedagóxica impulsado pola República, coa organización de numerosas saídas escolares co alumnado de Miño. Conta a súa afillada María Victoria, quen conserva na casa revistas pedagóxicas da mestra, que María Vázquez tiña bos dotes de costureira e facíalles uniformes para as alumnas sen “distinción de clase”.
En Miño, María Vázquez Suárez é lembrada pola súa actividade solidaria a prol das persoas máis desfavorecidas e pola súa intensa actividade política, pois María militou no PSOE, participou en mitins e diversos actos, e foi fundadora da agrupación socialista de Miño en 1933. Estaba, tamén, afiliada á sección de ensino da UGT desde 1933 e era socia de agrupacións feministas, destacando nos seus discursos a preocupación polos dereitos das mulleres. En 1933, María impartiu unha conferencia no local coruñés da Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas.
Contan en Vilaescura que fora animada a esta actividade social e política polo seu pai, que vira na súa filla unha grande oradora e defensora da liberdade.
No momento do golpe militar, María atopábase na Coruña, onde foi detida a inicios de agosto e trasladada ao cárcere de Pontedeume. Alí, onde sufriu tortura, non lle deixaron comunicarse con ninguén nin permitiron que o seu pai puidese entregarlle roupa ou comida.
Estando encarcerada, o 14 de agosto foi destituída como mestra, documento de destitución que asina con pulso vacilante María un día antes do seu asasinato.
Na madrugada do 19 de agosto, falanxistas e gardas civís de Pontedeume sacaron a María do cárcere, xunto con outros presos, e asasinárona nunha praia de Miño, aínda que a súa morte non foi rexistrada ata decembro.
Foi acusada, entre outras cousas, de postular a escola laica e o amor libre, así como de enterrar á súa nai sen rito católico (cando Andrea morreu en 1934, realizáranlle un enterro civil).
Tras a súa morte, Joaquín, o pai, foi obrigado a abandonar Miño e regresou a Vilaescura en 1941, onde lembran que nunca superou o asasinato da súa filla, que o pasou mal toda a vida (ata a súa morte en 1950) e que se fixo un home solitario. Ía todas as tardes a unha pequena casoupa, coñecida hoxe como a “casiña do capitán”, que construíu afastada das casas, cerca de Penabión, a ler o xornal e estar só, mirando o paso do tren aló abaixo cara ao Cabe. Pouco antes de morrer fora un tempo á misa, “por cumplir”, polo que o puideron enterrar no camposanto en Vilaescura, nunha tumba de terra.
Foi Joaquín quen detrás dunha foto da súa filla escribiu: Maruja Vázquez Suarez, Maestra de Miño - Fusilada por los fascistas de Puentedeume el 21 de Agosto (sic) de 1936. ¡Cobardes!
Unha guerra é-che o pior do mundo exclamou María Victoria, a afillada de Maruja, lembrando a súa visita a Pontedeume, a onde acudiu coa familia para ver no cemiterio a lápida de María, que posteriormente desapareceu, como se así a puidesen borrar da nosa Historia.
Paula Vázquez Verao.
Asociación Cultural de Sober O Colado do Vento
Ver biografía no Álbum de Galicia