María Vázquez Suárez
Santiago de Compostela, 1895 - Praia de Bañobre, A Ponte Baxoi - Miño, 19/8/1936Autoría: Paula Vázquez Verao
Mestra feminista e socialista asasinada en 1936.
-Non o merecía!, berrou desesperada María Victoria, muller de Vilaescura (parroquia do concello de Sober), cando soubo que asasinaran a María, a súa amiga, ademais de familiar, e madriña da súa filla.
Así nos conta María Victoria, a afillada de María Vázquez Suárez, a inxustiza que en 1936 se cometeu coa súa madriña; con “Maruja”, a que lle facía vestidiños con fermosos bordados nos veráns que pasaba en Vilaescura, unha muller de “grandísima calidade humana”, mestra de Miño asasinada por feminista, atea e socialista, un “elemento peligrosísimo”, segundo consta no informe da Garda Civil sobre a súa causa.
María Vázquez Suárez nacera en Santiago en 1895, filla de Joaquín Vázquez (de Vilaescura), militar e logo empresario, e de Andrea Suárez, cantineira do rexemento de Joaquín.
O título de mestra superior acádao María en 1913 e en 1918 é nomeada para a escola de nenas da Pobra do Caramiñal, logo de demorarse a obtención da praza que obtivera en 1917 para un destino en Castellón, feito que ocasionou protestas públicas na prensa por parte de seu pai. Non é ata decembro de 1929 cando consigue a praza de mestra na escola número 2 de Miño.
Dende o inicio da súa andaina profesional interesouse pola formación pedagóxica, recibindo cursos de perfeccionamento na Coruña, onde estivo con María Barbeito, e simpatizou co movemento de renovación pedagóxica impulsado pola República, coa organización de numerosas saídas escolares co alumnado de Miño. Conta a súa afillada María Victoria, quen conserva na casa revistas pedagóxicas da mestra, que María Vázquez tiña bos dotes de costureira e facíalles uniformes para as alumnas sen “distinción de clase”.
En Miño, María Vázquez Suárez é lembrada pola súa actividade solidaria a prol das persoas máis desfavorecidas e pola súa intensa actividade política, pois María militou no PSOE, participou en mitins e diversos actos, e foi fundadora da agrupación socialista de Miño en 1933. Estaba, tamén, afiliada á sección de ensino da UGT desde 1933 e era socia de agrupacións feministas, destacando nos seus discursos a preocupación polos dereitos das mulleres. En 1933, María impartiu unha conferencia no local coruñés da Liga Internacional de Mulleres Ibéricas e Hispano-Americanas.
Contan en Vilaescura que fora animada a esta actividade social e política polo seu pai, que vira na súa filla unha grande oradora e defensora da liberdade.
No momento do golpe militar, María atopábase na Coruña, onde foi detida a inicios de agosto e trasladada ao cárcere de Pontedeume. Alí, onde sufriu tortura, non lle deixaron comunicarse con ninguén nin permitiron que o seu pai puidese entregarlle roupa ou comida.
Estando encarcerada, o 14 de agosto foi destituída como mestra, documento de destitución que asina con pulso vacilante María un día antes do seu asasinato.
Na madrugada do 19 de agosto, falanxistas e gardas civís de Pontedeume sacaron a María do cárcere, xunto con outros presos, e asasinárona nunha praia de Miño, aínda que a súa morte non foi rexistrada ata decembro.
Foi acusada, entre outras cousas, de postular a escola laica e o amor libre, así como de enterrar á súa nai sen rito católico (cando Andrea morreu en 1934, realizáranlle un enterro civil).
Tras a súa morte, Joaquín, o pai, foi obrigado a abandonar Miño e regresou a Vilaescura en 1941, onde lembran que nunca superou o asasinato da súa filla, que o pasou mal toda a vida (ata a súa morte en 1950) e que se fixo un home solitario. Ía todas as tardes a unha pequena casoupa, coñecida hoxe como a “casiña do capitán”, que construíu afastada das casas, cerca de Penabión, a ler o xornal e estar só, mirando o paso do tren aló abaixo cara ao Cabe. Pouco antes de morrer fora un tempo á misa, “por cumplir”, polo que o puideron enterrar no camposanto en Vilaescura, nunha tumba de terra.
Foi Joaquín quen detrás dunha foto da súa filla escribiu: Maruja Vázquez Suarez, Maestra de Miño - Fusilada por los fascistas de Puentedeume el 21 de Agosto (sic) de 1936. ¡Cobardes!
Unha guerra é-che o pior do mundo exclamou María Victoria, a afillada de Maruja, lembrando a súa visita a Pontedeume, a onde acudiu coa familia para ver no cemiterio a lápida de María, que posteriormente desapareceu, como se así a puidesen borrar da nosa Historia.
Paula Vázquez Verao.
Asociación Cultural de Sober O Colado do Vento

Como citar: Vázquez Verao, Paula : María Vázquez Suárez. Publicado o 1/1/2015 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22271. Recuperado o 17/11/2025
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Texto e calendario homenaxe de Lola Ferreiro ás mestras do primeiro terzo do século XIX. O calendario engade os retratos de: Mercedes Romero Abella, Engracia Vérez Puentes, María Barbeito Cerviño, María Vázquez Suárez, Concepción Saiz Otero, Ernestina Otero Sestelo, Carmen Muñoz Manzano, Elvira Bao Maceiras, Francisca Morlan Ramos “Pancha”, Josefina García Segret, María Victoria Moreno, Nieves Fariza Alonso. Ver Documento
FERREIRO DÍAZ, LOLA: Mestras de escola e de vida (2017)
Fonte: CDIF
SOBRINO CEBALLOS, Juan; DOMÍNGUEZ FERRO, ManueL: “Que pouco vale unha mestra! Un achegamento á figura de María Vázquez Suárez”,. Ver Documento
Cátedra. Revista eumesa de estudios, Pontedeume, nº 18 (2011), p. 209-227.
Fonte: http://catedra.pontedeume.es/18/catedra1806.pdf. [Data de descarga: 02/03/2015]
Mulleres e memoria histórica, por Aurora Marco. Ver Documento
Elaborado con motivo da aprobación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.
Ligazóns de interese
María Vázquez Suárez no blog maestras republicanas
[última consulta: 30/06/2021]
Blogue sobre as vítimas da represión franquista no Concello de Sober.
[última consulta: 30/06/2021]
“A casiña do capitán”, artigo de Alfonso Campos Pérez sobre Joaquín Vázquez, o pai de María Vázquez Suárez.
[última consulta:30/06/2021]
María Vázquez Suárez no blog da Asociación Cultural de Sober O Colado do Vento
[última consulta: 30/06/2021]
Referencias bibliográficas
- VV.AA.: Testemuños orais de María Victoria e Pepe “Carrelo” da parroquia de Vilaescura