Evaristo Antonio Mosquera

----

Evaristo Antonio Mosquera

1834 Monforte de Lemos (Lugo)
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Evaristo Antonio Mosquera

1834- Monforte de Lemos (Lugo)
Un hábil calculista
Evaristo Mosquera Quiroga foi catedrático dos institutos de Pontevedra e Palencia. Publicou un Ábaco aritmético, unha Memoria sobre un nuevo procedimiento para la extracción de las raíces cúbicas de los números enteros e un Reductor métrico. O título completo da primeira das obras citadas é Ábaco aritmético o nuevo sistema de cálculo numérico en gran parte mecánico, menos laborioso y mucho más fácil, rápido y seguro que el usual, e está dedicada a Vázquez Queipo. Consiste nunhas táboas que permiten facer rapidamente multiplicacións, cadrados, cubos, raíces cadradas e raíces cúbicas. O Ábaco revela unha a gran habilidade do autor como calculista, pero non supón unha gran avantaxe sobre os as táboas de logaritmos.

Na segunda das obras, a Memoria sobre un nuevo procedimiento para la extracción de las raíces cúbicas de los números enteros, proponse una pequena mellora no método tradicional para facer raíces cúbicas. O Reductor métrico, que foi moi útil no seu tempo, hoxe ten escaso interese matemático pero grande valor histórico. Consta dúas partes. A primeira consiste nunhas táboas de conversión ao sistema métrico decimal das vellas medidas e pesos que aínda estaban en uso en España. A segunda é un dicionario de equivalencias entre as medidas de España e as de ultramar, así como as inglesas e norteamericanas. É un libro de tipografía curiosa, porque está impreso en dúas cores, e hai que poñelo ao dereito ou ao revés segundo sexa o sentido da conversión.




Bibliografía:



Fontes impresas:

MOSQUERA QUIROGA, E. A. (1864): Ábaco aritmético ó nuevo sistema de cálculo numérico en gran parte mecánico, menos laborioso y mucho más fácil, rápido y seguro que el usual, Pontevedra: Imprenta de Antúnez, Vilas y Cía.

MOSQUERA QUIROGA, E. A. (1872): Memoria sobre un nuevo procedimiento para la extracción de las raíces cúbicas de los números enteros, Palencia: Imprenta de Hijos de Gutiérrez.

MOSQUERA QUIROGA, E. A. (1876): Reductor métrico y diccionario metrológico español, inglés y norteamericano, Palencia: Imprenta de Hijos de Gutiérrez.


Bibliografía secundaria:

MORENO CASTILLO, R. (1992): Pensamento Matemático en Galicia, A Coruña: Ediciós do Castro.