Literata pioneira e interesada no progreso de Galicia e no benestar socialDe ascendencia española-mexicana, Francisca Claudia Josefa Antonia González-Garrido y García —coñecida polo nome de Fanny Garrido e polo pseudónimo “Eulalia de Liáns”—, nace o 30 de outubro de 1842 na cidade da Coruña, froito do matrimonio entre o Xefe de Medic...
Literata pioneira e interesada no progreso de Galicia e no benestar socialDe ascendencia española-mexicana, Francisca Claudia Josefa Antonia González-Garrido y García —coñecida polo nome de Fanny Garrido e polo pseudónimo “Eulalia de Liáns”—, nace o 30 de outubro de 1842 na cidade da Coruña, froito do matrimonio entre o Xefe de Medicina do Hospital Militar da Coruña, Francisco de Borja González Garrido del Amo, natural de Vilafranca do Bierzo, e Josefa García Cuenca, oriúnda de México. Neta por liña paterna do médico leonés Agustín González Garrido e da castelá manchega Ana María del Amo, foi a menor de tres irmás: a primoxénita, Ana, naceu en Madrid en 1838 e a mediana, Enriqueta, en San Sebastián dous anos despois. A familia ao completo atoparía estabilidade residencial na cidade da Coruña, onde se criaron as tres nenas, que recibirían unha sólida educación en cultura e linguas, propia da burguesía.
A beleza de Fanny Garrido é tema reiterado nos máis dos textos que se lle dedican. A descrición máis detallada que dela se conserva nace da pluma da escritora Isabel Martínez-Barbeito no seu artigo «La castellana de Lóngora»: tenía ojos azules, grandes y dulces, fino cutis, un rostro de rasgos armoniosos; el pelo rubio peinado, de adolescente, en bucles y más tarde en bandos sencillamente recogido en la nuca; todo ello aderezado con un aire de gran señora
. Ao redor desta mitificada beleza xurdiu unha lenda urbana, un clásico da crónica coruñesa: foron moitas as persoas que contaron que a raíña Isabel II, prendada da fermosura de Fanny Garrido durante a viaxe a Galicia en 1858 para a inauguración do ferrocarril, se ofreceu a ser a súa madriña de voda. E esta historia ten visos de ser certa, pois o 16 de xuño de 1860, Fanny Garrido, de dezaoito anos de idade, contrae matrimonio na Coruña co músico Marcial del Adalid y Gurrea (1826-1881), de trinta e catro, na capela-oratorio do pazo do Capitán Xeneral (hoxe pazo de Capitanía Xeneral), casamento do que foron padriños en representación da realeza o militar Atanasio Alesón e Dolores Bonilla y Valdivia.
O amor profesado a Fanny Garrido quedaría reflectido na obra dedicada a ela polo mestre Adalid: «La pasionaria. Polka para piano», «Espoir», «Regrets», «2ème Barcarolle», «N.º 1 Marguerite», do primeiro caderno de Romanzas Op. 5-6; Bonheur au Ménage. Recueil de 3 Romances sans parole, Op. 49 e o primeiro vals, «N.º 1 Vivo», dos Petits Riens. 6 Valses à la tudesque. E mostrarían a súa creatividade conxunta en xoias como Mondariz e Cantares viejos y nuevos de Galicia, composicións nas que Fanny Garrido é autora dos poemas «Soedades», «Mágoas do corazón», «Canto de berce», «Miña terra, miña terra», «Frouseira, triste frouseira», «A noite de San Xoán», «Bágoas e sonos», «A xolda», «Afrixida, ¡pesoulle!», «A bordo», «A sorte» e «A Ruada».
O matrimonio desenvolveu a súa vida en estadías entre Madrid, A Coruña e o pazo de Lóngora (Oleiros), realizando viaxes puntuais ao estranxeiro, e sempre rodeados de intelectuais e artistas como Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, os pintores Taibo e Lloréns, Pan de Soraluce, Alfredo Tella ou Pérez Lugín, en Galicia; e F. A. Barbieri, Juan María Guelbenzu ou Mariano Vázquez, na capital. Froito deste matrimonio nacería unha soa e tardía filla: o 31 de maio de 1874 chega ao mundo, en Madrid, María de los Dolores Francisca del Adalid y González-Garrido, pintora de formación e única herdeira que, moi xenerosamente, cedeu á Real Academia Galega en 1929 a que foi biblioteca da familia e que inclúe gran parte da música do seu pai.
O 16 de outubro de 1881 falece Adalid no pazo de Lóngora, aos cincuenta e cinco anos de idade e por enfermidade. Fanny Garrido queda viúva aos trinta e nove anos e a cargo en solitario da filla, María, de tan só sete. Nesta nova etapa aflora a súa obra literaria, na que quedou patente que era unha muller avanzada respecto á intelectualidade feminina do seu tempo, que velou polo progreso social e defendeu a cultura de Galicia. Asinou varias novelas baixo o pseudónimo “Eulalia de Liáns”: Escaramuzas (Madrid, 1885), La mano izquierda (1887-88) e La Madre de Paco Pardo (Madrid, 1898); e escribiu una terceira novela, Batallas, lamentablemente hoxe descoñecida por quedar inédita e estar o seu manuscrito en paradoiro descoñecido. Foron frutíferas as súas colaboracións literarias na prensa: «Jaque-mate» (1887), «La fiesta de la patrona» (1887), «La situación agrícola» (1887), «Los infinitamente pequeños» (1892), «El problema de la Mendicidad» (1909), «De cómo se salvan las vidas en la primera infancia» (1912), «Sueños, ideales, realidad» (1913), etc. Incuestionable, sen dúbida, é o valor das súas traducións ao castelán de obras alemás, como Viaje a Italia (1891) -con prólogo crítico- ou Teatro Selecto (1893) de Goethe, hoxe obxecto de estudos literarios.
Seis anos despois do pasamento de Adalid, Fanny Garrido contrae matrimonio en segundas nupcias co prestixioso catedrático universitario e químico lucense José Rodríguez Mourelo (1857-1932) que, casualmente, tamén fora biógrafo do músico. O casamento tería lugar o 12 de xuño de 1887 na igrexa de Santa Eulalia de Liáns e daría paso a unha nova etapa na vida de Fanny Garrido, máis asentada na capital, con estancias estivais en Lóngora e rodeada de homes de ciencia como Ramón y Cajal, Echegaray ou Torres Quevedo.
Posiblemente, foi este ambiente intelectual o que potenciou a participación de Fanny Garrido en encontros científico-intelectuais, con temáticas sociais e de saúde, que hoxe a sitúan como unha muller adiantada ao seu tempo, feito dobremente meritorio ao ser estas contornas maioritariamente masculinas na época. Colaborou nesta etapa con institucións de diversa índole como, por exemplo, a Comisión de Fomento de la Real Sociedad fundadora de Colegios para Huérfanos y Pensionistas del Magisterio de España, o Patronato Nacional de Ciegos ou a Asamblea Nacional de Protección a la Infancia y Represión de la Mendicidad, entre outras, acadando incluso nomeamentos de alto cargo.
Outro dos feitos máis salientables da súa biografía, e mostra do interese que manifesta pola cultura galega, é a súa presenza en calidade de socia fundadora, o 29 de decembro de 1883, na constitución da Sociedade de Folk-Lore Galego, ao lado da presidenta Emilia Pardo Bazán. Algúns anos despois, mantería este compromiso coa súa patria natal na Academia Gallega (hoxe Real Academia Galega), na que figura na listaxe de folkloristas considerados como socios fundadores
, pero, desta vez, xa canda outras mulleres intelectuais hoxe recoñecidas como Filomena Dato, Joaquina Otaño, Matilde Frade ou Francisca Fernández Vaamonde, entre outras. Grazas, precisamente, á súa participación nestes dous fitos especiais e determinantes da historia da cultura de Galicia, Fanny Garrido foi nomeada Académica Correspondente pola Academia Galega o 15 de setembro de 1905.
O 11 de novembro de 1917 chega á súa fin a vida dunha das máis carismáticas e distinguidas damas da sociedade coruñesa e madrileña. Fanny Garrido falece no seu domicilio de Madrid aos setenta e cinco anos de idade. Ao día seguinte, foi enterrada na igrexa parroquial de Santa Bárbara e recibiu sepultura no cemiterio de Santa María. A súa perda causou conmoción na sociedade, quedando o pesar xeral reflectido na crónica social, eloxiada coma muller de incomparable cultura e pioneira do seu tempo.
Ver biografía no Álbum de Galicia