Da Umbría ás Rías Baixas, do teatro á fotografíaCoincidindo case con exactitude co inicio do proceso de unificación da Italia, Filippo Prosperi nace en Todi, unha pequena vila duns 10 000 habitantes pertencente á provincia de Perugia e á rexión de Umbría, o ano 1814 —se considerarmos o Rexistro Civil de Vigo— ou 1816 — se atendermos...
Da Umbría ás Rías Baixas, do teatro á fotografíaCoincidindo case con exactitude co inicio do proceso de unificación da Italia, Filippo Prosperi nace en Todi, unha pequena vila duns 10 000 habitantes pertencente á provincia de Perugia e á rexión de Umbría, o ano 1814 —se considerarmos o Rexistro Civil de Vigo— ou 1816 — se atendermos a notas necrolóxicas aparecidas nos xornais—. A súa identidade antroponímica acostuma aparecer acompañada dun segundo, e variábel, apelido (Cortecci, Cortechi, Cartedri) sen dúbida imposto pola necesidade de axeitar o seu nome ao sistema onomástico español, por non imporse en Italia, á hora do nacemento, o apelido materno. Da mesma maneira o seu nome real, Filippo, como todas as publicacións italianas o nomean e mesmo algunhas españolas a comezos da década de 1860, irá sendo substituído devagar polo de Felipe, que el mesmo chegou a asumir.
Inicialmente actor, autor e tradutor de textos teatrais, a súa aparición no Estado español detéctase na década dos sesenta do século XIX. Nos primeiros 60s, despois de actuacións en Parma, Montalto ou Milán, actúa en Barcelona, A Coruña, Sevilla, Vigo, Madrid ou Alacant como director ou primeiro actor de compañías ás que pertencen figuras como Carolina Santoni, Adelaide Ristori ou Carolina Civili, sobriña da primeira. No repertorio destas compañías pódense encontrar obras como
Medea,
Otello,
Torcuato Tasso,
Fedra ou
Macbeth. Destes anos será a única imaxe que coñecemos da súa persoa, tirada polo fotógrafo de orixe francesa estabelecido en Madrid Jean Laurent, na que aparece xunto coa propria Santoni e o actor Angelo Moro, acompañados por unha crianza, nun retrato que, tomado nun estudio, quer reproducir, porén, un episodio teatral. Prosperi, que desde a súa definitiva instalación, primeiro en Pontevedra e máis tarde en Vigo, abandonaría o teatro profesional, continuou, non obstante, a desenvolver o labor teatral en sesións de amadores, ás veces para recadar axudas económicas dirixidas a organización de festas, e, noutras ocasións, de auxilio a familias de damnificados, nomeadamente mariñeiros afogados que, naquela altura, constituían lexión, ao seren as condicións de traballo no mar verdadeiramente deplorábeis.
A finais da década de 1860 fica xa asentado no noso país, concretamente na cidade de Pontevedra, onde se acha dedicado á venda de coleccións de libros de natureza descritiva, e xeral, sobre xeografía, historia, literatura, historia natural e outras materias da área das Humanidades. Tamén na capital provincial abrirá, xunto con Villar, por volta de 1867, un gabinete fotográfico na rúa do Parador número 2, e será igualmente nesta cidade onde Filippo Prosperi, o 25 de setembro do ano 1869, na freguesía de San Bartolomeu, case con Cándida Otero Fontán, con quen compartillará a actividade fotográfica e persoal até o final dos seus días. O estudio pontevedrés terá duración cativa pois a finais deste mesmo ano 1869, Prosperi debe estar instalado en Vigo, inaugurando así unha actividade na cidade da oliveira que se prolongará até o ano 1899.
En Vigo, o fotógrafo italiano inaugura o seu labor a fins de 1869 ou, como moi tarde, a comezos do 1870, nunha galería situada na rúa de Sombreireiros número 27, 2º andar. Posibelmente puido existir un local provisorio previo ou Prosperi practicar algo corrente naquel tempo como era a fotografía itinerante, se acreditarmos na información contida nos reversos dalgúns cartóns fotográficos nos que non se sinala o enderezo do estudio, ficando neles só a información
Fotografía Italiana—Felipe (sic) Prosperi—Vigo. Así e todo, coñécese con precisión o roteiro físico seguido polo fotógrafo e Cándida Otero e a periodización do mesmo: entre 1869-70 e 1880, no antedito enderezo de Sombreireiros, na parte vella da cidade; entre 1880 e 1885, nunha rúa achegada a esta, Triunfo número 4 e, finalmente, neste último ano, o traslado definitivo á rúa do Príncipe 31, que xa estaba a se configurar como o gran centro comercial vigués.
Malia prolongar o seu traballo ao longo de case tres décadas, o cal implicaría a realización de miles de fotografías, o legado que ficou á morte de Cándida Otero, —que continuou co estudio, até 1915, despois da asociación con Jaime Pacheco en 1907— sitúase, escasamente e de maneira incomprensíbel, nunhas duascentas imaxes. Coñécese o traballo da parella fotográfica polas informacións que os xornais e revistas deitaron con periodicidade. Desta maneira chegou até o día de hoxe a noticia dunha parte das clases dirixentes viguesas —económicas e políticas— ou notábeis intelectuais acudiren ao gabinete para seren fotografadas. Entre estes casos encóntranse políticos como o gobernador civil de Pontevedra Filiberto Abelardo Díaz, o presidente do goberno Cánovas del Castillo, o político e ministro conservador José Elduayen ou o alcalde Prudencio Nandín; comerciantes ou empresarios como Abdón Pereira de Lema e Ignacio Sobrino Vicente ou poetas como Curros Enríquez, cuxo retrato foi, durante anos, atribuído, de forma errónea, a Jaime de Sousa Guedes Pacheco. Posúense tamén informacións que falan do requinte da galería, con videiras, plantas de xardín, pianos para faceren máis amábel os tempos de espera, paredes empapeladas de distintas cores, alfombras e zonas enceradas, xerando a ilusión dunha vivenda familiar, en sintonía co que as historias da Fotografía expoñen sobre os gabinetes fotográficos de Europa.
A actividade do estudio proxectábase ao exterior mediante exposicións no trinque da galería ou, atinxindo maior difusión, mediante a inserción das fotos obtidas en revistas, algunhas delas de gran calidade, como
La Ilustración Cantábrica,
La Ilustración Gallega y Asturiana ou
La Ilustración Española y Americana. Algunhas destas publicacións mostraban debuxos a partir de fotos, ás veces sen mencionaren a autoría, aínda que non sexa este o caso da inauguración da estatua, na Alameda de Vigo, en honra de Méndez Núñez, onde
La Ilustración Española y Americana consigna con claridade a circunstancia de a gravura se realizar partindo dunha imaxe de Prosperi. Este traballo do fotógrafo italiano, destinado a publicacións periódicas, acolle imaxes de diferentes procedencias, como retrato —o xa mencionado de Filiberto Díaz—, reportaxes de exteriores —estatua de Méndez Núñez— ou mesmo reproducións de obxectos valiosos, como o baixo-relevo dos séculos XV ou XVI representando o bautismo de Cristo no Xordán, que publica
La Ilustración Española y Americana e do que é posuidor Augusto Bárcena, fillo do conde de Casa Bárcena. Abranguendo un conxunto de paisaxes Prosperi e Otero chegaron a publicar un álbum de natureza semi artesanal,
Galicia pintoresca, en harmonía coas publicacións que daquela circulaban en distintos países.
Prosperi salienta polo seu traballo de documentación de feitos que definiron a face física da cidade e a súa historia: a longa reportaxe sobre a Ribeira —daquela un sinxelo areal— algunhas de cuxas imaxes chegaron até o día de hoxe, co matadoiro, derrubado en 1900, para delimitar no tempo ese grupo de fotografías. Ao carón desta serie, áchase o rexistro das praias do centro da cidade, como a das baterías ou a de San Francisco. E, nas praias, as casas de baños, algunha delas, como
La Iniciadora
, de luxosa fasquía. Prosperi fotografou igualmente a construción do Ensanche, que pasou ao redor da década de 1880 de ser unha braña a se constituír nunha chea de predios, inseridos en rúas rexidas polos principios de paralelismo e perpendicularidade, onde amiudaban os cantos en chafrán e a burguesía local vangloriábase da súa potencia económica. E, como elemento nuclear do ensanche, a evolución da Alameda, que presenciaría, en 1890, a inauguración, xa sinalada, do monumento a Méndez Núñez. Prosperi fotografou tamén momentos de profunda dor, como o embarque de soldados para Cuba, para loitaren inutilmente na defensa do proxecto colonial español que se afundía.
Débese subliñar que a reportaxe en exteriores realizada por Prosperi non se cinxe só a Vigo, senón —até onde sabemos— que se manifesta en lugares que, como Tui (1879) e o Val Miñor —Sabarís ou a ponte da Ramallosa—, hoxe fican rexistrados nas páxinas de
La Ilustración Gallega y Asturiana e
La Ilustración Cantábrica. O mesmo que Redondela (1884), lugar no que o fotógrafo cobre a viaxe inaugural da liña de tren que une esta vila coa capital provincial, ou A Guarda, cuxo traballo de 1892, alén da súa notábel altura, mostra unha chea de arestas dunha vila mariñeira e, tamén, das características da fotografía do século XIX. Até onde se sabe no momento presente, será na Quinta de Agrelo, en Reboreda-Redondela, en 1897, dezaoito meses antes de falecer, onde realice a derradeira reportaxe da súa vida, que terá por obxecto documentar o bautismo do fillo do casal composto polo comerciante Bernardo Fernández e Teresa Bobleiro.
A noticia da súa morte, orixinada por unha pneumonía infecciosa, chega na primavera de 1899 e a idade do fotógrafo é, como o seu nome, motivo de confusión. Se acreditarmos no certificado de defunción, a cifra é de oitenta e cinco anos, encanto o rexistro de defuncións menciona oitenta e tres. O seu enterro, o 13 de maio, día seguinte ao do seu falecemento, fornece igualmente equívocos sobre o seu proprio nome, ao figurar no documento correspondente como Próspery Cortechi e na lápida que acolleu os seus restos como Prosperi Cartedri. Após de si ficaba un inmenso traballo, en gran parte compartillado con Cándida Otero, do que, infelizmente, apenas unha ínfima parte, menos do un por cento, chegou aos nosos días, perdéndose con iso, de maneira irreversíbel, unha parte notoria da historia de Vigo e do país enteiro.
Bibliografía
Fontes documentais, xornais e revistas
Informacións aparecidas en: El Pensamiento Español (ano 1861); Faro de Vigo (1869 a 1899); La Corona (1861 e 1862); La Correspondencia de España (1861); La Correspondencia Gallega: diario de Pontevedra (1894 a 1899); La Época (1865); La Ilustración Cantábrica (1882); La Ilustración Española y Americana (1887); La Ilustración Gallega y Asturiana (1879); La Nación (1865).
Arquivo do Concello de Vigo: Cementerios. Registro defunciones, 1898-1911. O número de orde correspondente a Prosperi, que aparece rexistrado como Felipe Prosperi Cortechi, é o 616.
Rexistro Civil de Vigo. Acta de defunción, número 214, tomo 43D, páxina 216, sección terceira.
Monografías e artigos
Vaqueiro, Vítor (2002): Pacheco, a memoria dun tempo e dun país. Barcelona: Lunwerg; 17-26
Vaqueiro, Vítor (2004): «Achegamento ás orixes da actividade fotográfica do casal Prosperi-Otero na cidade de Vigo (1872-1882)», A trabe de ouro, ano XV, IV, 487-501
Recursos de internet
Padín Ogando, Fernanda: Fotógrafas pioneiras. Accesible en: http://www.fotografaspioneiras.com [Consulta: 2022-05-02]
https://circulomercantilvigo/el-circulo/juntas-en-la-historia
http://arquivo.galiciana.gal/arpadweb/gl/consulta/registro.do?id=1222825