O compromiso coa coeducación nas aulasO Colectivo de Mulleres Ensinantes “Do Rosa ao Violeta” consolidase como tal a principios do ano 1989, logo das xornadas feministas do Estado español celebradas en Compostela. Inscribímonos como Asociación en 1990 (BOE.13.10.1990). Integrámolo profesoras de infantil, primaria, secundaria e universida...
O compromiso coa coeducación nas aulasO Colectivo de Mulleres Ensinantes “Do Rosa ao Violeta” consolidase como tal a principios do ano 1989, logo das xornadas feministas do Estado español celebradas en Compostela. Inscribímonos como Asociación en 1990 (BOE.13.10.1990). Integrámolo profesoras de infantil, primaria, secundaria e universidade, de localidades tan dispersas como Muros, Padrón, Negreira, A Serra de Outes, Ribeira, A Coruña e Compostela. Nesta cidade celebrabamos as nosas reunións.
O noso labor consistía en analizar a presenza do sexismo nas aulas e as nosas propostas á hora de elaborar estratexias para erradicalo xiraban arredor da coeducación e construíronse desde unha perspectiva de xénero e feminista.
Para poder deseñar e aplicar as nosas propostas fixamos, entre os obxectivos, a nosa propia formación. Tivemos en conta as achegas que os feminismos en movemento estaban a desenvolver, relativas ao campo de traballo que nos ocupa. Prestamos atención a aspectos tales como: os instrumentos de análise para detectar o sexismo nas aulas, os contidos androcéntricos transmitidos a través dos materiais didácticos, a análise do currículo oculto, etc.
Á parte da formación teórica, e froito da mesma e da propia experiencia nos centros, publicamos diversos documentos e unidades didácticas, algúns deles recollidos na documentación que acompaña esta entrada:
A investigación Da agresividade nos ensinos meios. Aman-se ou agreden-se?, foi realizada no ano 1990 en colaboración cun Colectivo de Mulleres Ensinantes de Vilagarcía de Arousa. A través dun cuestionario, analizouse o tipo de agresións máis frecuentes nas relacións entre as alumnas e alumnos nesa etapa educativa.
Coeducar xogando é unha unidade didáctica sobre o xogo e o xoguete, que elaboramos, a comezos da década de 1990, partindo dunha enquisa previa en educación infantil e primaria. Presenta unha análise crítica do lugar ocupado polos xogos e os xoguetes na reprodución de roles de xénero segregados segundo os sexos para nenas e nenos, e inclúe unha proposta de actividades concretas co obxectivo de contribuír á mudanza das aínda actuais situacións discriminatorias asociadas ao sistema dos sexos.
Cos mesmos enfoques teóricos e coas mesmas necesidades prácticas, Na procura dun espazo própio. Materiais para Coeducar, foi editado con motivo do 8 de marzo do ano 1995. Nel propoñemos actividades para traballar nas aulas en materias como a literatura, a economía, ou as relacións socio-afectivas. Incluímos por exemplo: taxas de actividade por sexo e grupos de idade; composición por sexos do Parlamento Galego; tempo dedicado ás tarefas domésticas; estereotipos sexuais; espazos ocupados por mulleres e homes; análise de textos, etc.).
Sexismo na linguaxe é un folleto no que se fan propostas para eliminar os usos do masculino como xenérico, na procura de visibilizar este aspecto do androcentrismo dominante. Inclúe unha proposta para rotular os centros de ensino. A partir de abstractos ou epicenos, tratamos de eliminar a linguaxe sexista máis visible neses espazos.
Almanaque ano 1996 contén textos para reflexionar e debater nas aulas a situación das mulleres en diferentes aspectos da sociedade e a cultura. Textos con propostas de actividades que permitisen desenvolver olladas críticas en torno as relacións: mulleres e traballo asalariado, mulleres e poder, mulleres e arte, mulleres e sexualidade... Ocupámonos ademais da situación da muller no rural galego e da historia do movemento feminista. Achegamos tamén ao alumnado, información sobre mulleres como Exéria, as correspondentes da Real Academia Galega ou artistas. Figuras que os materiais educativos adoitaban non tomar en conta. Ocupámonos de novo da violencia entre nenas e nenos porque, máis que os golpes, doe a impotencia
.
En Aula de cine. Mirando o cine con outros ollo, presentamos actividades sobre os distintos temas e aspectos contidos nas películas e, polo tanto, sobre o sexismo. Utilizamos propostas cinematográficas como documentos de traballo: Antónia, Tomates verdes fritidos, O sal da terra, Thelma e Louise e Só elas.
Temos alumnas nas aulas? é unha guía de orientación coeducativa que pretende servir de axuda na elaboración dos proxectos de centro.
A violéncia agachada. Violéncia de xénero é unha unidade didáctica publicada no ano 2000 na que, a partir dunha reflexión sobre as distintas manifestacións deste tipo de violencia, inclúese unha proposta de actividades interdisciplinarias dirixidas ao alumnado da 2ª etapa da ESO e do ensino post-obrigatorio. Realizouse coa finalidade de contribuír a erradicar este tipo de violencia e promover un cambio nas mentalidades dende o entorno escolar. Algunhas das actividades presentadas estaban pensadas como complemento á exposición O día que Kadi perdeu parte da súa vida. Trataba da mutilación xenital feminina e fora promovida por Médicos-Mundi en colaboración co Concello de Santiago de Compostela.
A máis das publicacións, participamos na formación do profesorado para a detección do sexismo na escola e para a coeducación. Fixémolo en diferentes xornadas, seminarios e cursos organizados por asociacións pedagóxicas, colectivos feministas, sindicais e ANPAS. Organizamos e impartimos tamén actividades dirixidas ao alumnado, tanto de primaria como de secundaria. Organizamos en moitos centros de ensino: conferencias, mesas redondas e charlas.
Outro tipo de iniciativas levadas a cabo foron as denuncias de manifestacións sexistas e de violencia de xénero concretas nos centros de ensino, a falta de formación en coeducación, etc.
Ademais participamos xunto con outros colectivos feministas con actividade en Galicia sempre que puidemos, en diferentes convocatorias que con motivo da celebración do 8 de marzo se realizaron durante os nosos anos de actividade.