Mestra e escritora, activa participante na vida cultural pontevedresaAurora Vidal Martínez naceu en Pontevedra, na rúa Riestra, o 28 de agosto de 1910. Filla de María Carmen Martínez, comerciante, e de Juan Vidal Lino, cornetín na banda musical da vila, foi irmá do tamén mestre e poeta Xoán Vidal Martínez. Estudou Maxisterio na Escola Norm...
Mestra e escritora, activa participante na vida cultural pontevedresaAurora Vidal Martínez naceu en Pontevedra, na rúa Riestra, o 28 de agosto de 1910. Filla de María Carmen Martínez, comerciante, e de Juan Vidal Lino, cornetín na banda musical da vila, foi irmá do tamén mestre e poeta Xoán Vidal Martínez. Estudou Maxisterio na Escola Normal da súa cidade natal. En novembro dese ano formou parte, xunto co seu irmán, da comisión encargada de redactar o regulamento para a asociación de mestres aspirantes aos cursos de selección para o Maxisterio Nacional e, un mes despois, acadou o número 4 no acceso á Escola Normal. En 1934 formou parte do grupo de alumnas e alumnos que foron de excursión ao Porto e Coímbra. En xuño dese mesmo ano rematou o Grao Profesional de Maxisterio, e en setembro xa figuraba como nova socia da Casa del Maestro, e en novembro foille designado como centro de prácticas a escola unitaria da Eiriña. Rexentou durante un tempo un comercio téxtil na praza de Curros Enríquez.
Tras facer o grao profesional comezou a exercer como mestra, primeiro na escola de Cabral (Vigo) e na da Banda do Río (Marín). En setembro de 1937 solicita destino na provincia de Sevilla, mais é destinada ao Paraixal (Teis) e despois a Marín e ao Areal (Vigo). En 1941 presentouse ás oposicións, e en setembro foi destinada a La Monzona (La Pobla d’Arenós, Castelló). En 1948 era mestra en Rouxique (Vilalonga) e en 1949 en Lois (Ribadumia), e despois foi destinada ás Illas Canarias. Alí bota varios anos, e nesas terras coñece o que será o seu marido, o pintor de Xuvia Marcial Pantín Folgar, con quen casa en 1953. Finalmente regresa a Galicia, e xubilouse como mestra no CEIP de Campolongo, en Pontevedra.
A súa primeira colaboración literaria é na revista
Vida Gallega, en agosto de 1935, cun poema en homenaxe a Eugenia Mondino, falecida en Montevideo. En 1946 colabora en
Ciudad, semanario de Pontevedra, co poema «Navegante solitario», dedicado a Colón e escrito o 12 de outubro dese mesmo ano. O 23 de xuño de 1947 publicou en
La Noche o poema «Noche de San Juan», e indícase que pertence ao libro Lírica gallega (en preparación). Tamén escribiu en
Sonata Gallega, e en 1952, apareceu un poema seu no caderno
Rianxo, editado polas festas patronais da vila.
A finais dese mesmo ano aparece o seu primeiro libro,
Camino de Belén, un romance pastoril en nove cadros e tres actos. Editouse na imprenta de Celestino Peón, con ilustracións do pintor de Marín Manuel Torres. A obra estreouse no Teatro Malvar en 1949, coa súa sobriña Aurora Vidal Caramés como protagonista. Representouse de novo en diversas ocasións, a última delas en 1987 no Teatro Principal. Unha recensión de Camino de Belén apareceu na revista católica
Spes en decembro de 1946, cunha crítica moi positiva.
En 1948 aparece o volume
Sonetos líricos, tamén impreso en Pontevedra. Da súa etapa nas Illas Canarias, en Buenavista del Norte, son tres libros: as pezas de prosa
Cartas de amor (1950) e
Mensaje de otoño (1951), ambas cargadas de lirismo e editadas na imprenta Católica de Santa Cruz de Tenerife, e mais o poemario inédito
Destinos, escrito en 1952.
En 1951 a súa obra
Lírica gallega recibiu o segundo premio do Concurso Literario do Centro Galego de Bos Aires, mais a obra non se chegou a editar.
En 1958 publicouse
Poemas de nenos e paxariños (imprenta L. Torre, Pontedeume). Esta obra, prologada por Faustino Rey Romero, está composta por unha lírica intimista inspirada en boa medida pola infancia. Mestura a tristeza e a melancolía coa tenrura da canción de berce, cun paisaxismo contaxiado do animismo hilozoísta. O volume inclúe ilustracións de Paula Paradela e de Marcial Pantín Folgar.
Foi membro activo da vida cultural pontevedresa. En 1949 promoveu o Teatro Experimental del Arte, xunto a Sabino Torres, Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás. Colaborou nas Festas da poesía que organizaba o Ateneo da cidade. Na de 1952 xunto a Carlos Caba Landa, Aquilino Iglesia Alvariño e Herminia Fariña Cobián, e na de 1954 leu os poemas «Primavera a Rosalía de Castro» e «Cantiga en gallego». En 1957 participou nun recital de homenaxe a Juan Bautista Andrade.
En maio de 1952 foi nomeada membro correspondente da Real Academia Galega, a proposta de Antonio Couceiro Freijomil, Leandro Carré Alvarellos e Francisco Vales Villamarín. O primeiro deles incluíra a autora pontevedresa no seu
Diccionario bio-bibliográfico de escritores (1954).
Seguiu escribindo e publicando, e foron estreadas varias obras de teatro infantil.
Faleceu na súa vila natal o 10 de maio de 2005. O 25 de maio de 2010 descubriuse unha placa na casa familiar da rúa dos Soportais.
Obra
Vivencias de infancia (Pontevedra, 1945)
Camino de Belén (teatro; Pontevedra, 1946)
Sonetos líricos (Pontevedra, 1948)
Cartas de amor (Santa Cruz de Tenerife, 1950)
Mensaje de otoño (Santa Cruz de Tenerife, 1951)
Destinos (Santa Cruz de Tenerife, 1952)
Poemas de nenos e paxariños (Pontedeume, 1958)
Poesías infantiles (Pontevedra, 1965)
El niño y el filósofo (novela; Pontevedra, 1981)
El divino caminante (teatro; Pontevedra, 1987)
Contos de rapaces (contos ilustrados en verso; Pontevedra, 1991)
O espantallo namorado (teatro; Pontevedra, 1992)
Os contos do avó (conto ilustrado con adaptación teatral; Pontevedra, 1993)
O zapateiro coroado rei (conto ilustrado con adaptación teatral)
Xa naceu Xesús (teatro en verso; Pontevedra 1993)
Poemas del tiempo limitado (200 poemas en prosa lírica e verso)
Bibliografía
Marco, Aurora (2007): Dicionario de mulleres galegas [Das orixes a 1975]. Vigo: A Nosa Terra.
Pantín Folgar, Marcial: Aurora Vidal Martínez. Accesible en: https://auroravidal.es/
Vidal, Carme (2020): Aurora Vidal Martínez. Accesible en: https://www.dogrisaovioleta.gal/wp-content/uploads/2020/04/Aurora-Vidal-Martinez.pdf