Única galega documentada como escultora ata o século XXPouco se sabe da biografía de Dolores Rodeiro Boado, salvo a data e a cidade de nacemento e que foi unha das fillas máis novas do tamén escultor compostelán Francisco M.ª Rodeiro Permui, artista que traballou no segundo e terceiro terzos do século XIX, cun estilo ecléctico que recolle ...
Única galega documentada como escultora ata o século XXPouco se sabe da biografía de Dolores Rodeiro Boado, salvo a data e a cidade de nacemento e que foi unha das fillas máis novas do tamén escultor compostelán Francisco M.ª Rodeiro Permui, artista que traballou no segundo e terceiro terzos do século XIX, cun estilo ecléctico que recolle e repite os modelos barrocos e neoclásicos anteriores. Francisco tivo nove fillos con Margarita Boado, e Dolores será a única herdeira da tradición paterna. Outra das fillas, Vicenta (1861-1931) tivo tamén formación como artista, aparecendo matriculada na Escola Especial de Pintura, Escultura e Gravado -filial da Academia de Belas Artes de San Fernando- no ano 1881. Vicenta tivo máis interese pola pintura, e chegou a dar clases de debuxo, pero finalmente adicou a súa vida a ensinar como mestra.
Dolores Rodeiro naceu en Santiago de Compostela o 29 de marzo de 1852 e segundo o padrón municipal de 1898 vivía na rúa do Vilar, en concreto no número 49. A excepción dunha paréntese na súa formación cando se traslada a Madrid no curso 1884/85 para recibir clases de Debuxo do Antigo e de Modelado do Antigo na Escola de Belas Artes, a súa vida está maioritariamente vinculada á cidade compostelá. Non se coñecen moitos máis datos da súa vida, salvo que o taller familiar estaba situado no 16 da rúa das Rodas en Santiago e que en 1875 obtén Mención honorífica na Exposición Rexional de Santiago de Compostela, por un Crucifixo e un Santo Ignacio de Loiola.
A pesar deste descoñecemento da súa biografía, pódese afirmar que foi unha pioneira, pois non só se atreveu nese momento do século XIX a dedicarse á súa paixón, a escultura, senón que chegou a ser a primeira artista en recibir unha pensión da Deputación da Coruña no ano 1881.
Para entender o seu estilo e traballo hai que coñecer o do seu pai: ambos foron tallistas en madeira de imaxes relixiosas, que seguiron as normas de estilo de finais do século XIX, unha etapa frutífera a nivel escultórico en Galicia polo número de obras pero que non achega grandes novidades estilísticas, repetindo unha e outra vez o habitual movemento en S das figuras e os rostros idealizados.
Dolores toma ademais do seu pai as facianas de queixo prominente, os abundantes pregados nas vestiduras, que tenden a caer paralelos na túnica e ao chegar á peaña cúrvanse formando o característico S, e opta por composicións frontais en triángulo isósceles.
Segue igualmente co costume do pai de asinar nas peañas e o resultado final é moi similar ao que conseguía Francisco Rodeiro.
Polo de agora coñécense moi poucas pezas da escultora, xunto co Crucifixo e o Santo Ignacio antes citados, só sabemos de dúas máis en Galicia: a Inmaculada Concepción de San Martiño de Tabeaio (arciprestado de Alvedro, concello de Carral) e a Virxe do Rosario de San Xián de Artes (arciprestado de Posmarcos de Abaixo, Ribeira). En ambas pódese apreciar que as tipoloxías elixidas por Dolores son similares ás do pai, quizais a Inmaculada se achegue máis ás de Murillo que á de José Gambino (que era a preferida polo pai), sendo o efecto final de maior esvelteza e delicadeza.
Para a catedral de Astorga tallou un Santiago pPregrino, do que se fixo eco a prensa local, que alaba o traballo da escultora galega, a
pesar da súa condición feminina
:
Cada vez más nos admiramos de que obra de tales dimensiones y tan bien acabada sin faltar á ninguna de las reglas de la Estética haya sido ejecutada por una mujer, no porque creamos le esté vedado al bello sexo profesar el arte de los Fidias, Miguel Ángel, Cánoba, Bembenuto Cilini y Montañés sino porque la ejecucion del arte demanda condiciones que no son fáciles de hallarse en la débil estructura de la mujer
.
A imaxe existente actualmente na capela de Santiago Peregrino da catedral, non é a de Dolores. Decoñécese a localización da talla orixinal.
[Primeira edición: Álbum de Mulleres, 1 de febreiro de 2009]
Bibliografía
Cardeso Liñares, J.: El arte en el Valle de Barcala. A Coruña: Fundación Feiraco, 2000.
Cardeso Liñares, J.: Luces y sombras del arte en As mariñas dos Frades. A Coruña: Offset Valladares, 1993.
Cardeso Liñares, J.: «El arte en el Valle de Barcala: presencia jacobea, el escultor Rodeiro, la visita de Mayo y Leis», Compostellanum, XXXV (1990), 541-643.
Cardeso Liñares, J.: «Dolores Rodeiro, escultora compostelana del siglo XIX», Esculca, 8 (decembro de 2001), 34-35.
Pereira Bueno, F.: A presenza das mulleres pintoras na arte galega: 1858-1936. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro, 2004.
Villaverde Solar, M.ª Dolores: «Liñares y Rodeiro: dos escultores compostelanos del siglo XIX», Compostellanum, XLV (2000), 813-840.