Dolores Rodeiro Boado
Santiago de Compostela, 29/ 3/1852 - Santiago de Compostela,Autoría: María Dolores Villaverde
Única galega documentada como escultora ata o século XX
Dolores Rodeiro naceu en Santiago de Compostela o 29 de marzo de 1852 e segundo o padrón municipal de 1898 vivía na rúa do Vilar, en concreto no número 49. A excepción dunha paréntese na súa formación cando se traslada a Madrid no curso 1884/85 para recibir clases de Debuxo do Antigo e de Modelado do Antigo na Escola de Belas Artes, a súa vida está maioritariamente vinculada á cidade compostelá. Non se coñecen moitos máis datos da súa vida, salvo que o taller familiar estaba situado no 16 da rúa das Rodas en Santiago e que en 1875 obtén Mención honorífica na Exposición Rexional de Santiago de Compostela, por un Crucifixo e un Santo Ignacio de Loiola.
A pesar deste descoñecemento da súa biografía, pódese afirmar que foi unha pioneira, pois non só se atreveu nese momento do século XIX a dedicarse á súa paixón, a escultura, senón que chegou a ser a primeira artista en recibir unha pensión da Deputación da Coruña no ano 1881.
Para entender o seu estilo e traballo hai que coñecer o do seu pai: ambos foron tallistas en madeira de imaxes relixiosas, que seguiron as normas de estilo de finais do século XIX, unha etapa frutífera a nivel escultórico en Galicia polo número de obras pero que non achega grandes novidades estilísticas, repetindo unha e outra vez o habitual movemento en S das figuras e os rostros idealizados.
Dolores toma ademais do seu pai as facianas de queixo prominente, os abundantes pregados nas vestiduras, que tenden a caer paralelos na túnica e ao chegar á peaña cúrvanse formando o característico S, e opta por composicións frontais en triángulo isósceles.
Segue igualmente co costume do pai de asinar nas peañas e o resultado final é moi similar ao que conseguía Francisco Rodeiro.
Polo de agora coñécense moi poucas pezas da escultora, xunto co Crucifixo e o Santo Ignacio antes citados, só sabemos de dúas máis en Galicia: a Inmaculada Concepción de San Martiño de Tabeaio (arciprestado de Alvedro, concello de Carral) e a Virxe do Rosario de San Xián de Artes (arciprestado de Posmarcos de Abaixo, Ribeira). En ambas pódese apreciar que as tipoloxías elixidas por Dolores son similares ás do pai, quizais a Inmaculada se achegue máis ás de Murillo que á de José Gambino (que era a preferida polo pai), sendo o efecto final de maior esvelteza e delicadeza.
Para a catedral de Astorga tallou un Santiago pPregrino, do que se fixo eco a prensa local, que alaba o traballo da escultora galega, a
pesar da súa condición feminina:
Cada vez más nos admiramos de que obra de tales dimensiones y tan bien acabada sin faltar á ninguna de las reglas de la Estética haya sido ejecutada por una mujer, no porque creamos le esté vedado al bello sexo profesar el arte de los Fidias, Miguel Ángel, Cánoba, Bembenuto Cilini y Montañés sino porque la ejecucion del arte demanda condiciones que no son fáciles de hallarse en la débil estructura de la mujer.
A imaxe existente actualmente na capela de Santiago Peregrino da catedral, non é a de Dolores. Decoñécese a localización da talla orixinal.
[Primeira edición: Álbum de Mulleres, 1 de febreiro de 2009]
Bibliografía
Cardeso Liñares, J.: El arte en el Valle de Barcala. A Coruña: Fundación Feiraco, 2000.
Cardeso Liñares, J.: Luces y sombras del arte en As mariñas dos Frades. A Coruña: Offset Valladares, 1993.
Cardeso Liñares, J.: «El arte en el Valle de Barcala: presencia jacobea, el escultor Rodeiro, la visita de Mayo y Leis», Compostellanum, XXXV (1990), 541-643.
Cardeso Liñares, J.: «Dolores Rodeiro, escultora compostelana del siglo XIX», Esculca, 8 (decembro de 2001), 34-35.
Pereira Bueno, F.: A presenza das mulleres pintoras na arte galega: 1858-1936. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro, 2004.
Villaverde Solar, M.ª Dolores: «Liñares y Rodeiro: dos escultores compostelanos del siglo XIX», Compostellanum, XLV (2000), 813-840.
Como citar: Villaverde, María Dolores : Dolores Rodeiro Boado. Publicado o 28/2/2025 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3378. Recuperado o 16/01/2026
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Comunicación de M.ª Dolores Villaverde Solar sobre artistas nacidas ou formadas antes do segundo cuarto do século XX, na que inclúe e Dolores Rodeiro. Ver Documento. Artigo
En Villaverde Solar,M.ª Dolores: «Las artistas: De la fundación de la academia al siglo XX». En Cabrera Espinosa, Manuel e Juan Antonio López Cordero, (ed.):III Congreso Virtual sobre Historia de las Mujeres, 15 al 31 de octubre de 2011. Jaen: Asociación de Amigos del Archivo Histórico Diocesano de Jaén, 2011.
Fonte: Revista Códice / Digital CSIC.
https://www.revistacodice.es/
Comunicación de M.ª Dolores Villaverde sobre a escultora Dolores Rodeiro e mais o seu pai, o tamén escultor Francisco Rodeiro. Ver Documento. Artigo
En Villaverde Solar,M.ª Dolores: «Los Rodeiro: padre e hija, escultor@s», En Cabrera Espinosa, Manuel e Juan Antonio López Cordero, (ed. lit.):XII Congreso virtual sobre Historia de las Mujeres. Jaen: Asociación de Amigos del Archivo Histórico Diocesano de Jaén, 2020; 1091-1102.
Fonte: Universidad de La Rioja. Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es/
Artigo de Cardeso Liñares dedicado á arte no Val de Barcala, no que inclúe un estudo sobre a vida e a obra de Francisco Rodeiro. Ver Documento. Artigo
En Cardeso Liñares, J.: «El Arte en el Valle del Barcala: Presencia jacobea; El escultor Rodeiro; La visita de Mayo y Leis», Compostellanum: revista de la Archidiócesis de Santiago de Compostela, XXXV, 3-4 (xullo-decembro de 1990), 541-643.
Fonte: Instituto Teolóxico Compostelano / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Anuncio do obradoiro de escultura de Dolores Rodeiro no número 16 da Rúa de Rodas. Ver Documento. Noticia
«Anuncios. Importante. Se haya en Santiago de regreso de Madrid la Señorita D.ª Dolores Rodeiro...», Boletín oficial eclesiástico del Obispado de Lugo, 5 (18 de febreiro de 1887), 20.
Fonte: Biblioteca Dixital de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
O Boletín Oficial de la Provincia de La Coruña, de 15 de novembro de 1881, recolle a solicitude de Dolores Rodeiro de aumento da pensión que lle foi concedida para estudar escultura en Madrid. Ver Documento. Panfleto
«Diputación Provincial», Boletín oficial de la provincia de La Coruña, 113 (15 de novembro de 1881), 1-2.
Fonte: Biblioteca Municipal de Estudos Locais / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Artigo publicado en Gaceta de Galicia: Diario de Santiago a favor de que a Deputación da Coruña proceda a entregarlle a Dolores Rodeiro a pensión de 600 escudos anuais durante tres anos para que estude escultura en Madrid. Ver Documento. Artigo
«Un recuerdo oportuno», Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, 637 (23 de marzo de 1881), 1.
Fonte: Universidade de Santiago de Compostela / Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal
Nova publicada en Gaceta de Galicia sobre a exposición ao público na igrexa de San Martiño Pinario do Apóstolo Santiago esculpido por Dolores Rodeiro para a catedral de Astorga. Ver Documento. Noticia
«Noticias de Galicia», Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, 631 (14 de marzo de 1881), 1.
Fonte: Universidade de Santiago de Compostela / Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal
O xornal compostelán El Correo Gallego, recolle unha nova publicada en Gaceta de Galicia sobre a adquisición dunha copia fotográfica do Santiago Apóstolo esculpido por Dolores Rodeiro. Ver Documento. Noticia
«Santiago 22. Dice la Gaceta de Galicia», El Correo gallego: diario político de la mañana, 752 (25 de febreiro de 1881), 1.
Fonte: Biblioteca de Galicia / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Dúas cartas de Ramón Rúa Figueroa a Manuel Murguía nas que fala do San Francisco enviado por Dolores Rodeiro á Deputación da Coruña. [6 de xaneiro de 1869 e 12 de xaneiro de 1869]. Ver Documento. Epístola
Barreiro Fernández, Ramón e Axeitos, Xosé Luís (ed.): Cartas a Murguía. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 2003-2005; II, 75-77.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana.
https://biblioteca.galiciana.gal
Ligazóns de interese
Acceso á publicación Corenta mulleres tecendo xuntas. Na páxina 75 aparece a escultora Dolores Rodeiro Boado.
Fonte: Consello da Cultua Galega. Publicacións.
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2023
https://consellodacultura.gal
«Mulleres artistas rescatadas do esquecemento», artigo de Beatriz de San Ildefonso Rodríguez no que se menciona a Dolores Rodeiro.
Fonte: Nós Diario
nosdiario.gal, (16 de abril de 2017)
https://www.nosdiario.gal
«Fene dá luz á presenza das mulleres nas ciencias e nas artes», artigo publicado na edición dixital de Diario de Ferrol.
Fonte: Diario de Ferrol.
Diario de Ferrol, (9 de novembro de 2013)
https://www.diariodeferrol.com
Acceso en liña ao Catálogo do patrimonio artístico da Deputación da Coruña. Tomo II: Artes plásticas (1990-2010).
Fonte: Deputación da Coruña.
A Coruña: Deputación Provincial, 2011
https://www.dacoruna.gal
Publicación dixital 100 mulleres galegas. A páxina 76 está dedicada a Dolores Rodeiro
Fonte: https://www.edu.xunta.gal/
Videos
Vídeo sobre a escultora Dolores Rodeiro, elaborado no Instituto Rosalía de Castro
Fonte: Vicedirección Rosalía de Castro / YouTube.com









