Director facultativo das obras municipais e definidor da nova fisionomía arquitectónica de VigoJenaro de la Fuente Domínguez naceu en Villa de Torquemada (Palencia) -aínda que algunhas fontes sinalan Valladolid como lugar de nacemento- o 19 de setembro de 1851. Pai do arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez e avó da pintora María Victoria de ...
Director facultativo das obras municipais e definidor da nova fisionomía arquitectónica de VigoJenaro de la Fuente Domínguez naceu en Villa de Torquemada (Palencia) -aínda que algunhas fontes sinalan Valladolid como lugar de nacemento- o 19 de setembro de 1851. Pai do arquitecto Jenaro de la Fuente Álvarez e avó da pintora María Victoria de la Fuente, ingresou no exército en 1874 tras obter o título de Mestre de Obras na Escola Especial de Arquitectura de Madrid en 1871. Como tenente do Corpo de Enxeñeiros Militares tomou posesión do seu destino na Comandancia de Enxeñeiros de Vigo.
Con este destino e esta titulación Jenaro de la Fuente podía actuar en todo tipo de obra privada, pero non pública, o que lle causou numerosos conflitos coa Asociación de Arquitectos de Galicia, que pretendía prohibirlle desempeñar a dirección das obras do Concello de Vigo ao ser nomeado Director Facultativo das Obras Municipais.
Ao pouco de instalarse en Vigo, Jenaro de la Fuente construíu a súa residencia no Castro, nunha casa desde a que divisaba toda a ría, cos seus fermosísimos solpores e
cunhas impresionantes treboadas nocturnas, con lóstregos que caían sobre o mar, iluminando de súpeto toda a paisaxe. Casa e contorno que estrañarei toda a vida, pois para min era o auténtico paraíso
, en palabras da súa neta a pintora María Victoria de la Fuente.
Xunto á actividade arquitectónica, por mor da súas grandes calidades para o debuxo, en 1877 exerceu como profesor na sociedade Liceo de Vigo, nunha academia que abriu co pintor Ramón Buch, e na escola de Artes e Oficios na que foi profesor de Debuxo Aplicado á Ornamentación, Modelado e Baleirado.
Paralelamente ao seu traballo profesional, de la Fuente non desatendía a súa formación autodidacta e encargaba libros e revistas de arquitectura moderna de toda Europa que nutrían a súa biblioteca. E así, a súa arquitectura comezou sendo debedora dun estilo ecléctico internacional con reminiscencias francesas para, paseniñamente, ir incorporando novas tendencias, como podía ser o modernismo, que se manifesta na incorporación de moitos motivos decorativos.
Cando de la Fuente se establece en Vigo, a cidade iniciaba unha etapa de forte expansión urbana na que a burguesía alentaba o monumentalismo e a grandiosidade ao que de la Fuente se adaptou decorando, ademais, as suntuosas fachadas das súas obras con ornamentacións simétricas e estáticas e o emprego do granito como material predominante.
Tras tanta controversia, en outubro de 1889, Jenaro de la Fuente asumiu a dirección facultativa das obras do Concello de Vigo, cargo do que dimite en marzo de 1890 por non poder atender debidamente os asuntos municipais e os privados. Pero en 1894 a corporación municipal restableceu no cargo a este mestre de obras que na práctica actuou ata 1922, ano do seu pasamento, como arquitecto municipal.
Desde o seu posto municipal, de la Fuente contribuíu a definir a fisionomía de Vigo nun momento de gran puxanza e expansión, realizando numerosos proxectos de apertura de novas rúas e aliñación das vellas, informes, peritaxes… Como técnico municipal interveu no mercado do Progreso, nos pedestais dos monumentos de Casto Méndez Núñez e José Elduayen e nas obras do cemiterio de Pereiró no que, ao falecer o 21 de agosto de 1922, foi enterrado no panteón familiar por el deseñado.
Obra privada de Jenaro de la Fuente en Vigo, guiada polo eclecticismo internacional
O eclecticismo en arquitectura é unha tendencia que mestura elementos de diferentes estilos e épocas da historia da arte e da arquitectura. Este movemento naceu en Francia e estendeuse por toda Europa, Rusia e Estados Unidos dende 1860 a 1920.
A primeira grande obra ecléctica de de la Fuente en Vigo é o edificio coñecido como Casas de Manuel Bárcena Franco da rúa Policarpo Sanz 24 e 26, esquina Velázquez Moreno 20. Construída entre 1879 e 1884, esta magnífica obra engrandeceu e deu a coñecer a este arquitecto que a partir de entón non parou de realizar importantes obras para as familias máis importantes de Vigo.
A casa de Nemesio Sobrino Portela (1878), rúa Príncipe 7, esquina con Velázquez Moreno, edificio ao que se lle engadiu unha planta que rompe a súa harmonía.
En 1883 asinou o proxecto do edificio Laforet – Josefa Cividanes na rúa Colón, esquina coa rúa Uruguai; edificio de Inocencio Carrasco (1886) na rúa Urzaiz, esquina con Manuel Núñez; casa de Francisco Sitjá (1886) na rúa Velázquez Moreno 10, esquina con Marqués de Valladares.
O 8 de setembro de 1883 asinou os planos da casa para Bernardo Rodríguez (rúa Colón, 42 e esquina coa rúa Príncipe, 63), un edificio de tres plantas con eixe de simetría central que na planta alta ten un reloxo rodeado de orlas e coroas. A construción foi realizada en dúas fases, elaborando Jenaro de la Fuente o proxecto do conxunto da fachada da rúa Colón, o chafrán e o primeiro tramo de Príncipe. Posteriormente, en 1886 proxectou a ampliación do inmoble na rúa do Príncipe.
En 1888 este mestre de obras establecido en Vigo iniciou os traballos do Hotel Universal das rúas Carral, Montero Ríos e García Olloqui, construído en dúas etapas, a primeira a partir de 1888, e a segunda en 1904, cando constrúe o tramo das rúas Montero Ríos e García Olloqui. Sen a exuberancia ornamental ordinaria, o inmoble ofrece unhas magníficas fachadas.
En 1889 firmou o proxecto da casa para Pedro Román (no ángulo das rúas Joaquín Yáñez e Fermín Penzol). Aínda que cada planta mantén un esquema semellante, estas quedan individualizadas mediante a variación da ornamentación.
En 1892 proxectou o edificio de Ramón Arbós (número 4 da rúa Elduayen), elegante casa de signo ecléctico. Tamén proxectou en 1893 o edificio de Marcelino Ferrer Yáñez (Elduayen, 30) e a casa Ledo (Porta do Sol, 12). En 1911 a casa para Eduardo Pardo Labarta (Porta do Sol, 11), un edificio de cinco plantas e tres fachadas no que, predominando o estilo ecléctico, mostra elementos modernistas.
E outras máis, non menos importantes: a casa de Augusto Álvarez Granada (1894); o edificio Antonio López de Neira (1898); a casa de Prudencio Nandín (Praza de Compostela 13 e 14), edificio ecléctico con moita ornamentación modernista. E tamén o edificio Bonín (rúa Areal 40 e 42).
Arquitectura de Jenaro de la Fuente Domínguez na provincia de Pontevedra
Enrique Peinador como promotor encargoulle a de la Fuente Domínguez o proxecto do Gran Hotel de Mondariz, inaugurado en 1898 e convertido en símbolo de luxo e maxestosidade das súas instalacións.
En Caldas de Reis proxectou en 1896 o edificio Balneario Acuña e a casa de Laureano Salgado.
Dada a resonancia do seu prestixio, moitas destacadas personalidades encargáronlle a reforma ou construción das súas residencias. Para Eugenio Montero Ríos redactou en 1909 o proxecto de ampliación e reforma de Lourizán (Pontevedra). Para Augusto González Besada realizou nas aforas de Pontevedra, na estrada de Poio, un pazo residencial. Tamén en 1909 proxectou en Ourense para Isidoro de Temes Sáenz un suntuoso palacete urbano con fachadas ás rúas Cardeal Quiroga e San Domingos. E en Vilagarcía de Arousa proxectou a antiga Casa de Baños e mais a Aduana.
Bibliografía
Garrido, Garrido, Xaime e Iglesias Veiga, Xosé Ramón (2002): «Jenaro de la Fuente Domínguez». En Artistas galegos: Arquitectos. Vigo: Nova Galicia.
Fuente, María Victoria de la (2003): «Notas autobiográficas». En María Victoria de la Fuente. A pintura é cousa mental. Pontevedra: Deputación Provincial, Museo de Pontevedra.
Garrido, Xaime (2016): Jenaro de la Fuente Domínguez. El gran artífice del ensanche vigués y su abundante obra arquitectónica. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses.