Referente no contexto da ximnasia rítmica internacional, Marta Bobo fixo e fai da rítmica unha constante de vida.. Feminista convencida, no seu quefacer cotián difunde e defende unha disciplina vinculada á creación artística desde a expresión corporal, que explora e desfruta. Na súa traxectoria, confronta e supera acoso e discriminació...
Referente no contexto da ximnasia rítmica internacional, Marta Bobo fixo e fai da rítmica unha constante de vida.. Feminista convencida, no seu quefacer cotián difunde e defende unha disciplina vinculada á creación artística desde a expresión corporal, que explora e desfruta. Na súa traxectoria, confronta e supera acoso e discriminacións nun deporte maioritariamente practicado por mulleres e non exento de relacións de poder sexistas e territoriais que sempre discute. En todo o que emprende salienta a súa constancia, o seu rigor, o seu compromiso activo e a súa calidade humana.
Nacida e criada nun ambiente amante do deporte e sen perder de vista a formación académica e regrada, Marta engánchase á ximnasia rítmica con dez anos, nun curso organizado polo Ximnasio 2000 da súa cidade natal, Ourense, que, daquela, se estaba a converter en centro neurálxico da rítmica e canteira de deportistas en constante formación teórica e práctica.
Destacou nas competicións. Non por acaso aos 14 anos é xa unha deportista de primeiro nivel, forma parte da selección española de ximnasia rítmica, compite por diferentes lugares do mundo e chega aos Xogos Olímpicos de Los Ángeles, os primeiros en que a ximnasia rítmica se presenta como disciplina olímpica e os primeiros para unha galega que, en posteriores edicións, chegará a ser portadora do facho, adestradora ou xuíza.
En Canadá, ao tempo que remata a súa carreira como deportista de elite, Marta acada unha licenciatura en Educación Física. Inicia, ademais, a súa formación como adestradora, investigadora, coreógrafa e xuíza. De volta en Galicia segue sen parar de viaxar. Desde Ourense primeiro e logo desde A Coruña, implícase en proxectos e programas para a mellora do deporte propios da Comunidade Autónoma. Traballa pola existencia dunha selección galega de ximnasia rítmica e intégrase no cadro docente do Instituto Nacional de Educación Física de Galicia, actualmente vinculado á Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña, onde, desde 2019, é directora do Servizo de Deportes.
Sempre estivo federada e desempeña postos relevantes e decisorios nas políticas deportivas autonómicas e internacionais. Así, por exemplo, forma parte da Comisión de Educación da Academia da Federación Internacional de Ximnasia e lidera ou participa en proxectos sobre actividade física con perspectiva de xénero. Ocúpase tamén do desenvolvemento de programas de adestramento da actividade física e o deporte segundo grupos de idade.
Marta tamén encamiña unha parte importante do seu labor á difusión da ximnasia rítmica a nivel local, escolar e de iniciación. Recentemente, cos programas de Solidariedade Olímpica leva a ximnasia rítmica a todos os lugares do mundo.
A súa é unha vida chea de atrancos e esforzo, mais tamén de recoñecementos en todas as facetas que emprende. Recibiu premios, medallas, distincións e homenaxes de diferentes entidades deportivas, xornalísticas e gobernativas. Ademais, Marta conta co apoio incondicional de colegas, alumnado e exalumnado, amizades e familia.
En Galicia e alén. Do local ao internacional. Atravesando niveis no campo do deporte como deportista, adestradora, coreógrafa e mestra. Tamén como investigadora e docente nas ciencias do deporte, no axuizamento ou na xestión. Sempre participa en lazos e alianzas con quen, coma ela, considera que no goberno do campo deportivo, no deporte e para deportistas se deben promover e desenvolver modelos e prácticas cada vez máis axeitadas e xustas.
Ver biografía no Álbum de Galicia