Pintora viguesa de gran proxección artística no Madrid da segunda década do século XXNa educación recibida por María Victoria de la Fuente na súa mocidade tivo unha grande importancia a evocación do seu avó e a pegada do seu pai e da súa nai, que foron as referencias que a marcaron constantemente. Filla do arquitecto Jenaro de la Fuente, ...
Pintora viguesa de gran proxección artística no Madrid da segunda década do século XXNa educación recibida por María Victoria de la Fuente na súa mocidade tivo unha grande importancia a evocación do seu avó e a pegada do seu pai e da súa nai, que foron as referencias que a marcaron constantemente. Filla do arquitecto Jenaro de la Fuente, viviu os seus primeiros vinte e dous anos en Vigo nunha casa construída polo seu avó no Castro, que a mantiña en permanente contacto coa natureza, tal e como ela mesma lembraba en 2003:
Nacín nunha casa desde onde divisaba toda a ría, cos seus fermosísimos solpores e cunhas impresionantes treboadas nocturnas, con lóstregos que caían sobre o mar, iluminando de súpeto toda a paisaxe. Casa e contorno que estrañarei toda a vida, pois para min era o auténtico paraíso
.
En 1936 ingresou no Instituto de Ensino Medio no que realizou o bacharelato e no que tivo como profesor de debuxo a Carlos Maside quen, vistas as súas capacidades, animouna a dedicarse integramente á pintura.
A partir de 1945 María Victoria pasaba tempadas en Madrid e, en 1949, a súa familia instalouse de forma permanente na capital. Ela, decidida a dedicarse á pintura, entrou a formar parte do estudio do pintor Julio Moisés e, como complemento á súa formación, asiste ás clases do Círculo de Belas Artes e, aínda que como alumna libre, ás aulas de Colorido e Composición na Escola de San Fernando. En 1955 agregouse cos alumnos oficiais para facer a viaxe de fin de carreira a París e entusiasmouse coa obra de Picasso, Georges Braque e Juan Gris; asistiu a unha exposición de Modigliani, a outra de Campligli, visitou o Museo de Arte Moderna e mais o Louvre, onde quedou impresionada pola visión da
Victoria de Samotracia.
Ao ano seguinte viaxou a Alemaña, Bélxica e Holanda e admirou a pintura de Rembrandt e Veermer. En 1957 obtivo unha estadía de tres meses en Italia, onde descubriu o Velázquez do
Retrato de Inocencio X e a pintura de Morandi e Sironi.
Ao mesmo tempo afianzaba a súa vocación e a súa formación e acercábase con frecuencia ao Museo do Prado a facer algunha copia (autorretrato de Rembrant, unha cabeciña do Greco, algo de Goya) e frecuentaba a Galería Buchols, a Galería Estilo e a Librería Clanal.
Analizando a evolución estilística de María Victoria de la Fuente, o profesor X. M. López Vázquez distingue tres etapas: unha inicial de formación, que comprende desde o seu contacto coa pintura ata a súa primeira exposición individual no Ateneo madrileño. A segunda correspondente á etapa de madurez, na que leva o expresionismo ata as súas últimas consecuencias. E a terceira, a partir de 1973, que é a etapa de consolidación.
Etapa de formación
Acomodada xa nun dos estudios do edificio destinado a
cowoking de artistas plásticos na madrileña rúa de María de Molina, en 1961 o seu pai, que estaba construíndo en Santiago de Compostela a antiga Facultade de Ciencias -hoxe de Química- encargoulle uns murais e os paneis cerámicos que completaban a ornamentación da Aula Magna do edificio. Trátase dunha pintura mural de gran calidade formal, de 120 metros, que cobre parte da parede e o teito curvo da aula. Segundo Encarnación Pisonero:
O tema polo que se decanta é alegórico, escenifica o mundo da ciencia; químicos, matemáticos e investigadores coas súas probetas, alambiques e aparellos facendo medicións. A sociedade e a familia saúda o advento dos seus logros. O home, espido e cegado, réndese ante a deusa
.
Resolto o mural de Santiago participou en diversas exposicións colectivas:
Homenaje a Vázquez Díaz, Concurso Arte y Hogar, na Galería Biosca;
Treinta y seis pintores españoles en París, Homenaje a Rafael Zabaleta, varias colectivas no Círculo de Belas Artes…
En 1962 realizou a súa primeira exposición individual na Sala do Prado do Ateneo de Madrid, pola que obtivo o premio da crítica á mellor exposición celebrada ese ano no Ateneo por decisión dun xurado formado polos críticos Castro Arines, Ramón Faraldo, Moreno Galván, García Viñó, José Hierro.
Convén dicir agora con García Viñó que toda esta pintura, desde o ano 1960 debe ser adscrita á Nova Figuración, título co que se bautizou e co que se coñecía ata agora, xa que o seu facer mostra un tipo de pintura modularmente inspirada na liberdade de trazo, a arbitrariedade compositiva e a forza matérica
(María Victoria de la Fuente, 2003).
En 1964 obtivo o primeiro premio da galería Abril de Madrid e o Premio Familia Española e cunha bolsa puido percorer novamente Holanda, Bélxica e París. E, ao mesmo tempo, participou na XXXII Bienal de Venecia e no salón feminino do Museo de París. En 1965 recibiu a Medalla de Ouro no Certame nacional de Pintura de Puertollano e a Terceira Medalla na Exposición Nacional de Belas Artes.
Manifestou María Victoria nesta primeira etapa, segundo López Vázquez,
unha preocupación pola textura do material como elemento expresivo per se e unha preocupación pola luz; por unha luz, principalmente, xeradora do espazo pictórico. Iso leva a María Victoria a utilizar unha luz intensa que recorda a dos tenebristas barrocos, coa diferencia de que a da nosa pintora xa non é unha pintura naturalista, senón que aparece reelaborada a través da súa óptica persoal
.
Etapa de madurez
Na década de 1970 segue pintando e expoñendo. Participou na
Exposición de pintores figurativos en la España actual celebrada en San Luís (Missouri);
Jünge Spanische Mahler (Austria, Italia);
Certamen Nacional de Pintura (Palacio Velázquez de Madrid);
Homenaje a Gerardo Diego (Sala Urbis de Madrid);
Veinticinco Pintores Actuales pola que a Galería Bosco lle concedeu unha medalla. E ao ano seguinte realizou unha nova exposición na galería Biosca e asistiu ás colectivas:
Maestros Gallegos de la Pintura Actual (Museo Castrelos de Vigo);
Veinticinco Pintores Actuales (galería Bosco de Madrid);
La mujer en la pintura (Palacio de Fuensalida, Toledo);
Artistas Gallegos en Madrid (Sala Urbis);
Panorama de la pintura actual (Museo de Arte Contemporánea de Madrid).
Nesta etapa María Victoria percorre os camiños do Informalismo e da Nova Figuración. Ou, como ela mesma dicía,
unha figuración desfigurada, con suxerintes entoacións en paisaxes e bodegóns
. Á pintura desta etapa gústalle, en palabras do profesor López Vázquez,
ademais, da luz intensa da sonoridade das sombras, como Rembrandt; que non renuncia aos efectos pictóricos como esenciais á pintura e que sabe sacar o máximo partido do procedemento técnico e da presencia abrupta do material como elementos a cuestionar por si mesmos
.
Etapa de consolidación
Nesta etapa María Victoria segue realizando exposición continuamente das que son de destacar as das galerías Torques (1974 e 1976) e Citania (1975, 1977, 1978 e 1985) de Santiago de Compostela; Círculo de Belas Artes (1978) e Centro Cultural Conde Duque (1984) na que foi presentado o libro
María Victoria de la Fuente, con textos de Antonio Fernández Molina, Luís María Caruncho, José María Iglesias e Rosa Martínez de Lahidalga, e a exposición individual na galería Atlántica da Coruña (1995).
En 1980 Victoria de la Fuente acudiu a Nova York para asistir á exposición netrospectiva de Pablo Picasso no Museo de Arte Moderna, que reuniu case toda a súa obra. En Nova York, ademais de Picasso, puido contemplar obras de Rotko, Monet, Matisse, de Velázquez e unha magnífica colección de Rembrandt.
E na década dos oitenta, o crítico coruñés Fernando Mon valoraba a María Victoria como
unha das mellores pintoras españolas. A súa pintura é recia, é sólida e é particularmente expresiva, escapándose a súa linguaxe a través desa solidez
.
Tamén por este decenio incrementouse a súa relación con Galicia e son de salientar a participación de María Victoria nas exposicións
Homenaxe a Eduardo Blanco Amor na Caixa de Aforros de Vigo en 1975,
Homenaxe a Grandío na sala Faunas de Madrid en 1978,
Homenaxe a Laxeiro na galería Citania de Santiago de Compostela en 1989.
A exposición colectiva
Vangardas e Silencios organizada pola Xunta de Galicia en 1988 na que participou María Victoria e á que concorreron 25 pintores, segundo os seus promotores pretendía ser unha reflexión sobre o que significou, chegou a ser e supuxo para Galicia a xeración de artistas plásticos dos anos 50 e 60.
Por esta época tivo lugar unha
Retrospectiva nas salas de Caixavigo e en novembro de 1994 a Xunta de Galicia presentou na Casa de Galicia en Madrid unha ampla exposición individual comisariada por Xosé Manuel García Iglesias que, no catálogo, recolle estas palabras de Rosa Martínez de Lahidalga:
La calidad de su pintura la consagra como una de las artistas más significativas de nuestro tiempo
. Pouco despois celebrarase a Exposición individual na Galería Atlántica Centro de Arte da Coruña.
Nesta etapa de consolidación iniciada con posterioridade a 1973, segundo López Vázquez,
a tonalidade da obra deixa de estar baseada nas terras, principalmente nas tonalidades vermellas para facelo nos azuis que se agrisan paulatinamente, xogándose coa tonalidade intermedia dos violetas
.
En 1997 a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao, facendo públicas estas motivacións:
María Victoria de la Fuente é unha viguesa adicada dende a infancia en corpo e alma á pintura que tivo a fortuna de triunfar en América, en Europa, en España, e de ser recoñecida profetisa artística mesmo aquí na súa terra…
Obra de María Victoria de la Fuente figura no Museo Español de Arte Contemporánea (Madrid), Museo Carlos Maside (Sada), Museo de Belas Artes de San Fernando, Museo de Puertollano, Museo de Pontevedra, Museo Municipal Quiñones de León de Vigo, Museo Nacional Centro de Arte Reina de Sofía, Casa de Galicia de Madrid, AFundación, Colección Xunta de Galicia, Real Academia de Belas Artes da Coruña e Museo de Pontevedra, estes dous últimos aos que doou diversos cadros.
En 1999, María Victoria de la Fuente sufriu un accidente doméstico, que lle produciu graves lesións e posteriores secuelas que foi superando lentamente sen renderse. Seguiu pintando ata o momento do seu pasamento, en 2009, sendo recoñecida a súa pintura por Francisco Pablos con estas palabras
distinguida sen soportar ampulosidade. É delicada sen feminismos tópicos. É, en definitiva, unha excepcional pintura, moi actual, sen servir a ningunha moda, chamada a ocupar un dos principais postos na nómina plástica galega
.
Bibliografía
Pablos, Francisco (1981): «María Victoria de la Fuente». En Plástica Gallega. Vigo: Caja de Ahorros Municipal.
Mon, Fernando (1987): Pintura contemporánea en Galicia. A Coruña: Caixa Galicia.
Fuente, María Victoria de la (2003): «Notas autobiográficas». En María Victoria de la Fuente. A pintura é cousa mental. Pontevedra: Deputación Provincial e Museo de Pontevedra.
García Iglesias, José Manuel (2003): «O paso do tempo e M.ª Victoria de la Fuente». En María Victoria de la Fuente. A pintura é cousa mental. Pontevedra: Deputación Provincial e Museo de Pontevedra.
Pisonero, Encarnación (2003): «A pintura é cousa mental». En María Victoria de la Fuente. A pintura é cousa mental. Pontevedra: Deputación Provincial e Museo de Pontevedra.
López Vázquez, X.M. (s./d.): «Fuente Alonso, María Victoria». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. XIX: for-fuen. Lugo: El Progreso, DL 2003; 248-249.