Actriz de teatro e audiovisual e docente de Interpretación radicada en GaliciaElena Atienza Valdezate, coñecida artisticamente como Elena Atienza, foi unha actriz e docente de orixe vasca establecida en Galicia, que desenvolveu unha curta pero intensa carreira na escena galega e foi profesora de Interpretación na ESAD de Vigo. Elena naceu en Vit...
Actriz de teatro e audiovisual e docente de Interpretación radicada en GaliciaElena Atienza Valdezate, coñecida artisticamente como Elena Atienza, foi unha actriz e docente de orixe vasca establecida en Galicia, que desenvolveu unha curta pero intensa carreira na escena galega e foi profesora de Interpretación na ESAD de Vigo. Elena naceu en Vitoria-Gasteiz o 8 de maio de 1968. A súa paixón polo teatro agromou na época do instituto, e a finais da década dos anos oitenta formou parte da compañía de teatro amador Tunantes del Norte. Elena comezou a carreira de Enxeñaría Industrial pero a vocación escénica seguía a medrar nela e no ano 1989 decidiu deixar eses estudos e marchar a Madrid para cursar Interpretación na Real Escuela Superior de Arte Dramático, RESAD. Despois de completar os tres cursos, diplomouse no ano 1992, e fixo seguidamente un cuarto curso de Taller de Teatro. Nese período participou en varias pezas, como
Aspavientos, baixo a dirección de Elvira Sanz, no ano 1992 e
Sueño de una noche de verano, de William Shakespeare, na versión de Juan Carlos de Ibarra e baixo a dirección de Denis Rafter, en 1993.
Ao rematar os seus estudos superiores, Elena trasladouse a Xapón para traballar nos espectáculos do parque temático Villa Española de Shima, onde estivo durante case dous anos. De volta en España, durante o ano 1996 estudou danza na academia Traspasos, en Vitoria, e participou como actriz na peza
Pasarela, de Mikel Gómez de Segura e Felipe Loza, baixo a dirección do primeiro, nunha montaxe de Traspasos Kultur. Ese mesmo ano Elena aproveitou para estudar música e canto nunha academia, e nesa época tamén participou nunha posta en escena de
Ligazón, de Ramón María del Valle-Inclán, na que facía da personaxe da Raposa.
Elena era amiga do poeta Leopoldo María Panero. Durante o tempo que este estivo ingresado no hospital psiquiátrico de Santa Águeda, en Mondragón, ela visitouno e mesmo transcribiu unha obra de teatro que el lle foi ditando, que permanece inédita.
No ano 1997 trasladouse a Galicia, onde radicou. Nada máis chegar, púxose a estudar galego, co fin de poder introducirse e integrarse na escena e no audiovisual galegos, algo que axiña conseguiu. En 1998 formou parte do elenco do ciclo
Valle Inclán 98 do Centro Dramático Galego, en coprodución coa compañía portuguesa Teatro do Noroeste (Centro Dramático de Viana) e o Centro Dramático Nacional, participando en tres das catro pezas que se puxeron en escena: en
Ligazón, baixo a dirección de Manuel Guede —desta vez, facendo o papel da Mozuela—;
El Embrujado, baixo a dirección de Eduardo Alonso; e
Las galas del difunto, dirixida por Xosé Martíns. Nos seguintes anos participou en dúas montaxes máis do CDG:
A cacatúa verde, de Arthur Schnitzler, baixo a dirección de Eduardo Alonso, en 2001, no rol de Leocadia; e
Daquel Abrente (nas dúas pezas que contiña: en
Laudamuco, señor de ningures, de Roberto Vidal Bolaño, no papel de Minia; e n’
O velorio, de Francisco Taxes, no papel de Lecha), baixo a dirección de Antonio Simón, no ano 2003.
Elena traballou tamén nunha coprodución do Centro Dramático Galego, a compañía portuguesa Teatro do Noroeste e a compañía galega homónima:
Estación Mahagonny. Tratábase dunha recreación de
Ascensión e caída da cidade de Mahagonny, de Bertolt Brecht, feita por Alexandra Moreira da Silva e dirixida por Jorge Castro Guedes. Elena facía dunha das personaxes integrantes do Ballet do Rico Homem.
Con Teatro do Noroeste e baixo a dirección de Eduardo Alonso volvería traballar no ano 2000 n’
A Celestina: Comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea, unha versión libre do texto de Fernando de Rojas na que Elena facía o papel de Melibea; así como no espectáculo para público familiar
O país acuático, con autoría de Alonso, dese mesmo ano. Outra montaxe doutra compañía privada na que participou foi
Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand, na versión de Francisco Pillado Mayor e Paulino Pereiro, dirixida por X.M. Rabón para Librescena, do ano 1999, interpretando a Rosana.
O teatro foi sempre a súa gran paixón, aínda que tamén lle gustaba o formato audiovisual, no que tivo a oportunidade de participar en varios proxectos. En 1997, formou parte do elenco do filme televisivo vasco
Los ojos de la ciudad, en Euskal Telebista, un infodrama que combinaba realidade e ficción e que se formulaba tamén como posible episodio piloto dunha serie, aínda que esta despois non se materializou. Participou en curtametraxes como
Por un infante difunto, do director de orixe galega Tinieblas González, que gañou o premio á mellor curtametraxe na 37ª edición da Semana da Crítica do Festival Internacional de Cinema de Cannes no ano 1998;
El color de agosto, xunto a Sonia Castelo no elenco, baixo a dirección de Marta Larralde, no seu debut como directora, a partir dun texto de Paloma Pedrero, tamén no ano 2001; ou
Rosa, con guión e dirección de Elena Álvarez Dosil, rodada no ano 2002, na que ela e Uxía Blanco representaban os papeis das fillas de Rosa (interpretada por Fely Manzano); e na mediametraxe
Jalisco, nun elenco que contaba con Xabier Deive, Santi Prego e mais ela nos papeis principais, dirixida por Jorge Valcárcel e Fran Piñeiro, do ano 2001.
Despois de participar na montaxe
Daquel Abrente, no ano 2003, tivo que facer unha pausa na súa carreira actoral por cuestións persoais e familiares. No ano 2006 obtivo unha praza de docente de Interpretación na ESAD de Galicia, onde o seu compromiso coa lingua galega e a súa gran paixón polo teatro seguiron destacando, e onde foi xefa de departamento. Faleceu o 6 de decembro do ano 2008, á temperá idade de corenta anos, a causa dunha doenza, deixando a súa pegada nas táboas, nas personaxes ás que deu vida, nas aulas e nas persoas que a coñeceron.
Agradecementos
A Pablo Buján e Eduardo Alonso, pola súa prezada axuda para a elaboración da biografía de Elena e as súas achegas documentais, e tamén a Afonso Becerra, Charo Fernández Insausti e Mikel Gómez de Segura polas súas contribucións.
Páxinas web de referencia
Información sobre Elena Atienza na páxina web do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Páxina web do Centro Dramático Galego
Páxina web de Teatro do Noroeste
Fontes principais persoais consultadas
Pablo Buján e Eduardo Alonso.
Bibliografía
«Librescena representa hoy y mañana en Vigo la obra Cyrano de Bergerac
». Publicado na edición dixital do xornal La Voz de Galicia, (13 de xuño 2000).
La Región: «Coles despide a la actriz Elena Atienza». Publicado na edición dixital do xornal La Región, (10 de decembro de 2008. Actualizado o 10 de febreiro de 2014).
Torres, Mónica. «Tui, plató permanente». Publicado na edición dixital de La Voz de Galicia, (15 de novembro de 2002).