Elena Atienza
Vitoria-Gasteiz (Áraba), 8/ 5/1968 - Santiago de Compostela (A Coruña), 6/12/2008Autoría: Ana Abad de Larriva
Actriz de teatro e audiovisual e docente de Interpretación radicada en Galicia
Ao rematar os seus estudos superiores, Elena trasladouse a Xapón para traballar nos espectáculos do parque temático Villa Española de Shima, onde estivo durante case dous anos. De volta en España, durante o ano 1996 estudou danza na academia Traspasos, en Vitoria, e participou como actriz na peza Pasarela, de Mikel Gómez de Segura e Felipe Loza, baixo a dirección do primeiro, nunha montaxe de Traspasos Kultur. Ese mesmo ano Elena aproveitou para estudar música e canto nunha academia, e nesa época tamén participou nunha posta en escena de Ligazón, de Ramón María del Valle-Inclán, na que facía da personaxe da Raposa.
Elena era amiga do poeta Leopoldo María Panero. Durante o tempo que este estivo ingresado no hospital psiquiátrico de Santa Águeda, en Mondragón, ela visitouno e mesmo transcribiu unha obra de teatro que el lle foi ditando, que permanece inédita.
No ano 1997 trasladouse a Galicia, onde radicou. Nada máis chegar, púxose a estudar galego, co fin de poder introducirse e integrarse na escena e no audiovisual galegos, algo que axiña conseguiu. En 1998 formou parte do elenco do ciclo Valle Inclán 98 do Centro Dramático Galego, en coprodución coa compañía portuguesa Teatro do Noroeste (Centro Dramático de Viana) e o Centro Dramático Nacional, participando en tres das catro pezas que se puxeron en escena: en Ligazón, baixo a dirección de Manuel Guede —desta vez, facendo o papel da Mozuela—; El Embrujado, baixo a dirección de Eduardo Alonso; e Las galas del difunto, dirixida por Xosé Martíns. Nos seguintes anos participou en dúas montaxes máis do CDG: A cacatúa verde, de Arthur Schnitzler, baixo a dirección de Eduardo Alonso, en 2001, no rol de Leocadia; e Daquel Abrente (nas dúas pezas que contiña: en Laudamuco, señor de ningures, de Roberto Vidal Bolaño, no papel de Minia; e n’O velorio, de Francisco Taxes, no papel de Lecha), baixo a dirección de Antonio Simón, no ano 2003.
Elena traballou tamén nunha coprodución do Centro Dramático Galego, a compañía portuguesa Teatro do Noroeste e a compañía galega homónima: Estación Mahagonny. Tratábase dunha recreación de Ascensión e caída da cidade de Mahagonny, de Bertolt Brecht, feita por Alexandra Moreira da Silva e dirixida por Jorge Castro Guedes. Elena facía dunha das personaxes integrantes do Ballet do Rico Homem.
Con Teatro do Noroeste e baixo a dirección de Eduardo Alonso volvería traballar no ano 2000 n’A Celestina: Comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea, unha versión libre do texto de Fernando de Rojas na que Elena facía o papel de Melibea; así como no espectáculo para público familiar O país acuático, con autoría de Alonso, dese mesmo ano. Outra montaxe doutra compañía privada na que participou foi Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand, na versión de Francisco Pillado Mayor e Paulino Pereiro, dirixida por X.M. Rabón para Librescena, do ano 1999, interpretando a Rosana.
O teatro foi sempre a súa gran paixón, aínda que tamén lle gustaba o formato audiovisual, no que tivo a oportunidade de participar en varios proxectos. En 1997, formou parte do elenco do filme televisivo vasco Los ojos de la ciudad, en Euskal Telebista, un infodrama que combinaba realidade e ficción e que se formulaba tamén como posible episodio piloto dunha serie, aínda que esta despois non se materializou. Participou en curtametraxes como Por un infante difunto, do director de orixe galega Tinieblas González, que gañou o premio á mellor curtametraxe na 37ª edición da Semana da Crítica do Festival Internacional de Cinema de Cannes no ano 1998; El color de agosto, xunto a Sonia Castelo no elenco, baixo a dirección de Marta Larralde, no seu debut como directora, a partir dun texto de Paloma Pedrero, tamén no ano 2001; ou Rosa, con guión e dirección de Elena Álvarez Dosil, rodada no ano 2002, na que ela e Uxía Blanco representaban os papeis das fillas de Rosa (interpretada por Fely Manzano); e na mediametraxe Jalisco, nun elenco que contaba con Xabier Deive, Santi Prego e mais ela nos papeis principais, dirixida por Jorge Valcárcel e Fran Piñeiro, do ano 2001.
Despois de participar na montaxe Daquel Abrente, no ano 2003, tivo que facer unha pausa na súa carreira actoral por cuestións persoais e familiares. No ano 2006 obtivo unha praza de docente de Interpretación na ESAD de Galicia, onde o seu compromiso coa lingua galega e a súa gran paixón polo teatro seguiron destacando, e onde foi xefa de departamento. Faleceu o 6 de decembro do ano 2008, á temperá idade de corenta anos, a causa dunha doenza, deixando a súa pegada nas táboas, nas personaxes ás que deu vida, nas aulas e nas persoas que a coñeceron.
Agradecementos
A Pablo Buján e Eduardo Alonso, pola súa prezada axuda para a elaboración da biografía de Elena e as súas achegas documentais, e tamén a Afonso Becerra, Charo Fernández Insausti e Mikel Gómez de Segura polas súas contribucións.
Páxinas web de referencia
Información sobre Elena Atienza na páxina web do Centro de Documentación de las Artes Escénicas y de la Música
Páxina web do Centro Dramático Galego
Páxina web de Teatro do Noroeste
Fontes principais persoais consultadas
Pablo Buján e Eduardo Alonso.
Bibliografía
«Librescena representa hoy y mañana en Vigo la obra Cyrano de Bergerac
». Publicado na edición dixital do xornal La Voz de Galicia, (13 de xuño 2000).
La Región: «Coles despide a la actriz Elena Atienza». Publicado na edición dixital do xornal La Región, (10 de decembro de 2008. Actualizado o 10 de febreiro de 2014).
Torres, Mónica. «Tui, plató permanente». Publicado na edición dixital de La Voz de Galicia, (15 de novembro de 2002).
Como citar: Abad de Larriva, Ana : Elena Atienza. Publicado o 24/7/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35531. Recuperado o 15/05/2025
DOCUMENTACIÓN DE
«Galicia está pechada no teatro, tanto para importar como para exportar», entrevista de Marta R. Valeiro á actriz Elena Atienza. Ver Documento. Artigo
Valeiro, Marta R.: «Galicia está pechada no teatro, tanto para importar como para exportar», O Correo Galego, (21 de xaneiro de 2001)
Fonte: Pablo Buján.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
«La actriz viguesa Marta Larralde se estrena en la dirección con
El color de agosto». Recorte do artigo escrito por Amaia Mauleón sobre a rodaxe da curtametraxe El color de agosto, dirixida por Marta Larralde e protagonizada por Elena Atienza e Sonia Castelo. Ver Documento. ArtigoMauleón, Amaia: «La actriz viguesa Marta Larralde se estrena en la dirección con
Fonte: Pablo Buján.El color de agosto», Faro de Vigo, (22 de xuño de 2001), 44.
G. Luca de Tena asina esta crítica da montaxe do CDG d’A cacatúa verde, de Arthur Schnitzler, dirixida por Eduardo Alonso, en 2001, na que Elena facía o papel de Leocadia. Ver Documento. Artigo
Luca, G.: «Ensaio sobre a liberdade: Estrea de A Cacatua Verde de Schnitzler polo CDG», A Nosa Terra, (15 de marzo de 2001), 27-28.
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega. Fondos documentais.
https://consellodacultura.gal/fondos_documentais
Programa da peza Estación Mahagonny, coproducida pola compañía galega Teatro do Noroeste, a compañía portuguesa homónima, con sede en Viana do Castelo, e o CDG no ano 1998, da que Elena Atienza formou parte do elenco. Ver Documento
Fonte: Centro de Documentación de las artes escénicas y de la música.
«Euskal Telebista emite esta noche el infodrama
Fonte: Pablo Buján.Los ojos de la ciudad». Recorte dun artigo publicado polo Diario Vasco no ano 1997 que recolle a emisión do telefilme vasco Los ojos de la ciudad, do que Elena Atienza formaba parte do elenco. Ver Documento. Noticia
Programa de man da peza Aspavientos da RESAD de Madrid, dirixida por Elvira Sanz no ano 1992 e na que actuaba Elena Atienza. Ver Documento
Fonte: Pablo Buján.
Ligazóns de interese
«Crítica de teatro de Panero a una obra de Elena Atienza». Artigo de Luisa del Rosario sobre a amizade entre o poeta Leopoldo María Panero e Elena Atienza, as palabras que el escribiu sobre a peza Pasarela, na que actuaba Elena, e a obra de teatro que a actriz lle transcribiu; publicado na edición dixital do xornal Canarias 7, (13 de marzo de 2014)
Fonte: Canarias 7
https://www.canarias7.es/
«Coles despide a la actriz Elena Atienza», artigo publicado na edición dixital do xornal La Región, (10 de decembro de 2008. Actualizado o 10 de febreiro de 2014)
Fonte: La Regiónhttps://www.laregion.es/
«Tui, plató permanente», artigo de Mónica Torres sobre a rodaxe da curtametraxe Rosa, de Elena Dosil, na que Elena Atienza formaba parte do elenco. Publicado na edición dixital de La Voz de Galicia, (15 de novembro de 2002)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es
«Vigo acolle a rodaxe de
Fonte: Consello da Cultura Galega. Culturagalega.galEl color de agosto, dirixida por Marta Larralde». Nova publicada no portal dixital Cultura Galega arredor do inicio da rodaxe desta curta dirixida por Marta Larralde e protagonizada por Elena Atienza e Sonia Castelo, a partir dunha obra de Paloma Pedrero, (22 de xuño de 2001)
https://culturagalega.gal
«Librescena representa hoy y mañana en Vigo la obra
Fonte: La Voz de GaliciaCyrano de Bergerac», artigo que anuncia dúas funcións en Vigo desta montaxe de Librescena na que Elena Atienza facía o papel de Rosana, e recolle o éxito acadado polo espectáculo dende a súa estrea no ano 1999. Publicado na edición dixital do xornal La Voz de Galicia,(13 de xuño de 2000)
https://www.lavozdegalicia.es/
Videos
Vídeo cun resumo da peza A Celestina: Comedia dos tolos amores de Calisto e Melibea, de Teatro do Noroeste, na que Elena Atienza facía o papel de Melibea.
Fonte: Teatro do Noroeste / YouTube.com
Vídeo completo da curtametraxe Por un infante difunto, de Tinieblas González, do ano 1998, no que participou Elena Atienza como actriz.
Fonte: Tinieblas González / YouTube.com
Fragmento de Las galas del difunto, unha das tres pezas que formaron parte do ciclo Valle-Inclán 98, do Centro Dramático Galego, en coprodución coa compañía portuguesa Teatro do Noroeste (Centro Dramático de Viana) e o Centro Dramático Nacional (CDN), do ano 1998, e na que actuaba Elena Atienza.
Fonte: Ministerio de Cultura / YouTube.com
Vídeo coa curtametraxe completa Rosa, de Elena Álvarez Dosil, do ano 2002, cun elenco formado por Fely Manzano, Elena Atienza, Uxía Blanco e Xan Bravo.
Fonte: Cesar Crusat / YouTube.com