Chámome Mariña Lema, teño 26 anos e son de Cabana de Bergantiños, un concello da Costa da Morte.
Dende moi pequena tiven claro que quería ser mestra, ía tan contenta á escola que choraba o sábado e o domingo, non entendía por que na fin de semana non se podía. A pesar de telo tan claro, houbo moitos profesores que intentaron que cambia...
Chámome Mariña Lema, teño 26 anos e son de Cabana de Bergantiños, un concello da Costa da Morte.
Dende moi pequena tiven claro que quería ser mestra, ía tan contenta á escola que choraba o sábado e o domingo, non entendía por que na fin de semana non se podía. A pesar de telo tan claro, houbo moitos profesores que intentaron que cambiara de rumbo, non comprendían como tendo unhas notas tan boas non prefería facer medicina ou unha enxeñería; pero non houbo quen mo quitara da cabeza. Tras facer Educación Primaria na Coruña, aprobei as oposicións ao ano seguinte e estiven impartindo docencia dous anos no CPI Cabo da Area de Laxe, co que gañei o premio Dígocho Eu de ouro 2023-2014.
O pasado curso estiven no CEIP Sagrada Familia da Coruña, onde me atopei cunha realidade totalmente diferente. Mentres que na Costa da Morte case a totalidade das persoas falamos en galego, na cidade herculina a situación é totalmente oposta. As nenas e nenos preguntábanme: ¿Pero tú hablas en gallego todo el tiempo?, ¿En tu cole del año pasado los niños y niñas también lo hablan? ¿Y saben hablar en castellano?, ¿Tu familia y tus amigas también lo hablan?...
Ademais, se lles pedía que falaran en galego porque a materia se daba nesta lingua, sentían vergoña porque non tiñan as ferramentas necesarias para facelo. Por outra banda, o número de alumnado procedente do estranxeiro no noso centro é moi elevado e a estes nenos ninguén lles fala galego porque “son de fóra e non entenden” (aínda que leven xa varios anos en Galicia).
Eu non podía quedar sen achegar o meu gran de area para cambiar esta dinámica, así que decidín deseñar un plan de acción total que conseguise espertar a ilusión e a capacidade de traballo do alumnado en materia de dinamización da lingua. Así naceu Vitamina G, un proxecto que emprega a lingua galega como factor de cohesión e integración social, nun contexto cunha alta porcentaxe de nenos e nenas de orixe migrante. Con esta iniciativa gañamos o Premio Mil Primaveras e tamén o Dígocho Eu de ouro 2024-2025.
Ver biografía completa