Sabía que a memoria podía desaparecer, mais a verdade nuncaPara que a verdade non desapareza, cómpre traela de volta á memoria. Mariví Villaverde Otero sabíao e deixounos a súa en herdanza en Tres tempos e a esperanza. Xenerosa acudiu onde a chamaron: congresos, xornadas, encontros co alumnado de ensino medio, que a facían especialmente fel...
Sabía que a memoria podía desaparecer, mais a verdade nuncaPara que a verdade non desapareza, cómpre traela de volta á memoria. Mariví Villaverde Otero sabíao e deixounos a súa en herdanza en Tres tempos e a esperanza. Xenerosa acudiu onde a chamaron: congresos, xornadas, encontros co alumnado de ensino medio, que a facían especialmente feliz. En 2006, Ano da Memoria, Mariví Villaverde formou parte do Consello da Memoria; foi recoñecida co premio Galiza Mártir pola Fundación Alexandre Bóveda, en 2009 nomeada Boa e xenerosa
pola AELG e en 2012 Republicana de honra
pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.
Incansábel na defensa do que consideraba xusto, participou de xeito moi activo nas mobilizacións contra a guerra de Iraq e coa plataforma Nunca Máis.
Será recordada pola súa palabra rotunda, pola firmeza do seu pensamento, polo seu sorriso e pola súa escrita entrañábel. Sabía que era o que tiña que facer, transmitir ás xeracións máis novas, e non tan novas, esa verdade, que trunfa na ética da palabra; unha historia que poucas veces escoitaramos de viva voz. Contou o que vivira e o que sabía, contou de viva voz o que outras persoas non se atreveron.
A consciencia que Mariví Villaverde tiña da súa vida pode enmarcarse entre dous momentos. O primeiro, vén envolto no paquete dun galano que unha nena alegre vai abrir para descubrir unha caixa de música con bailarinas moi fermosas cos seus tutús. Esta é a imaxe da súa infancia luminosa, tan alegre como as ondas que chegan á praia de Compostela, cando ela xoga e dá voltas e reviravoltas como as rapaciñas que non precisan pensar no futuro. O segundo momento ocorre cando ela, a muller que regresa do exilio, recupera a caixa de música, que como tantas cousas miúdas da nena miúda tamén lle fora roubada, polas monxas, como roubaran o que había na casa. Reclamouna e descubriu que os tutús tan ben feitos das bailarinas foran mudados polo hábito das monxas. As bailarinas daquela nena feliz, eran agora monxas, alleas, dun país alleo e dunha infancia roubada e adolescencia arrebatada. A caixa de música converteuse no interior da cicatriz, a condena eterna do exilio. As lágrimas aínda lle viñan ao ollos cando contaba e moi ben, coa capacidade de nos emocionar, esta historia.
María Victoria Villaverde Otero naceu o 22 de novembro de 1922 en Vilagarcía. É a segunda filla de Elpidio Villaverde e de Rosina Otero. Cando nace, o seu pai é xa un recoñecido home de negocios na vila, presidente da Cámara de Comercio. Membro das Irmandades da Fala e despois na Orga, foi o primeiro alcalde da II República e en 1936 elixido deputado por Pontevedra de Izquierda Republicana na candidatura da Frente Popular. O golpe de estado de 1936 vai tronzar a vida da familia Villaverde-Otero. A súa irmá maior, Rosina Villaverde, abandona a súa carreira de Filosofía e Letras en Madrid no primeiro ano; o terceiro e derradeiro fillo do matrimonio, Francisco, exiliouse de neno en 1936 e nunca máis volveu. Vida marcada, a súa, por pertenceren a unha familia roxa
ou seren da cáscara amarga. A represión alonga os tentáculos; como testemuño, a fotografía da súa tía Carme rapada coas letras UHP na fronte. A mesma sorte sufriu a súa irmá, a tía Luísa. A irmá do pai, a tía Argentina, mestra galeguista, vai presa e unha adolescente Mariví lévalle o xantar e lelle textos teatrais que lle van prender o gusto literario. A historia tamén a contaba moi ben a nosa protagonista: a tía fora acusada de roxa por elixir unha tea semellante á cor do amorodo para os gabáns da súa familia.
Rosina Otero con intelixencia, mentres o seu home xa está fóra nun barco, organiza a fuxida con pasaportes falsos e, desde o porto de Vigo, coas dúas mociñas e co neno, nun cargueiro inglés chegan a Francia, onde se atoparán con Elpidio. Marsella, París, Bordeos, Orleáns, Guetary entrán no seu mapa vital. Se en 1934, cando meteron ao pai preso, soubo que había cousas polas que sentir orgullo, agora vai saber o que é ser refuxiada e aprenderá a levar todas as contas da economía familiar.
Mariví Villaverde viaxa e leva na súa equipaxe esa infancia feliz da Vilagarcía, a súa amiga Anxela, que perde para sempre, cando a volva ver xa non vai ser a mesma; aqueles tempos de aprendizaxe feliz en que o seu mestre Aquilino Iglesia Alvariño lle le os poemas que serán Cómaros verdes; tamén mete na valixa as poucas ganas coas que obrigada tocaba o piano, o son do mar da súa ría diferente a todas e un bico roubado. Despois de Francia leva a imaxe de Ramón de Valenzuela, o pouquiño que se viran, o desexo dun futuro xuntos e o francés que era o que quería estudar, antes de que pasara o que pasou. Embarcan no Massilia e comparten travesía con Arturo Cuadrado e Amparo Alvajar. A nosa protagonista ten 16 anos. A Segunda Guerra Mundial fai tremer Europa e a mala fortuna leva a Ramón baixo a bota de Franco, que remata na cadea de Ávila, a condena a morte é conmutada por vinte anos e un día de cárcere.
Ao chegar a Bos Aires enfermou do pulmón, é a estrea de Os vellos non debe de namorarse a que lle permite saír da casa, recuperada. Fora moi dura a enfermidade, mais tiña ganas de vivir e dese futuro con Ramón do que falaban nas cartas que se escribían. Cando Ramón está en liberdade vixiada, deciden casar: só se viran en Francia cinco días. A nai, sempre preto dela, na hora de marchar díxolle que se o que atopaba non era do seu gusto, que volvese e non pasaba nada. Atópanse o día de nadal na estación de tren de Redondela. Casan o 22 de febreiro, de novo o 22, en 1945, cando se pensa no exilio que o remate da guerra vai ser o do franquismo. O seu primeiro fillo, José Ramón tamén vai nacer un 22 de agosto. Tentan ficar, instálanse en Noalla e Ramón traballa nunha explotación de arxila propiedade de Elpidio Villaverde. Tentan ficar, mais non poden; están nun país de fuxidos, “uns apampan co fútbol” e “outros mareánse coa febre dos negocios”: “non pensar, non ver, non sufrir”. Arranxan o indulto. Exílianse.
En Bos Aires ela traballa nunha fábrica de cintos, con traducións do francés, co corte e cosido de roupa e como axente comercial das cerámicas da Madalena, para manter unha familia con dous fillos: José Ramón e Fernando. A Villaverde e Valenzuela con Roberto Villanueva chegoulles a hora do teatro galego e en galego. Ela é actriz, el escribe e adapta; representan A camisa de Lauro Olmo ou O casamento do latoeiro de Jhon M. Synge. Blanco Amor dirixe As bágoas do demo de Valenzuela. Con Arturo Cuadrado, Villaverde dirixe o xornal Galicia da Federación das Sociedades Galegas e asina artigos co nome de M.ª V. Arealonga.
Elpidio Villaverde e Rosina Otero falecen no exilio, regresaron as súas cinzas e repousan no panteón familiar en Vilagarcía. Rosina, a irmá, regresou co seu compañeiro, Sandalio Alonso de la Riva, militantes do PSOE, faleceron en Vilagarcía. Francisco, o eterno exiliado, faleceu na Arxentina.
Nos anos sesenta a cuestión entre o mundo do exilio era: volver ou non. Para a familia de Valenzuela Otero, Bos Aires significaba, con dous fillos, certa estabilidade. Valenzuela quería volver, Villaverde, dubidaba. Se non regresaren daquela xa non o farían nunca, por non lles tronzaren a vida aos fillos. A situación política complícase en Arxentina, Mariví Villaverde como axente comercial de cristal de bohemia está en Europa, aproveita tamén para visitar o fillo Fernando en Praga. Ramón chámaa desde Bos Aires, as cousas andan revoltas na capital. Decídeo, recolle a casa e regresa. É 1966 e pola desconfianza asentan en Madrid. Para Mariví Villaverde foi terribel ter que se desfacer da casa, sen ver, nin saber. En barco veñen libros e cadros. Ela fóra sente unha vertixe maior.
En Madrid Ramón de Valenzuela escribe Era tempo de apandar (1980), ela segue como axente comercial. Nunca abandonou nin francés nin a escrita. A versión de M. Kundera, El arte de la novela (1996) está asinada por María Victoria Villaverde e por Fernando de Valenzuela, o seu fillo.
No exilio sentira ganas de escribir o que vivira, tamén o seu compañeiro Ramón de Valenzuela, ela faino ao seu xeito e el ao del. De 1962 é a publicación na editorial Alborada de Bos Aires da súa obra Tres tiempos y la esperanza, asinada como María Victoria Valenzuela, con prólogo de Arturo Cuadrado e, nunha ilustración, un retrato da autora de Luís Seoane. Ela tiña corenta anos. O libro reeditouse en Galicia en 1987 por Edicións do Castro. No ano 2002 publícase en galego na colección Mulleres (A Nosa Terra), cun prólogo de Anxos Sumai, co título de Tres tempos e a esperanza, asinado por Mariví Villaverde; nesta edición a autora devólvelle aos personaxes os seus nomes verdadeiros, mudados nas edicións anteriores, e engádelle un epílogo: Palabras que escribín corenta anos despois
. Con esta publicación renace como escritora. Ramón falecera en Madrid en 1980 e o sentido de asinar antes co apelido de Valenzuela
xustificouno co feito de que no exilio se coñecían así: os Dieste, os Seoane, os Tobío, os Valenzuela. A mudanza do seu apelido era necesaria, a autora mudara co século; sempre fóra unha muller independente: Mariví Villaverde.
Agradecida con ver a súa obra en galego, lamentaba non se ter estendido un pouco máis no epílogo.
Revive os fusilamentos en Hoyo del Manzanares, a morte de Franco, o crime de Atocha, a legalización do PCE. Evoca as reunións do Club da UNESCO con Reimundo Patiño, Manolo Conde ou Bautista Álvarez e o reencontro con Lois Tobío e Melu, a súa compañeira. Nos últimos anos en Madrid coidou a amizade con Inés Canosa, directora da Galería Sargadelos, Constanza Tobío e Henrique Albor, novas xeracións coas que comparte esa cicatriz que levan na memoria e a historia triste da súa caixa de música.
Mariví Villaverde faleceu o 23 de abril, día do libro de 2017. Como quería, as súas cinzas están con Ramón de Valenzuela no cemiterio de Adina, Sanxenxo, onde tiñan unha casa e contaron moitas lúas felices.
Ver biografía no Álbum de Galicia