Loitadora incansable durante a Guerra Civil e activista comprometida no exilio mexicanoFoi a maior dos tres fillos que tiveron a mestra badaxocense Jacinta Landa Vaz (1894-1993) e o filósofo e pedagogo galeguista Johán Vicente Viqueira (1886-1924), casados polo civil desde 1917. Luisa naceu o 18 de marzo de 1918 na Coruña, onde seu pai ocupaba a...
Loitadora incansable durante a Guerra Civil e activista comprometida no exilio mexicanoFoi a maior dos tres fillos que tiveron a mestra badaxocense Jacinta Landa Vaz (1894-1993) e o filósofo e pedagogo galeguista Johán Vicente Viqueira (1886-1924), casados polo civil desde 1917. Luisa naceu o 18 de marzo de 1918 na Coruña, onde seu pai ocupaba a cátedra de Psicoloxía, Lóxica e Ética do Instituto Eusebio da Guarda. Criouse entre esta cidade e a Quinta do Cortón, en Vixoi (Bergondo), onde residía a familia paterna.
Desde moi nena beneficiouse da pedagoxía e o método educativo da Institución Libre de Enseñanza onde se formaran os seus pais e boa parte dos seus familiares, tanto maternos como paternos. En Galicia, Luisa aprendeu a falar e a ler en galego, empregando un método educativo que ideou o seu pai e que, segundo parece, mesturaba debuxos e textos. A nena, compartiría moi pronto xogos cos seus dous irmáns: Jacinto (1921-2014) e Carmen (1923-2010). Educados nunha familia acomodada e nun ambiente culto e liberal, os irmáns Viqueira Landa quedan orfos de pai prematuramente, en 1924. Naquela altura, con seis anos, Luisa trasládase a Madrid coa súa nai e irmáns. Apenas dous anos despois, a nai, viúva aínda nova, convértese nunha das fundadoras do Lyceum Club Femenino que presidirá María de Maeztu.
En Madrid, Luisa e os seus irmáns estudan na primeira escola plurilingüe da capital, a Escuela Internacional Española, fundada en 1928 por José Castillejo Duarte, antano secretario da Junta para la Ampliación de Estudios e Investigacións Científicas, e dirixida pola nai entre 1929 e 1932. Máis tarde, Jacinta Landa e outros mestres, incapaces de superar as discrepancias con Castillejo, fundan a Escuela Plurilingüe, á que tamén asistirán Luisa e seus irmáns. Son anos de formación integral, vinculada sempre ás ideas da Escola Libre de Enseñanza. As lecturas, a aprendizaxe das linguas, a música e as excursións deberon ocupar boa parte das xornadas dos Viqueira Landa naqueles anos. A nai compaxina a actividade docente e a crianza dos fillos, cos estudos de xinecoloxía que, andando o tempo, a levarán a exercer como comadroa co doutor Manuel Varela Radio.
En 1935 Luisa comeza os seus estudos de Bioloxía na Universidade Complutense de Madrid quizais influenciada pola súa tía materna Matilde, ou por Santiago Ramón y Cajal, amigo da familia. Ao remate do primeiro curso o estoupido da Guerra Civil sorpréndeos en Galicia, onde viñeran veranear cunha decena de nenos de familias republicanas amigas. Poucos días despois refúxianse todos en Vixoi, na casa familiar, onde vivirán agochados durante nove meses. Coa axuda da Cruz Roja Internacional logran saír do porto da Coruña a bordo dun barco inglés que os levará a Saint-Jean-de-Luz, en Francia, desde onde poderán entrar na España republicana.
Luisa instálase en Barcelona e colabora co Consejo de la Infancia Evacuada, dependente do Ministerio de Instrucción Pública. En outubro de 1937, ela e a súa irmá trasládanse a Villaljordo del Júcar (Albacete) onde se fan cargo de Carmen López Landa, a súa curmá de apenas seis anos, e dun grupo de nenos de familias republicanas que chegan desde a fronte. Poucos meses despois, Luisa viaxa coa súa curmá e un grupo de nenos asturianos e vascos á Moscova e de alí trasládanse xuntos a Kaluga, unha cidade do oeste de Rusia. En 1939, coa guerra perdida, Jacinta Landa reúne os seus fillos en Londres desde onde logran saír para Nova York e de alí, en autobús, a México. O 6 de agosto de 1939 chegan a Nuevo Laredo (Tamaulipas), na fronteira norte do país.
Unha vez establecidos Luisa involúcrase activamente na acción política e cultural dos exiliados. En 1942 é a única representante galega na reunión das Juventudes Socialistas Unificadas. Nesas mesmas datas imparte aulas de lingua e cultura galega no Centro Republicano Español. Nesta mesma época casa con Rafael Rodríguez, membro do Partido Comunista (PC) español, con quen terá tres fillos, Rafael (1943), Luís (1945) e Manuel (1947). Apenas dous anos despois do nacemento do pequeno queda viúva. Máis tarde impulsa xunto a Luís Soto o Padroado de Cultura Galega de México, creado en 1953 e dirixido por Carlos Velo, e figura como secretaria da revista
Vieiros cuxo primeiro número apareceu en 1959. No segundo número desta publicación anúnciase a aparición dun artigo de Luisa Viqueira titulado «Mulleres galegas» do que, lamentablemente, nada sabemos. Participou durante anos en
La hora de Galicia, un programa radiofónico en galego que se retransmitirá todos os domingos.
Militante do Partido Comunista de España intégrase nun grupo de mulleres do Partido Comunista Mexicano e forma parte da Unión de Mujeres Españolas Mariana Pineda onde cadra con Asunción Concheiro (coñecida como Choncha ou Chonchiña) esposa do doutor Francisco Comesaña, protagonistas ambos de
O lapis do carpinteiro, a coñecida novela de Manuel Rivas. Nos anos sesenta, abandona o Partido Comunista con Luís Soto para integrarse na Unión do Pobo Galego.
En 1979 regresa a Galicia despois de case corenta anos de ausencia. Durante seis meses percorre os lugares da infancia. Acompáñana con frecuencia Blanca Jiménez, esposa de Fermín Penzol, Domingo García-Sabell, Isaac Díaz Pardo e Ramón Piñeiro, cos que sostén longas conversas. Nunca máis regresaría a Galicia. Tras 75 anos de exilio, faleceu na súa casa de México o día 3 de novembro de 2014, os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Ouces o 18 de abril de 2015. Desde aquela descansa ao lado de seu pai.
Bibliografía
Fernández Freixanes, Víctor: «Luisa Viqueira Landa», La Voz de Galicia, (12 de xullo de 2021).
Marco, Aurora: Dicionario de mulleres galegas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2007.
Marco, Aurora: Irmandiñas. Santiago de Compostela: Edicións Laiovento, 2020.
Rodríguez Viqueira, Manuel: «Luisa Viqueira Landa. Republicana de honra», A Xanela. Revista Cultural das Mariñas, 29 (primavera de 2010).
Miranda, Ana el al.: «Luisa Viqueira Landa: unha heroína republicana», Cadernos de Estudos Xerais, 6 (abril 2016).