A condesa de Barrantes: artista, enfermeira na Segunda Guerra Mundial e candidata ao CongresoA de Julia Becerra Malvar é unha desas historias merecentes dun chisquiño máis de atención. A coñecida como Condesa de Barrantes ou Condesa Boa agocha unha biografía que daría para ducias de libros e ata para algunha película. En cambio, sobre ela s...
A condesa de Barrantes: artista, enfermeira na Segunda Guerra Mundial e candidata ao CongresoA de Julia Becerra Malvar é unha desas historias merecentes dun chisquiño máis de atención. A coñecida como Condesa de Barrantes ou Condesa Boa agocha unha biografía que daría para ducias de libros e ata para algunha película. En cambio, sobre ela só hai un pequeno libro que no seu día encargou a directora do colexio de Barrantes, bautizado en 1967 co nome da aristócrata, ao historiador Xosé Lois Vila Fariña. Esas poucas
Notas para unha biografía son a proba de que tras a condesa agóchase unha muller fascinante, que non tivo medo a meterse na política, que axudou a xente nas épocas de guerra, que adorou o seu pobo por riba de todo e á que a vida tratou de forma inxusta en moitas ocasións. Foi cantante na Scala de Milán, enfermeira na Segunda Guerra Mundial e anfitrioa do Pacto de Barrantes, considerado a orixe do primeiro Pacto de Autonomía de Galicia.
Recuperar a apaixonante historia que viviu esta muller non é tarefa doada, pois non hai nada escrito agás o que contan dela e o libro de Xosé Lois Vila Fariña,
Julia Becerra Malvar. El valor de una mujer. Notas para su biografía, que foi escrito en colaboración co xornalista Benito Leiro. Julia naceu no Pazo de Salcedo o 9 de abril de 1892. O seu pai era Manuel Becerra Armesto, que foi alcalde de Pontevedra, e a súa nai, Josefina Malvar, que pertencía a unha familia de gran relevancia política e era curmá da escritora Emilia Pardo Bazán. A súa familia posuía tres pazos: o de Salcedo, o da Carrasqueira e o de Barrantes, que será o que ela herde cando case. Pero, antes de que iso suceda, Julia pasou parte da súa xuventude en París, onde foi a estudar deseño de moda, canto e piano. Chegou incluso a actuar na Scala de Milán, onde interveu na ópera
Lucía de Lammermoor, cando tiña 18 anos. Esa vea artística non convencía ao seu pai que esixiu o seu regreso a Galicia. Aínda así, Julia non abandonou a súa afección polo canto e chegou a actuar en citas benéficas en Pontevedra, tal e como recorda Vila Fariña na súa biografía.
Algúns contan que foi unha mostra de rebeldía o que levou a Julia Becerra a casar con Vicente Sagarriga Martínez del Pisón, Conde de Creixell, Barón de la Pobadilla e Señor de Ortells. A voda con este avogado valenciano, que ademais era maior ca ela, celebrouse só tres meses despois de que ambos os dous se coñeceran e, como regalo, a parella recibiu o Pazo de Barrantes, un espazo ao que se sentía moi unida e no que pasou longas tempadas da súa vida. Do matrimonio naceron dúas fillas: Julia e Cristina Sagarriga Becerra.
Firme defensora da lingua e da cultura galegas, Julia e a súa familia vivían en Madrid, pero pasaban os veráns en Galiza, no seu Pazo de Barrantes. Conta a súa familia que creceu nun contorno que daba alento aos seus intereses políticos e á súa adoración pola súa terra natal. Na lista dos seus amigos figura o poeta cambadés Ramón Cabanillas, quen lle dedicou un poema no ano 1925 e co que mantiña correspondencia que hoxe non se conserva, segundo Vila Fariña, porque ela mesma a destruíu. Si que se conservan, en cambio, varias cartas que intercambiou co catalanista Francisco Cambó, entre elas, algunhas que fan referencia á intervención de Julia Becerra no Congreso dos Deputados para protestar contra a queima de igrexas e conventos.
Quizais polos ambientes nos que se moveu, sempre tivo inquedanzas políticas e foi ela a que ofreceu o Pazo de Barrantes como escenario para firmar o coñecido como Pacto de Barrantes, que está considerado como a orixe do primeiro Pacto de Autonomía de Galicia. Esta reunión tivo lugar o 25 de setembro de 1930 e nela participaron figuras do galeguismo, como Castelao ou Otero Pedraio, e do republicanismo, como Casares Quiroga ou Villar Pontes. Julia tivo parentes que foron ministros durante a Primeira e a Segunda República e incluso chegou ela mesma a presentarse ás eleccións ao Congreso dos Deputados no ano 1936 representando a un partido galeguista, republicano e conservador. Non saíu elixida. Son eses anos difíciles para a condesa, porque o seu home enferma e falece en 1935.
Segundo conta a súa neta Cristina Cebrián Sagarriga no libro que Vila Fariña lle dedicou á condesa, o alzamento militar sorpréndea en Madrid, onde pasa a formar parte de Socorro Blanco, unha organización clandestina que axudaba a fuxir a persoas que estaban en perigo. A ela mesma, asegura a súa neta, foron buscala dúas veces os milicianos.
Era, tamén, dama enfermeira da Cruz Vermella e foi aí onde coñeceu ao que será o seu segundo marido, Frank Erik Arbenz, director suízo desta organización a nivel internacional, co que casou no ano 1942. Foi enfermeira voluntaria e, durante a Segunda Guerra Mundial, percorreu Europa atendendo os feridos da guerra en hospitais e campos de refuxiados. De novo quedou viúva no ano 1965, cando falece o seu segundo marido. Pero, sen dúbida, o golpe máis forte que lle deu a vida sucedeu o 21 de abril de 1967 en Briviesca, na provincia de Burgos. O coche no que viaxaban as súas dúas fillas e dous dos seus netos sofre un terrible accidente, no que falecen os catro.
Pouco se sabe en Barrantes da incrible historia que protagonizou esta muller, pero a súa figura si que é coñecida entre os veciños polas doazóns de terreos que lle fixo ao municipio. Se o colexio desta parroquia de Ribadumia leva hoxe o nome da condesa é porque foi ela a que doou os terreos sobre os que está construído. Tamén, nos que se levantou o mercado ou o local da asociación de veciños ou os que acollen a capela na honra de Santo Isidro, que foi construída por petición expresa de Julia Becerra. Todo ese labor fixo que gañase o alcume de Condesa Boa, que é como é coñecida aínda hoxe nesta localidade.
Os últimos anos da súa vida pasounos en Madrid, pois un glaucoma deixouna practicamente cega. Alí faleceu o 27 de abril de 1974. Nun primeiro momento, os seus restos foron enterrados no cemiterio da Almudena, en Madrid. No ano 2009 as súas cinzas foron trasladadas ao cemiterio de Barrantes, onde están desde entón. Á súa morte, o seu patrimonio foi divido entre os seus netos e o seu querido pazo de Barrantes quedou en mans do seu neto Vicente Cebrián Sagarriga, quen apostou por reconstruílo e retomar a súa actividade vitivinícola, da que hai constancia que comezou en 1511. As construcións e o predio están hoxe nun estado inmaculado, pois Pazo de Barrantes xa non é só o lugar de veraneo de Julia Becerra. É unha das adegas de referencia da denominación de orixe Rías Baixas, grazas ao labor dos bisnetos da condesa. Pero queda pendente recuperar a historia desta muller que, segundo conta Vila Fariña, foi a primeira de Barrantes en levar pantalóns e fumar en público. Foi a condesa boa, diso non hai dúbida, pero foi tamén independente, valente e transgresora coma ningunha outra e por iso se lle debe, como mínimo, recuperar e contar a súa historia.
Bibliografía
Vila Fariña, Xosé Lois; Leiro Conde, Benito (2011): Julia Becerra Malvar, el valor de una mujer. Notas para su biografía. Vigo: Edicións Cardeñoso, decembro de 2011.
Alfonso, Maruxa (2024): «La condesa a la que llamaban buena, pero que era fascinante y transgresora», La Voz de Galicia, (8 de setembro de 2024).