Do 5 ao 8 de marzo, regresa á sala José Sellier da Coruña o ciclo gratuíto Olladas de Muller. Organizado en colaboración coa Filmoteca de Galicia arrinca este mércores coa proxección e coloquio de Prefiro condenarme, de Margarita Ledo Andión. A décimo terceira edición deste filme inclúe, entre outros traballos, as proxección e coloquio dos filmes Filmei paxaros voando, de Zeltia Outeiriño (xoves 6) e As Neves, de Sonia Méndez (venres 7).
Do Álbum de Galicia á Saia
As entradas do mes de marzo do Álbum de Galicia están dedicadas as mulleres. Arrincamos esta semana cunha entrada dobre. Mércores, a coincidir co día habitual de saída das entradas, publícase a biografía da activista feminista Lola Arripe Dopico. Venres, na véspera da celebración, publicarase a entrada da coordinadora Feminista Donicela a cargo de antigas membros do movemento reagrupadas baixo o nome de Coordinadora feminista Donicela Facendo historia. As entradas da pintora Aurichu Pereira, a actriz e cantante Mercedes Mariño González, da condensa de Barrantes, de Julia Becerra Malvar e a de Carmen López Cortón, completan este mes.
No marco do proxecto A Saia, que desenvolvemos co ADHUC - Teoria, Gènere, Sexualitat (antes Centre Dona i Literatura) da Universitat de Barcelona, na véspera do 8 de marzo poñeranse en rede vinte número de Exeria, a revista da Asociación Mulleres Cristiás Galegas que foron publicados entre 2004 e 2016. Vinculada ao movementos católicos de base, feministas e galeguistas, tiña como obxectivo informar, debater e difundir as cuestións de interese e as actividade da asociación e da súa rede de relacións nos movementos de teoloxía feminista: European Society of Women in Theological Research, Asociación de Teólogas Españolas, Col·lectiu de Dones en l'Església, redescristianas.net, entre outras. Ofrece un atento seguimento da participación de Exeria na Marcha Mundial das Mulleres. O groso da revista organízase en seccións que recollen os debates e a crónica de actividades, por iso adoitan levar o seu nome ("Asemblea de Outono", "8 de marzo", "Manta de solidariedade", "Mulleres ordenadas", "Feminismo hoxe", entre outras). Inclúe, ademais, un apartado de breves, "De aquí e acolá" e unha listaxe de mulleres asasinadas a causa do feminicidio elaborada por separadasydivorciadas.org





