Catedrático de Dereito e activo impulsor das pretensións cívicas de GaliciaAínda que nacido en Betanzos, Salvador Cabeza de León pasou practicamente toda a súa vida en Santiago, onde cursou os estudos na Facultade de Dereito, da que foi catedrático e decano, ao mesmo tempo que promovía, xunto a Cotarelo Valledor, a democratización e a gale...
Catedrático de Dereito e activo impulsor das pretensións cívicas de GaliciaAínda que nacido en Betanzos, Salvador Cabeza de León pasou practicamente toda a súa vida en Santiago, onde cursou os estudos na Facultade de Dereito, da que foi catedrático e decano, ao mesmo tempo que promovía, xunto a Cotarelo Valledor, a democratización e a galeguización da vida académica compostelá.
Máis alá das aulas e dos despachos universitarios, Cabeza de León, como rexionalista conservador, estivo comprometido coas actividades culturais e cívicas galegas do seu tempo, moi marcadas polo rexionalismo implantado por Alfredo Brañas. Foi presidente en Santiago da Liga Galega de 1898, alcalde de Santiago, secretario da Real Sociedade Económica de Amigos do País, fundador da Real Academia Galega, presidente do Seminario de Estudos Galegos. E foi, tamén, membro correspondente das Academias da Historia, Belas Artes, Española da Lingua, Sociedade Martins Sarmento e do Instituto Histórico do Minho.
Traxectoria académica
Naceu Cabeza de León en Betanzos o 4 de febreiro de 1864, pero con 2 anos de idade toda a familia se trasladou por ser destinado o seu pai a Santiago como mestre de escola. En Santiago cursou todos os seus estudos con tal aproveitamento que sendo aínda alumno, en 1882 o Goberno, a proposta da Universidade, lle concedeu a Cruz de cabaleiro da Orde de Isabel a Católica.
En 1884 licenciouse en Dereito (sección de Civil e Canónico) e obtivo o grao de doutor na Universidade Central en 1887. Ese mesmo ano exerceu a docencia como profesor auxiliar ata que en 1903 logrou a cátedra de Dereito Internacional á que en 1919 sumou a de Dereito Canónico. No curso 1917-18 proferiu a lección inaugural do curso académico co discurso titulado
Notas sobre la disciplina escolar en la Universidad de Santiago durante los siglos XVI, XVII e XVIII. E tamén foi decano en dúas ocasións (1920 e 1928). Entre os traballos publicados no Boletín da Universidade de Santiago destacan «El primer rector reelegido en la Universidad de Santiago» (1933), «La Universidad de Santiago y D. Ramón de La Sagra: Noticias históricas» (1919).
Entre a súa obra destacan os ensaios sobre a súa especialidade en Dereito, centrándose principalmente en cuestións educativas e legais como a ensinanza do Dereito Romano na Universidade de Santiago de Compostela, algúns aspectos históricos sobre a mesma universidade. Cando morreu deixou preparada unha historia da universidade compostelá, que publicou postumamente en tres volumes o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos en 1946-47 co título
Historia de la Universidad de Santiago de Compostela.
Tamén se dedicou á creación poética co seu poemario
Primicias (1892) e ao teatro co seu cadro dramático
Camiño da vila, que escribiu en 1915 aínda que se publicou dous anos máis tarde.
O 6 de febreiro de 1934 a Universidade rendeulle unha homenaxe con motivo da súa xubilación. Aínda así seguiu desenvolvendo o seu labor nas aulas ata o 19 de maio, último día lectivo, en que pronunciou a súa última lección. Ao día seguinte apareceu morto.
Xogos Florais de Tui
En 1890, un ano antes de que os restos de Rosalía fosen traslados do cemiterio de Adina á igrexa compostelá de San Domingos, constituíuse en Santiago o Comité Central Regionalista con Murguía de presidente e Cabeza de León e Alfredo Brañas de vicepresidentes, que organizaron os Xogos Florais de Galicia que se celebraron en Tui o 24 de xuño de 1891. No acto de celebración, como presidente do Comité, Manuel Murguía pronunciou un discurso no que exaltou, como tantas veces fixera, o idioma galego, pero agora facendo uso do mesmo. Ese discurso constituíu un compendio do seu pensamento historicista e reivindicador, no que co lema
surge et ambula sinalou como medida prioritaria
o renacemento dunha nacionalidade case esquecida que había que erguer por medio da literatura, das tradicións e da historia
.
Cabeza de León como secretario do Comité tamén pronunciou un discurso no que deu conta dos escritores premiados: Eladio Rodríguez González, Martín Díaz Spuch, Xoán Barcía Caballero, Urbano González Varela e Filomena Dato Muruais.
Liga Gallega
Cabeza de León e Alfredo Brañas participaron nas campañas rexionalistas, polo que en 1893 lle abriron un expediente administrativo pola defensa que fixeron contra a desaparición da VIII Rexión Militar que, por orde do xeneral López Domínguez se unía á VII e a capital pasaba a León.
En 1896 inaugurouse en Santiago o Ateneo León XIII e esta asociación tomou a iniciativa de fundar un Círculo Católico de Obreiros impulsado por Alfredo Brañas coa participación moi activa de Salvador Cabeza de León.
En 1898 Alfredo Brañas como presidente e Cabeza de León como secretario organizaron a Liga Gallega de Santiago. Foi unha das correntes nas que se disgregou a Asociación Regionalista Galega da Coruña presidida por Manuel Murguía. A de Santiago tiña inspiración conservadora, fronte á coruñesa de Murguía, máis liberal.
Real Sociedade Económica de Santiago
A Real Sociedade Económica de Amigos do País fundouse en 1784 e desde 1834, a segunda etapa da Sociedade que se prolongou ininterrompidamente durante todo o século XIX, cedeulle todo o seu protagonismo aos socios numerarios universitarios, que operaban en varias seccións, que elixían a un director, un contador tesoureiro e un secretario, cargo que ocupou no seu momento Cabeza de León, que ingresou en 1907 para ocuparse de todas as cuestións que perseguían unha orde burocrática.
Alcaldía de Santiago
No momento histórico da Restauración borbónica no que Salvador Cabeza de León rexentou a alcaldía (1910-1914), a cidade de Santiago pasou de ser cabeza do Reino de Galicia a
cidade do Apóstolo
, que esmorecía convertida en centro eclesiástico coa atención posta unicamente na ensinanza e na sanidade. Sen embargo, o santiagués e ministro Eugenio Montero Ríos teceu unha forte alianza entre os membros da burguesía local e da universidade nunha cidade de forte implantación clerical e de querenzas carlistas. O éxito do monterismo centrouse nun intercambio de votos por favores, cos que se beneficiou a gobernanza de Cabeza de León que se concretou nunha continuada protección da cidade mediante a súa monumentalización (Facultade de Medicina, Escola de Veterinaria, Escola de Xordomudos, Escola de Artes e Oficios e o Colexio de Xordomudos e Cegos).
Como fiel cumpridor do seu cargo institucional, o alcalde Salvador Cabeza de León con motivo do pasamento do historiador López Ferreiro descubriu na súa casa natal unha lápida coa seguinte inscrición:
A cibdá de Compostela ó seu fillo predilecto D. Antonio López e Ferreiro, bô galego, bô sacerdote, bô historiador, bô literato, dino por todo de perdurante lembranza. Naceu nesta casa o 9 de novembro de 1837
. E tamén presidiu un serán literario organizado polo Concello no que participaron Salvador Cabeza de León, Antonio López Carballeira, Xoán Barcia Caballero e Luciano García Rodríguez.
E para querer pagar a débeda contraída polo Concello de Santiago con Montero Ríos, Cabeza de León e o seu equipo de goberno promoveron a erección dun monumento público na súa memoria mediante unha subscrición popular e o apoio das institucións públicas. O resultado foi a estatua de Montero Ríos que a cidade de Santiago lle encargou ao escultor Mariano Benlliure, que inicialmente foi colocada na praza do Obradoiro e despois trasladada á praza de Mazarelos.
Real Academia Galega e Seminario de Estudos Galegos
Cabeza de León ingresou na Real Academia Galega o 4 de setembro de 1905 como membro fundador e nela permaneceu ata o seu pasamento. No Boletín da Academia publicou: «Lo que le costó a la Universidad de Santiago una fiesta literaria en 1697» (XI, 1918) e «O Conde de Monterrey e a Universidá de Sant-Yago» (235-240, 1931).
Ingresou no Seminario de Estudos Galegos o 6 de maio de 1924 presentando un traballo titulado «Un episodio de la vida de D. Domingo Fontán», que co mesmo título publicou no
Boletín de la Academia Gallega (162, 1924). En 1930 foi elixido director da sección de Historia e nos inicios do terceiro curso presidente a causa da partida de Compostela de Armando Cotarelo Valledor.
Algúns dos traballos publicados por Cabeza de León ra revista
Arquivos do Seminario de Estudos Galegos son: «Festejos de la Universidad compostelana por el nacimiento del Rey don Luis I” (9 de outubro de 925); «O Conde de Monterrey e a Universidá de Sant-Yago», (1931);«A insinanza do Dereito román na Universidá de Sant-Yago, hastra o plan de estudos de 1772» (1927); «Notas de un preito antre os veciños de varias freiguesías da xurisdición de Noia e o Arcebispe de Sant-Yago», sobre o aproveitamento de unha balea botada pol-o mar, 1577» (1930).
Cantigas e Agarimos
En 1920 fundouse en Santiago a Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos. A súa presentación ao público tivo lugar no Teatro Principal co gallo das festas do Apóstolo. Dende a súa fundación, Cantigas e Agarimos estivo dedicada á recuperación, conservación e transmisión da cultura tradicional galega, traballando activamente na consolidación da identidade cultural de Galicia. Estaba presidida por Salvador Cabeza de León, o director musical era Bernardo del Río e o escénico Camilo Díaz Baliño.
Irmandades da Fala e Estatuto de Autonomía de 1932
As Irmandades da Fala foron esencialmente un movemento político nacionalista e gran parte dos membros da Xeración Nós e do Seminario de Estudos Galegos estiveron máis ou menos ligados ás Irmandades da Fala nas que confluían persoas de filiacións político-ideolóxicas moi diversas, basicamente rexionalistas entre os que se conta Cabeza de León, ideoloxicamente tradicionalista, pero de actitudes profundamente galeguistas forxadas na convivencia intelectual con Manuel Murguía e Alfredo Brañas. Cabeza de León admitía das Irmandades que Galicia é unha nación pois conta con todos os atributos esenciais para iso: lingua, raza, territorio, historia, tradicións e institucións propias e por iso se adheriu ás Irmandades da Fala e colaborou co grupo e a revista
Nós. E por iso, en abril de 1932 formou parte dunha comisión que impulsaba un movemento municipalista a favor da autonomía.
Foi o concello de Santiago con Raimundo López Pol como alcalde, quen tomou a iniciativa de citar a todas as corporacións municipais para a redacción e aprobación dun Estatuto de Autonomía. Esta convocatoria tivo unha boa acollida en toda Galicia e o 3 de xullo de 1932 formouse unha comisión encargada de elaborar un texto axustado á Constitución. Á súa cabeza situábase, como presidente da comisión, Salvador Cabeza de León, presidente tamén do Seminario de Estudos Galegos, e compoñíana Manuel Lugrís Freire, Eladio Rodríguez González, Manuel Iglesias Corral, Rodrigo Sanz, Avelino López Otero, Santiago Montero Díaz, Alexandre Bóveda, Arias del Villar e Enrique Rajoy Leloup. Co obxectivo de discutir o texto que dous meses despois xa tiña preparado a devandita comisión, organizouse a Asemblea Rexional de Concellos na Facultade de Medicina de Santiago os días 17, 18 e 19 de decembro de 1932. Desta reunión, o día 19 saíu aprobado o proxecto de Estatuto co apoio do 74,4 dos municipios galegos, que acollían o 84,70% da poboación.
Este texto autonómico tivo que percorrer os camiños previstos na Constitución para adquirir plena validez lexislativa: someterse a referendo do pobo galego e ser aprobado polas Cortes españolas. En troques, a partir da asemblea de Santiago orixinouse unha paralización da actividade preautonomista en virtude da división que se produciu entre as forzas políticas defensoras da autonomía galega e das demoras do Goberno da República, presidido por Santiago Casares Quiroga, en convocar o referendo. Estas delongas estaban motivadas pola continua presión das circunstancias sobre o propio gabinete republicano, que serían as que provocasen a súa caída definitiva, a disolución das Cortes Constituíntes e as eleccións de novembro de 1933, que lle darían o triunfo á dereita, claramente antiautonomista, o que fixo imposible naquel momento a aprobación do Estatuto nas cortes.
Bibliografía
Cabeza de León, Salvador (1946-47): Historia de la Universidad de Santiago de Compostela / Materiales acopiados y transcritos por Salvador Cabeza de León. Ordenados, completados y redactados por Enrique Fernández Villamil; prólogo de Paulino Pedret Casado. Santiago de Compostela: Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, 1946-47; 3 v.
Carballo Calero, Ricardo (1963): Historia da literatura galega contemporánea. Vigo: Galaxia.
Villares, Ramón (2003): «A cidade dos dous Apóstolos (1875-1936)». En Portela Silva, Ermelindo (coord.): Historia da cidade de Santiago de Compostela. Santiago de Compostela: Consorcio da Cidade; Universidade.
Beramendi, Xusto (2007): De provincia a nación. Historia do galeguismo político. Vigo: Xerais.
Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2012): Murguía. Vigo: Galaxia.
Fontoira Surís, Lidia e García Rodríguez, Carme: «Cabeza de León, Salvador». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progeso, DL 2003; VI, 217-218.
Cores Trasmonte, Baldomero: «Galeguismo». En Gran Enciclopedia Gallega. Xixón: Silverio Cañada, [s. d.].
Vilavedra, Dolores (coord.) (1995): Diccionario da Literatura Galega. I: Autores. Vigo: Galaxia.