Un compositor coruñés na procura da unión entre música culta e popular Aos nove anos comeza a estudar música no conservatorio da súa cidade, finalizando o grao profesional de piano no curso 1982-83. No Real Conservatorio Superior de Música de Madrid amplía a súa formación teórica con Angel Botia (Formas Musicais), Francisco Calés (Contr...
Un compositor coruñés na procura da unión entre música culta e popular Aos nove anos comeza a estudar música no conservatorio da súa cidade, finalizando o grao profesional de piano no curso 1982-83. No Real Conservatorio Superior de Música de Madrid amplía a súa formación teórica con Angel Botia (Formas Musicais), Francisco Calés (Contrapunto e Fuga), Luís de Pablo (Técnicas Contemporáneas) e Antón García Abril (Composición), obtendo en 1987 o título de Profesor superior de Solfexo e Teoría da Música. Foi profesor no curso 1987-8 das materias Historia da Música, Historia da Arte, Estética musical e Acústica no Conservatorio Profesional de Música de Madrid. Actualmente é profesor de Música de Ensino Secundario.
Estreou varias composicións, entre elas: dentro do V ciclo de concertos da Asociación Galega de Compositores (AGC), Monodias mélicas pola violista Eugenia Petrova e a pianista Tatiana Prezevalskaya (maio 1993). En 1996 estrea a suite orquestral O soño dunha noite de verán, no Pazo da Ópera da Coruña, pola Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Alejandro Pousada. No VI ciclo da AGC dáse a coñecer a Suite para piano (xuño 1996), interpretada por Javier Vázquez Grela. En xaneiro de 1997 estréase, no Pazo da Ópera da Coruña, a música incidental para o conto Os Paxaros Cantores, dirixida por James Ross. En outubro de 1999 prodúcese a estrea a Sinfonietta en fa en Verín, de novo coa OSG, dirixida por Carlos Riazuelo. No VII ciclo (1999) estréase o Nocturno para once instrumentos , con Florian Vlashi e o Grupo Instrumental Século XX.
No VIII ciclo (decembro 2000), danse a coñecer as Tres cancións sobre poemas de Federico García Lorca e unha canción popular, interpretadas pola mezzo-soprano María José Ladra e o pianista Javier Vázquez Grela. Dentro do IX ciclo, o pianista Gabriel López Rodríguez interpreta, (outubro 2001), Voyages... e Diálogos na penumbra. No X ciclo, o pianista Ricardo Descalzo estrea A lenda de Azalequia e Nirostán (outubro 2002). Xa no XI ciclo, con Genaro Fernández ó piano, estréase (setembro 2003), a Danza báquica e sentimental,. En novembro de 2009, no Pazo da Ópera da Coruña, estréase a Suite Latinoamericana, coa OSG, dirixida por Miguel Harth-Bedoya. A última estrea (novembro 2011), foi a versión orquestral de Diálogos na penumbra, no Pazo da Ópera da Coruña e con Pietro Rizzo como director, ó fronte da OSG.
Fernando Alonso pertence á Asociación Galega de Compositores desde 1991.
A Suite para piano é a miña terceira obra, escrita en 1986, inmediatamente logo das Tres cancións sobre poemas de F. G. Lorca e unha canción popular. Tiña vinte e cinco anos e estudaba primeiro de Composición no conservatorio de Madrid. Sempre me seduciron os ritmos de danza- orixe, tal vez, do metro musical- e xa esbozara, tempo atrás, pasaxes dunha posible obra pianística, que nunca cheguei a finalizar, baseada en aires galegos. Tampouco era indiferente ao encanto da música española, tan viva ritmicamente, a cuxos compositores quixen alzar unha modesta homenaxe coa miña composición. A Suite para piano, por outra banda, é tamén un intento de unir ao compositor culto co músico popular que todo autor formado, recoñézao ou non, leva dentro.
Dentro da obra, a Muiñeira é, xunto coa Habaneira, a peza que mellor encarna a formulación xeral da obra. Desde o punto de vista da forma, eu quería desenvolver un esquema en cinco seccións, coas seccións impares no metro correspondente á danza e as pares nun compás oposto e material temático independente. Ó mesmo tempo, intentaba aplicar subterraneamente a técnica da variación de modo que, por exemplo, a cuarta sección fose como unha variación da segunda e, ademais, o discurso musical finalizase nun período de cadencias que conducise á reexposición. Tamén, desexaba conseguir unha forma complexa que fose asimilada polo oínte como unha pequena forma, máis ou menos como ocorre nunha canción.
Antes dixen que nestas pezas deixo cantar ó músico popular que levo dentro. En efecto, tanto a Muiñeira como a Habaneira- do mesmo xeito que as outras dúas- poden soar, por momentos, como números de baile. Pero tampouco hai que esquecer que estamos ante movementos que presentan un desenvolvemento pianístico e que de ningún xeito se poden asimilar directamente ó que poida ser unha canción ou unha danza. Precisamente, o estado relativamente avanzado da miña formación permitiume construír algo que, de habelo intentado uns anos antes, caese, efectivamente, na mera frivolidade. Hai - aínda que é certo que máis na Habaneira que nas outras tres- unha influencia determinante da harmonía wagneriana así como tamén, aínda que isto poida parecer sorprendente, dos estudos de Fuga en Madrid, polo menos no que se refire ó control da forma e ao tratamento transformador dos temas.
Ver biografía completa