A literatura como fábrica de soñosXeneroso dinamizador capaz de crear e colaborar en produtos culturais impensables na posguerra como editor e escritor, sobre todo poeta comprometido coa poesía, Sabino Torres alimentou a paixón pola letra impresa a través de coleccións literarias, periódicos e anuarios durante toda a súa vida.
Co lume da m...
A literatura como fábrica de soñosXeneroso dinamizador capaz de crear e colaborar en produtos culturais impensables na posguerra como editor e escritor, sobre todo poeta comprometido coa poesía, Sabino Torres alimentou a paixón pola letra impresa a través de coleccións literarias, periódicos e anuarios durante toda a súa vida.
Co lume da mocidade nas mans
Sabino Torres Ferrer nace na cidade de Pontevedra, nunha casa da rúa Nova de Abaixo (en fronte da Alameda), o 24 de xuño de 1924. Fillo do impresor Víctor Torres, dende neno aprende o oficio de tipógrafo e encárgase dos recados da imprenta. Será Gráficas Torres, na rúa de don Filiberto, o lugar onde prenderá a súa paixón como editor e escritor.
Como o propio Sabino Torres ten manifestado, foi na imprenta onde coñeceu a maioría dos e das artistas e intelectuais do seu tempo (R. Peña, M. Pesqueira, A. Portela, Laxeiro…). Este coñecemento e trato prolongarase nos faladoiros da cidade do Lérez (Savoy, Carabela, La Niña Bonita ou Urquín, entre outros) e de Santiago de Compostela (na Rosaleda con D. García Sabell), como lugares de formación para os mozos e mozas de principios do século XX.
Os seus comezos como escritor están vinculados aos periódicos da época e á imprenta paterna. Se con dez anos reparte Aire entre os anunciantes e recolle os orixinais; case con vinte colabora en Finisterre (1943), Sonata Gallega (1948 e 1949) e en Ciudad (1945), xornal que dirixirá extraoficialmente, ao igual que Semana Deportiva e a Guía-Anuario de Pontevedra (1945); e case con trinta subdirixe Litoral (1953), do que será redactor cando o xornal sexa comprado por Domingo Dominguín (a través de quen estreita a relación co mundo dos touros).
Con todo, a presenza de Sabino Torres na vida cultural galega abrangue outros ámbitos artísticos como o teatro afeccionado e o de monicreques, a música e a literatura. O fracaso dos proxectos teatrais e xornalísticos motivarán o seu afastamento puntual ou definitivo da cidade natal. O lugar de acollida será Madrid, capital na que vivirá a bohemia nos anos 50 ata que se converta en residencia principal nos anos 70.
Antes da bohemia madrigalega de 1953-1954, Sabino Torres e os seus amigos pontevedreses protagonizan un fito para a literatura galega dos escuros anos 40 e 50: a creación, na primavera de 1949, dunha colección de poesía bilingüe (en galego e castelán) chamada Benito Soto. Como o creador ten recoñecido, Benito Soto foi un canto xuvenil que deu as mellores rendas que pode esperar un poeta metido a editor
: Madrigal de Emilio Álvarez Negreira, Como el río de Sabino Torres, Poemas de ti e de min de Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, Dona do corpo delgado de Álvaro Cunqueiro, Gárgolas de Tomás Barros, Anxo de terra de Ricardo Carballo Calero, Cantos de cotovía de Eliseo Alonso Rodríguez, Triscos de Luís Pimentel, Muiñeiro de brétemas de Manoel María, El dios de los precipicios de José Ruibal, Cantigas da noite moza de Augusto Casas, Follas de un albre senlleiro de Manuel Fabeiro Gómez, Canciós dise amor que se diz olvido de Juan Pérez Creus e os extraordinarios Fabulario novo de Manuel Cuña Novás e Musa alemá de Antonio Blanco Freixeiro e Celso Emilio Ferreiro.
A fábrica de soños madrigalega
Tralo asentamento definitivo en Madrid, Sabino Torres centrarase no traballo dentro dunha empresa mercantil (estudara ata cuarto de bacharelato en Pontevedra e Comercio en Vigo) e deixará para as horas mortas os seus soños de editar, escribir e traducir.
Non obstante, as súas afeccións literarias como lector, creador e tradutor manteranse latentes e durante anos irá reescribindo a súa obra poética e narrativa e perfeccionando as súas traducións da poeta portuguesa Florbela Espanca e da peza teatral Cyrano de Bergerac.
Rondando os 70 anos, en 1992 Sabino Torres decide outorgarlle unha segunda xuventude a Benito Soto. Nace así a colección Hipocampo Amigo, no seo de Litoral das Rías (cuxa sede estaba en Poio, na súa residencia de verán), colección que acollerá máis de 2 libros ao ano. O editor Sabino Torres maquetaba, imprimía e cosía os textos das e dos poetas máis ou menos noveis daquela (Elvira Riveiro, Mª Isabel Pazos, Alexandre Vórtice, Xaquín Chaves, Cándido Duro…), pero tamén de autoría recoñecida (Pura Vázquez, Manuel María, Manuel Pereira, César Cunqueiro, Antonio Tovar, Gregorio San Juan, Xosé Carlos Gómez Alfaro, Felipe Alcaraz, Daniel Pino, Xesús Rábade Paredes, Xesús Alonso Montero…), ata chegar a máis de vinte nomes. Como ocorrera en 1949, os primeiros libros serán os dos amigos pontevedreses (Manuel Cuña Novás, Emilio Álvarez Negreira, Virxilio Nóvoa Gil). Porén, era demasiada responsabilidade (distribuír, buscar axudas institucionais, recoller os libros non vendidos, preparar presentacións…) para un editor que pasaba dos 80 anos mentres continuaba editando.
Relacionada coas amizades madrigalegas está outra das coleccións editadas por Litoral das Rías e Ánxelo Novo, o «Corpus Boroborum». Trátase de tres rolos de artigos e ensaios escritos por Raimundo García Domínguez (Borobó), con quen Sabino Torres frecuentou os faladoiros literarios dos galegos e galegas en Madrid (o Gijón e, sobre todo, o café Comercial os últimos sábados de cada mes).
Como se pode deducir, trátase de proxectos marcados pola xenerosidade e moitos deles quedaron no anonimato: o labor de apoio á tradución do teatro de Pepe Ruibal e da obra de Emilio Álvarez Negreira (un conto e un poema), a idea dunha ópera sobre o personaxe de Pepa a Loba con Borobó, os guións para unha serie de programas televisivos, a reedición de Diana de gaita de Juan Bautista Andrade… Moitas destas ideas foron intentos, outras soños (como a creación dun grupo teatral para representar a Valle Inclán todos os anos…) e outras permaneceron na intimidade (edicións Cabaliño do Mar).
Entre 2003 e 2006, na redacción de Litoral das Rías, Sabino Torres deu vida ao anuario Pontevedra, dirixido pola súa filla María. Foi unha mostra máis de amor gratuíto a Pontevedra, pois a publicación recolle os avances da cidade ilustrados cunha importante reportaxe fotográfica en cada número. Nesta liña de devoción pontevedresa están as súas últimas publicacións literarias no eido da poesía (Versos para la bella Helenes no ronsel da escola poética pontevedresa) e da prosa (As tres columnas e Crónicas dun tempo escondido).
Un ano antes de falecer, Sabino Torres compartiu o seu derradeiro soño para facelo realidade: a creación de Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid. Con Olga pechouse o círculo do editor ferido pola poesía que editaba, primeiro, as súas amizades e que nos deixou máis orfas e orfos o 23 de maio de 2016.
Ver biografía no Álbum de Galicia