Profesor, intelectual, secretario do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS).Felipe Ramón Cordero Carrete naceu o 4 de marzo de 1894 en Redondela (Pontevedra). O seu pai, Felipe B. Cordero Escalona (San Juan de Porto Rico, 1870-1922) estudou Medicina na Universidade de Santiago Compostela e, finalizados os estudos, trasladouse a Redon...
Profesor, intelectual, secretario do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS).Felipe Ramón Cordero Carrete naceu o 4 de marzo de 1894 en Redondela (Pontevedra). O seu pai, Felipe B. Cordero Escalona (San Juan de Porto Rico, 1870-1922) estudou Medicina na Universidade de Santiago Compostela e, finalizados os estudos, trasladouse a Redondela, cidade onde contraeu matrimonio con Elisa Carrete Rebolledo (Santiago de Compostela, 1874-Porto Rico, 1948) e na que naceu Felipe Ramón, que foi o maior de 18 irmáns. Dous anos máis tarde, a familia trasladouse a América, onde Cordero Escalona traballou como médico ata datas próximas ao seu falecemento, en 1922, profesión pola que foi estimado e acadou certa reputación.
Cordero Carrete estudou primaria e parte de secundaria en Porto Rico, finalizando a educación media na Central State Normal School de Lock Haven (Estado de Pennsylvania), onde obtivo o título de College preparatory en 1911. Posteriormente, estudou odontoloxía no Baltimore College of Dental Surgery, Universidade de Maryland, recibindo o grao de doutor en cirurxía dental en 1915.
Ao comezar a I Guerra Mundial incorporouse como voluntario no exército norteamericano, onde ingresou como oficial co grao de primeiro tenente no corpo dental en 1918.
En Porto Rico tivo a ocasión de exercer como odontólogo durante pouco tempo, debido a que en 1921 regresou por asuntos de familia a Galicia. Estableceuse en Santiago de Compostela nunha casa situada no número 8 da Praza de Cervantes, que fora propiedade da súa familia desde tempos atrás, pertencendo xa no século XVIII a un antepasado seu por vía materna, D. Andrés de Losada e Sotomayor.
En 1922 comezou o seu noivado con María Asunción Mucientes Durán, coñecida como Maruja (Pontevedra, 1902-Santiago de Compostela, 1994), con quen contraeu matrimonio o 15 de decembro de 1923 na igrexa de San Bartolomé de Pontevedra.
Cordero Carrete foi concelleiro do concello de Santiago entre 1925 e 1928, data en que renunciou ao seu cargo. Dous anos máis tarde, ingresou na Facultade de Filosofía e Letras. Tras graduarse en 1934, foi nomeado profesor axudante de Historia Antiga e Universal de España. Paralelamente, foi profesor de inglés no Instituto de Idiomas da Universidade de Santiago.
Foi membro do Seminario de Estudos Galegos (SEG), centro de alta cultura que fora fundado en 1923. Unha institución que, como se expresa no seu Regulamento, tiña por obxecto o estudo de todas as manifestacións da cultura galega, tendendo á formación de investigadores e á divulgación do resultado dos seus traballos. O seu vínculo oficial co SEG hai que situalo a partir de 1931, tal e como consta no libro de actas do Seminario. En 1933 acordouse elixir unha nova comisión directora, sendo nomeado depositario. A partir deste intre, Cordero Carrete formou parte da dirección do SEG ata a data da súa disolución.
Como membro do Seminario levou a cabo distintos cometidos, entre os que podemos destacar a publicación de obras como o
Codex Calixtinus e o
Corpus Petroglyphorum Gallaeciae.
Paralelamente á súa actividade no Seminario e á docencia na Universidade, Cordero Carrete foi nomeado en 1934 director da Residencia de Estudantes. Con esta nova responsabilidade puido traballar en primeira liña na profunda tarefa de modernización que sufriu a Universidade de Santiago, no primeiro terzo do século XX.
Os duros anos da Guerra Civil constituíron unha fractura na súa traxectoria vital. Felipe foi cesado pola Comisión Depuradora do Profesorado Universitario en 1937, cunha sanción que se fixo pública no Boletín Oficial do 27 de maio dese ano. Tamén sufriu a desaparición do Seminario de Estudos Galegos, coa interrupción da súa actividade, a dispersión dos seus membros, dos seus fondos e colección.
Finalizada a guerra, incorporouse no laboratorio Bescansa, unha casa farmacéutica onde asistía a un antigo amigo seu, e na que asumiría un labor fundamentalmente administrativo. Por aqueles anos comezaba a fraguarse a creación do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS) como institución herdeira do SEG, na que participaría de maneira moi activa desde o principio, desempeñando o cargo de secretario durante 28 anos. Foi oficialmente secretario do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento desde a súa fundación, en 1943, ata o 31 de decembro de 1971, en que continuou como colaborador honorario. Ademais, desempeñou esta ocupación dunha forma xenerosa e absolutamente desinteresada.
Cordero Carrete foi un gran impulsor do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, como organizador e como investigador. Entre as achegas principais que levou a cabo é necesario mencionar os labores de xestión no que respecta a as obras, compra e acondicionamento das casas que ocupou o Instituto ao longo destes anos; todo o labor que desenvolveu na organización das exposicións monográficas que de forma periódica celebráronse máis ou menos con carácter anual (entre 1948 e 1975 fixéronse 30), así como a xestión dos actos culturais e conferencias celebradas no marco de diferentes ámbitos de investigación, contribuíndo aos obxectivos do IEGPS de desenvolvemento cultural e científico.
Con Carro e con Pedret, protagonizou o traslado da biblioteca e fondos de libros do extinto Seminario que no ano 1937 foran depositados na Universidade de Santiago, á casa que alugaran para o Instituto Padre Sarmiento, seguindo instrucións de Sánchez Cantón, desde Madrid. A biblioteca do SEG foi a base inicial da biblioteca do IEGPS, á que posteriormente se integraron novos fondos. Cordero Carrete xestionou a incorporación doutras adquisicións para a biblioteca do Instituto. Por exemplo, tras o falecemento de Armando Cotarelo en 1950 ―fundador e presidente do Seminario―, conxuntamente con outros membros do instituto, como Pedret, Varela, Jácome, Jesús e Filgueira, preocupouse pola recuperación dos fondos bibliográficos que lle pertencían, coa idea de que non se desperdigasen. En 1957, tras o falecemento da vizcondesa de San Alberto, xestionou a incorporación ao Instituto dunha parte da biblioteca do defunto vizconde, José Varela de Limia.
Cordero Carrete foi, ademais, un auténtico mecenas para o Instituto, ao que obsequiou con importantes fondos bibliográficos, documentais e patrimoniais de orde histórico-artístico. Entre outras cousas, en 1956 con Pedret adquiriu e doou a biblioteca de Antonio Couceiro Freijomil, cuxos fondos se sumarían á biblioteca do Instituto. Así mesmo, adquiriu e depositou un conxunto de pezas de ourivaría prerromana achadas no castro de Recouso, na parroquia de Marzoa (Oroso), que se conservan actualmente no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
Outra faceta importante da súa actividade é a produción científica, traballos de investigación nos que Cordero Carrete recuperaba documentos inéditos que transcribía e traducía do latín, e que foron publicados fundamentalmente en
Cadernos de Estudos Galegos. Entre estes, conxuntamente con Constance Storrs, investigadora adscrita ao
Bristish Museum, e colaboradora do SEG, publicou «Peregrinos ingleses a Santiago no século XIV», texto no que se reproducen unha serie de manuscritos en latín que lle chegaban do Victoria and Albert Museum, referentes a permisos ou licenzas de embarque de peregrinos para facer a viaxe por mar a Compostela, e unha orde prohibindo o embarque. Reúnese un total de 117 nomes de peregrinos ingleses a Compostela, do século XIV.
No Museo de Pontevedra consérvanse algúns manuscritos seus como «O escudo da residencia» e «A cidade dos mil e un arames», este último baixo o pseudónimo de Jaime de Compostela, datado en maio de 1936.
Paralelamente á súa actividade no Instituto estivo implicado noutros proxectos culturais. Foi un dos fundadores do Padroado Rosalía de Castro en 1947 ―convertido despois na Fundación Rosalía de Castro―; que comezara a xestarse en 1946. Nela xogou un papel decididamente activo desde o principio, tal e como se comproba a través dos fondos documentais. Posteriormente, foi galardoado por esta mesma institución en decembro de 1987, cun diploma, nun acto conmemorativo polo 150 aniversario do nacemento da ilustre escritora.
Foi un dos fundadores e impulsores da Editorial Bibliófilos Galegos, unha sociedade constituída en xaneiro de 1949 e da que asumiu o cargo de xerente.
En 1950 foi nomeado Académico correspondente da Real Academia Galega. Estivo así mesmo integrado como membro da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela.
O seu cesamento oficial por xubilación como secretario do IEGPS tivo lugar o 31 de decembro de 1971. Con todo, continuou colaborando despois como secretario honorario, actividade que desenvolveu paralelamente ao labor na Editorial Bibliófilos Galegos.
En recoñecemento a todo o labor realizado, o Ministerio de Educación e Ciencia outorgoulle en 1977 a Encomenda da Orde Civil de Afonso X o Sabio; distinción que lle foi concedida «pola súa xenerosa dedicación ao Instituto de Estudos Galegos no que segue traballando diariamente, con admirable eficacia e entusiasmo, tanto nas tarefas científicas como na de Secretaría».
En 1986 recibiu unha distinción do Parlamento de Galicia en recoñecemento pola intervención no proceso estatutario. Ese mesmo ano, o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) concedeulle a insignia de prata polo labor realizado no IEGPS.
Felipe Ramón Cordero Carrete faleceu en Santiago de Compostela, o 18 de xullo de 1988, á idade de 94 anos.
Bibliografía
Borobó, [García Domínguez, Raimundo] (1988): «El ex-futuro director de la Residencia», La Voz de Galicia, 31 de julio.
Carré Aldao, E. (1926): Geografia General del Reino de Galicia. Provincia de la Coruña, II. Barcelona: Alberto Martín.
Consejo Superior de Investigaciones Científicas (1947): El Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos: inauguración, antecedentes, el edificio, guía de las instalaciones, trabajos publicados. Santiago de Compostela: CSIC.
Consejo Superior de Investigaciones Científicas (1954): El primer decenio del Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos: (1944-1954). Santiago de Compostela: CSIC, 1954.
Cordero Carrete, Felipe Ramón (1946): «Don Andrés de Losada y Sotomayor (1707-1790). Alguacil Mayor de la Ciudad y Arzobispado de Santiago», Cuadernos de Estudios Gallegos, 6 : 249-278.
Cordero Carrete, Felipe Ramón (1952): «De los esponsales de una hija de Guillermo el Conquistador con un Rey de Galicia
», Cuadernos de Estudios Gallegos, 21.
Cordero Carrete, Felipe Ramón (1961): «Datos para la historia compostelana en una saga del siglo XII», Cuadernos de Estudios Gallegos, XVI-48 : 80-86
Cordero Carrete, Felipe Ramón (1962): «Peregrinos mendicantes», Cuadernos de Estudios Gallegos, XVII-51 : 83-89.
Cordero Carrete, Felipe Ramón (1962): «Embarque de peregrinos ingleses a Compostela en los siglos XIV y XV», Cuadernos de Estudios Gallegos, XVII-53 : 348-357.
Cordero Carrete, Felipe Ramón (1962): «Un galego en México no seculo XVIII», Vieiros: revista do Padroado da Cultura Galega do México, 2 (21 de setembro), 54-55.
Duo Ramila, Diana (2024): «Felipe Ramón Cordero Carrete. Reconstrucción biográfica», Espacio, tiempo y forma. Serie V, Historia contemporánea, UNED: Facultad de Geografía e Historia, 36 : 197-230.
Filgueira Valverde, José Fernando (1988): «Cordero Carrete», El Faro de Vigo, (12 de agosto).
Filgueira Valverde, José Fernando (1993): La Voz de Galicia, (14 de octubre).
Fortes Alén, M.ªJ. (ed.) (2017): Cartolatría. Epistolario Sánchez Cantón-Filgueira Valverde. 1926-1943. Pontevedra: Museo de Pontevedra.
García Vuelta, Óscar; Armada, Xosé-Lois (2022): «Aportaciones a la caracterización tecnológica de la orfebrería de los castros del noroeste ibérico: las arracadas penanulares de tipo Recouso», Archivo Español de Arqueología, 95 (xaneiro-decembro).
Ibáñez Martín, José et al. (1947): El Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. Santiago de Compostela, CSIC.
Martínez, Manuel Carlos (2002): «Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento». En Gran Enciclopedia Gallega, XVIII, pp. 25-27.
Mato Domínguez, Alfonso (2001): O Seminario de Estudos Galegos na documentación que garda o Instituto Padre Sarmiento. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Mato Domínguez, Alfonso (2023): «O SEG, a Universidade compostelá e as ciencias históricas». En Luz na terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura: catálogo de exposición. Santiago de Compsotela: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Fundación Cidade da Cultura; 49-62.
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo (2005): O Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Sesenta anos ó servicio de Galicia (1944-2004). Santiago de Compostela: CSIC, Xunta de Galicia.
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo (2008): «El Seminario de Estudios Gallegos. Auge, ocaso y continuidad». En Xosé Luis Ageitos, Emilio Grandío Seoane e Ramón Villares, (eds.): A patria enteira. Homenaxe a Xosé Ramón Barreiro Fernández. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, Universidade; 673-693.
Pardo de Guevara y Valdés, Eduardo (2015): «O Instituto de Estudios Galegos Padre Sarmiento: A recuperación da memoria. A niña homenaxe a Filgueira Valverde», Boletín da Real Academia Galega, 376 : 245-264.
Seminario de Estudios Gallegos, [1931]: Reglamento del Seminario de Estudios Gallegos de Santiago. Santiago de Compostela: Nós.
Soeiro, Teresa (2023): «Os portugueses no SEG, o SEG em Portugal». En Luz na terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura: catálogo de exposición. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Fundación Cidade da Cultura; 171-179.
Soeiro, Teresa (2021): «A Semana Cultural Galega no Porto». En Galiza e(m) nós. Estudos para a compreensão do relacionamento cultural galego-porugués. Edições Humus; 61-110 [https://hdl.handle.net/1822/76402].
Storss, Constance e Cordero Carrete, Felipe Ramón (1965): «Peregrinos ingleses a Santiago en el siglo XIV», Cuadernos de Estudios Gallegos, XX-61 : 193-224.
Tobío Fernández, Lois (1994): As décadas de T.L.. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Tobío Fernández, Lois (2023): Lembranza do Seminario de Estudos Galegos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Villares, Ramón (2021): Cultura e política na Galicia do século XX. Vigo: Galaxia.
Villares, Ramón (2023): «O Seminario de Estudos galegos, unha truncada institución de alta cultura». En Luz na terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura: catálogo de exposición. Santiago de Compostela: Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Fundación Cidade da Cultura; 17-46.