Florencio Delgado Gurriarán
Vilamartín de Valdeorras (Ourense), 27/ 8/1903 - Fair Oaks, USA, 14/5/1987Autoría: Xosé Ramón Fandiño
Florencio Delgado Gurriarán, avogado, milítante galeguista e poeta exiliado en México
Designado como autor ao que se lle dedica o Día das letras Galegas do ano 2022, Florencio Delgado Gurriarán naceu o 27 de agosto de 1903 en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). Despois, por motivo da profesión de seu pai, perito agrícola e funcionario do Ministerio de Fomento, toda a familia viviu en Ourense, Palencia e Valladolid, onde Florencio estudou a carreira de Dereito entre 1918 e 1924.
Rematada a carreira e cun novo destino do pai na Coruña, a familia instálase en Córgomo e Florencio decide preparar oposicións a rexistrador da propiedade. Abandona o intento de facerse rexistrador e comeza a traballar como avogado no Barco e a colaborar nos xornais El Heraldo de Galicia, de Ourense, e en A Nosa Terra. Acadada unha notable sona como avogado e como poeta, ao instaurarse a República e reorganizarse as forzas políticas clandestinas durante a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), en Delgado Gurriarán aséntanse os seus ideais republicanos e plenamente galeguistas. Comezou a militar no Partido Galeguista (PG), fundando en decembro de 1931, moi comprometido, sobre todo, coa defensa do seu tesouro máis prezado, o idioma que aprendeu a falar coa súa xente da terra de Valdeorras e a escribilo de forma autodidacta lendo os Aires da miña terra de Curros Enríquez. Como militante do PG e socio protector do Seminario de Estudos Galegos, en xaneiro de 1934 asistiu en Ourense á III Asemblea anual do partido en representación do grupo de Córgomo-Portela. Alí coñeceu a Castelao.
Guerra Civil
Dada a súa militancia galeguista e incorporado á Fronte Popular, ao estalar a guerra civil o desasosego amedrentou a Florencio, que nun principio estivo agochado en varios lugares de Valdeorras e en Valladolid. En outubro de 1936, fuxindo por Portugal, logrou embarcar clandestinamente no Porto con destino a Bordeos. Viviu nesa cidade e en París, ata que en xaneiro de 1938 pasou á Barcelona republicana, onde se integrou na Subsecretaría de Armamento e despois no Servizo de Información Periférico do Estado Maior do Exército de Terra.
Entre os refuxiados galeguistas e comunistas establecidos neses anos bélicos en Barcelona, e contando co financiamento das Sociedades Hispanas Confederadas (SHC), creadas en Nova York para axudar á República, Florencio involucrouse no plan de organizar e facilitarlle amparo aos guerrilleiros do maquis galego, e mais a outros que xa estaban refuxiados en Portugal.
En Barcelona, Castelao encargoulle importantes angueiras relacionadas co PG, na Solidariedade Galega Antifeixista, organización unitaria creada para fornecer axuda aos combatentes e refuxidados galegos da zona republicana. Máis tarde, de novo en Francia, tería o cometido de organizar a evacuación dos refuxiados políticos españois confinados nos campos de internamento franceses e, en colaboración coas SHC neoirquinas, e os organismos de axuda creados polo Goberno da República, nomeadamente o SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles), fretar os barcos Sinaia, Ipanema e Mexique, nos que moitos perdedores da guerra se dirixiron en 1939 a México. Tamén colaborou en Nueva Galicia, publicación quincenal (maio 1937-xullo 1938) vencellada aos comunistas galegos, subtitulada Portavoz de los antifascistas gallegos. Nesta revista, e asinando como Florencio, publicou os poemas «Amencer», «Ía a misa de doce», «Levan a Cristo por fóra», «Un vello falanxista», «Home pequeno-fol de veneno» e «Foliada para o día da victoria». Nesa mesma revista Castelao colaboraría coa serie «Verbas de chumbo», onde abordaba diversas cuestións do nacionalismo galego desenvolvidas no libro Sempre en Galiza.
Exilio
Como un refuxiado máis, Florencio chegou a Veracruz no buque Ipanema en xullo de 1939. Logo duns días de estadía en México DF, o cineasta Carlos Velo conseguiu que nomeasen a Delgado Gurriarán delegado en Toluca do SERE. Despois deste primeiro traballo, Florencio instalouse en DF e dedicouse á venda de produtos como fertilizantes, zapatos finos, aceite, pólizas de seguros… En 1949 entrou como visitador médico do Laboratorio Queralt Mír, primeiro como axente na capital e despois en Guadalajara, onde desempeñou cargos de alta responsabilidade ata 1973, ano en que se xubilou.
Como militante do PG, Florencio estivo sempre moi activo nos círculos galeguistas de México. Xunta López Durá redactou a versión mexicana do pacto Galeuzca, fixo parte da delegación do Consello de Galiza de México e participou nas reunións dos exiliados republicanos españois para preparar a sesión parlamentaria no Palacio Municipal da praza do Zócalo de México o 9 de novembro de 1945. A insistencia dos parlamentarios galeguistas, nomeadamente de Castelao, nesa xuntanza propiciouse a constitución da Comisión do Estatuto Galego. Tamén foi un dos promotores do Padroado da Cultura Galega, fundado en 1953, que promoveu a emisión radiofónica Hora da cultura galega, que despois cambiou o título polo de Hora de Galicia. No ano 1959, recollendo as intervencións e colaboracións radiofónicas nas que Florencio participou decotío, o Padroado publicou o libro Presencia de Galicia en México. E o Padroado tamén impulsou a publicación da revista Vieiros.
Obra poética
Os vértices da poesía de Delgado Gurriarán xiran arredor de tres eixes temáticos e estilísticos: a obra lírica e sensual de Valdeorras, compilada no libro Bebedeira; a poesía de loita e defensa da lingua galega e belixerante contra o fascismo, que se publicou sobre todo en Nueva Galicia e se recolleu no libro O soño do guieiro. O terceiro eixe é o da poesía crioula recollida nas revistas Saudade e Vieiros e no libro Galicia infinda, na que o autor mostra a súa admiración pola realidade mexicana e a capacidade da lingua galega para dialogar cun sistema literario tan diferente como o mexicano.
Delgado Gurriarán deuse a coñecer como poeta en xornais e revistas da súa época, pero o seu primeiro libro de poesía foi o titulado Bebedeira, publicado en 1934 como n.º 60 da editorial Nós, dirixida por Ánxel Casal. Trátase dun poemario moi relacionado coa denominada
Xeración do 25e coa escola hilozoísta de Amado Carballo, aínda que a natureza valdeorresa dos versos de Bebedeira son máis esgrevios cós de Proel, máis condicionados pola suavidade da bisbarra do Lérez. En Bebedeira, moi ben aceptado pola crítica coetánea de Fernández del Riego, Carballo Calero, A. Villar Ponte, Xohán Luís Ramos e Otero Pedrayo (
Hoxe, como un merlo, pico en troques de cereixas, os acios dos poemas de Bebedeira), reúne moitas das poesías escritas desde 1931 con achegas máis recentes.
Case trinta anos despois de Bebedeira, o poeta valdeorrés publicou como n.º 12 da colección Salnés da editorial Galaxia o libro Galicia infinda (1963), 43 poemas nos que a través de cinco apartados («Cantarenas», «Valdeorras», «Castiñeiros», «Varia» e «Poemas mexicanos») se recollen poemas da posguerra. Os «Poemas mexicanos» son os que, en opinión de Carballo Calero, achegan a este apartado un feitío máis innovador e exótico polo gran número de palabras americanas empregadas acompañadas de termos galegos dialectais, que converten a lingua dos poemas nunha especie de crioulo galego americano.
En Ediciós do Castro publicou en 1981 o poemario Cantarenas no que aos poemas de Bebedeira, engádelle outros que o autor denomina «Valdeorresas» e «Dionisias». Finalmente, como n.º 3 da colección Opúsculos de Poesía de Ediciós do Castro, en 1986 publicou O soño do guieiro, libro que toma o título dun poema publicado na revista Galicia do Centro Galego de Bos Aires para conmemorar o vintecinco cabodano de Castelao. E no que se recollen algúns poemas da guerra, moitos deles xa publicados no Cancioneiro da Loita Galega, e poemas do exilio.
Saudade
A primeira empresa sociocultural creada polos galeguistas de México foi a revista Saudade, por iniciativa dos militantes galeguistas establecidos no país. Subtitulábase Verba galega das Américas, redactada integramente en galego e editada pola Irmandade Galeguista e o Grupo Saudade, que publicou o seu primeiro número o 25 de xullo de 1942. A dirección dos dous primeiros números (1942 e 1943) correu a cargo de Xosé Caridad Mateo, responsabilidade que recaeu en Ramiro Illa Couto no terceiro número (maio de 1943) e en Ramón Cabanillas Álvarez no número catro (xullo de 1943). Ademais dos citados compoñían a redacción Florencio Delgado Gurriarán e Carlos Velo.
Saudade non volveu aparecer ata 1952 e mantívose ata agosto de 1953. Nesta segunda etapa da revista amplíase o consello de redacción coa incorporación de Roxelio Rodríguez de Bretaña, Manuel Porteiro Viñas, o socialista Marcial Fernández e o comunista achegado ao galeguismo Luís Soto. Na nova xeira só se publicaron os números extraordinarios do 25 de xullo de 1952 e de 1953 nos que incorpora colaboracións de galeguistas do interior: Otero Pedrayo, Cuevillas, Pura Vázquez, Álvaro Cunqueiro e Ben-Cho-Shey.
Cancioneiro da loita galega
Publicado pola delegación mexicana do PG, coincidindo co Día de Galiza de 1943 e coa edición do último número da primeira xeira de Saudade, aparece en México o libro colectivo titulado Cancioneiro da loita galega. O libro, de 160 páxinas, ábrese cunha cantiga de Afonso IX de León («Quen da terra levou cabaleiros») e ao que seguen o «Himno Galego» de Pondal, o «Himno das mocidades galeguistas» de Alfredo Brañas e o «Himno de Solidaridade Galega» de R. Cabanillas. E a partir de aí unha serie de composicións anónimas ou asinadas con pseudónimo (X. Brigancio, Nadel, R. Miño, C. Lamas e B. Lérez) aos que seguen un poema de Pondal, un de Cabanillas e outro de Emilio Pita, e remata cunha pequena escolma do libro A gaita a falare de Rey Baltar. En 1996, nunha edición prologada e ao coidado de Xesús Alonso Montero, na serie Documentos de Ediciós do Castro publicouse unha edición facsímile deste Cancioneiro.
Baixo o pseudónimo de “Nadel”, que en alemán significa “agulla” ou “alfinete”, escóndese a personalidade poética de Delgado Gurriarán, o autor máis presente con case un terzo das composicións da antoloxía, que son facilmente identificables pois o mesmo Florencio incluíu once dos doce poemas do Cancioneiro no seu libro titulado O soño do guieiro (1986). De entre todos eles, pola súa fondura emotiva destaca o titulado «Morte de Alexandre Bóveda» (¡Irmán Alexandre Bóveda, abrente da nosa terra!).
Vieiros
Revista caracterizada pola súa extraordinaria pulcritude estética e de contidos ideoloxicamente comprometidos co nacionalismo galego. Editada polo Padroado da Cultura Galega de México publicáronse catro números moi espazados entre si, o primeiro en 1959, o segundo en 1962, o terceiro en 1965 e o cuarto en 1968.
Vieiros defendía un pluralismo ideolóxico, en galego ou portugués. A pesar da maior importancia que tiña a literatura, Vieiros sempre tratou de ser unha revista interdisciplinaria e acollía artigos de economía e industria, historia e antropoloxía. Nos dous primeiros números figuran como directores Luís Soto, Florencio Delgado Gurriarán e Carlos Velo. Nos dous restantes, Florencio por desavinzas coa dirección do Padroado que encubría coa escusa de estar residindo en Guadalajara, a 1000 km do Distrito Federal, foi substituído polo tamén galeguista Xosé Caridad Mateo.
No primeiro número, con 68 páxinas a cor primorosamente ilustradas por Carlos Maside e Arturo Souto, a achega de Delgado Gurriarán foron nove poemas mestizos. O segundo número aumentou o número de páxinas a 84 e incorporou como artistas gráficos a Conde Corbal e Xosé Luís de Dios e aos escritores do grupo Brais Pinto. No n.º 4, que se presentaba cunha capa de Xaime Quessada, Gurriarán publica un poema e unha tradución de Rimbaud.
Luís Soto, que nos anos da publicación de Vieiros xa podía visitar Galicia, foi recadando artigos de Ramón Otero Pedrayo, Domingo García Sabell, Ramón Piñeiro, Ramón Martínez López, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel María e Bernardino Graña. E foi Celso Emilio Ferreiro quen en Vieiros publicou por primeira vez o emblemático poema «Carta a Fuco Buxán».
Tradutor
A obra publicada por Delgado Gurriarán complétase coas súas traducións da poesía francesa ao galego. En 1982, el mesmo recoñecería:
Eu, como exercicios para arrequecer o meu pobre vocabulario galego, fixen tantiñas traduzóns, ou máis ben paráfrases, de poemas de sobranceiros poetas franceses. A Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, para celebrar o vixésimo quinto aniversario da súa fundación, convocou un certame literario no que, entre outros temas, se solicitaba a versión galega de poesías de dez poetas franceses ou ingleses modernos. E tres coleccións foron premiadas: unha de poesías inglesas (Plácido Castro), unha de poesías inglesas e francesas (Lois Tobío) e outra de poesía francesa traducida por Florencio Delgado Gurriarán. A escolma de obras premiadas foi publicada en 1949 pola editorial Alborada nun volume conxunto co título de Poesía inglesa e francesa vertida ao galego. O poeta valdeorrés inclúe na súa selección poemas de Verlaine, Mallarmé, Paul Valéry, Paul Clauidel, Jean Cocteau, La Rochelle e outros.
Coda
Cando no ano 1958 a Comisión Liquidadora de Responsabilidades Políticas lle concedeu o indulto, Florencio comezou a pensar na posibilidade de viaxar a Valdeorras, o que acontecería por primeira vez en 1968. Volveu en 1976, desta vez máis interesado por coñecer en detalle os tentos de refundación do Partido Galeguista, ao que Florencio lle prestou fidelidade permanente e que tentou fortalecer tanto en Galicia como en México. Como resumo do que significou para el a súa condición de refuxiado, Florencio declaroulle á historiadora mexicana Dolores Pla en 1979 que ser refuxiado era un sentimento penoso, pero heroico:
aquí venimos por haber luchado por un ideal y, aunque nos derrotaron, nos mantenemos firmes hasta el fin. Y penoso porque el ser refugiado siempre se impone aunque hayamos tenido la suerte de vivir en un país que fue tan generoso… para nosotros como México.
Nun acto celebrado en outubro de 1979 foi nomeado socio de honra do Instituto de Estudos Valdeorreses. E o 6 de setembro de 1981 recibiu no Barco a medalla de académico correspondente da Real Academia Galega.
Un ano antes do seu pasamento pensaba acudir ao Congreso Castelao celebrado en Santiago do 24 ao 29 de novembro de 1986. E aínda sen poder asistir compuxo o seu relatorio «O soño do guieiro. Lembranzas dun vello galeguista», que a USC publicou nas actas do congreso en 1989. Datouno en Fair Oaks (California), onde se trasladara para ser atendido dos seus problemas cardíacos, e onde faleceu o 14 de maio de 1987.
Bibliografía
Fontes principais
Bebedeira. Santiago de Compostela: Nós, 1934.
Saudade. México: Irmandade Galeguista e Grupo Saudade, 1942-1953.
Cancioneiro da loita Galega. México, 1943.
Vieiros. México: Padroado da Cultura galega, 1959-1968.
Galicia infinda. Vigo: Galaxia, 1963.
Cantarenas. Sada: Ediciós do Castro, 1981.
O soño do guieiro, 1986. Sada: Ediciós do Castro, 1986
Fontes secundarias
Alonso Montero, Xesús: Lingua e literatura galegas na Galicia emigrante. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1995.
Carballo Calero, Ricardo: História da Literatura Galega Contemporánea, Vigo: Galaxia, 1963.
Gurriarán, Ricardo: Florencio Delgado Gurriarán. Vida e obra dun poeta valdeorrés, republicano e galeguista. Sada: Ediciós do Castro, 1999.
Lama López, María Xesús: «A cultura galega dende México, poderosas brazadas de Náufrago». En Sesenta anos despois. Os escritores do exilio republicano. Sada: Ediciós do Castro, 1999.
Martul Tobío, Luís: «Las revistas del exilio gallego en México». En Naharro-Calderón, José María (coord.): El exilio de las Españas de 1939 en las Américas: ¿Adónde fure la canción? Barcelona: Anthropos del Hombre, 1991.
Pla, Dolores: Entrevista realizada en la ciudad de Guadalajara, por Dolores Pla, los días 23, 24 y 25 de agosto de 1979. México: Archivo de la palabra de la Universidad de México Distrito Federal. Esta entrevista está publicada nun libro editado pola mesma Dolores Pla: El aroma del recuerdo: narraciones de españoles republicanos refugiados en México (2003).
Rodríguez Galdo, María Xosé: Galegos en México. Pasado e presente. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2004. (Coa colaboración de Mª Antonia Pérez Rodríguez).
Tuñón Pablos, Enriqueta: «El exilio gallego de 1939 en México». En Núñez Seixas, Xosé M. e Cagiao Vila, Pilar (eds): O exilio galego de 1936. Política, sociedade, Itinerarios. Sada: Ediciós do Castro; Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2006.
Vilavedra, Dolores (coord.): Diccionario da literatura galega. I: Autores. Vigo: Editorial Galaxia, 1995.
Como citar: Fandiño, Xosé Ramón : Florencio Delgado Gurriarán. Publicado o 3/1/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1077. Recuperado o 28/02/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Nova Galicia. Ver Documento. Artigo
Conxunto de poemas agrupados baixo o epígrafe "Nova Galicia". no primeiro número da revista Vieros (1959). As diferentes pezas amósannos de forma fermosa esta literatura de a cabalo entre Europa e América, entre a cultura galega e a mexicana.
Barco bébedo. Ver Documento. Artigo
Un longo poema no último número, o 4º, da revista Vieiros (1968), que no o autor parafrasea unha composición de Rimbaud.
O poema titulado «A cadea» de Delgado Gurriarán aparece publicado no centro da páxina 7 do xornalEl pueblo gallego: rotativo de la mañana. 1953. Ver Documento. Poema
Fonte: Delgado Gurriarán, Florencio: «A cadea», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, n.º 9819 (26 de agosto de 1953), p. 7
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/resultados_ocr.do [Consulta: 2022-01-03]
Noiturnio da noiva jarocha. Son veracruzano. Ver Documento. Artigo
Neste poema, publicado no primeiro número de Saudade (25 de xullo de 1942) observamos unha das características máis notables da poesía de Delgado Gurriarán: a fusión entre a lingua e literatura galegas e a cultura e os ambientes mexicanos.
Ir a misa de doce. Ver Documento. Artigo
Este poema, escrito en 1938, no medio da Guerra civil, no Galicia, a publicación semanal da Federación de Sociedades Gallegas en Bos Aires, trasládanos ao ambiente represivo da Guerra Civil.
Poema «Romanzo da terra doente» de Delgado Gurriarán. Ver Documento. Poema
Fonte: Delgado Gurriarán, Florencio: «Romanzo da terra doente», El Compostelano: diario independiente, n.º 5855 (4 de setembro de 1939), p. 4
Poema de Florencio Delgado Gurriarán no xornal El Compostelano. 1939. Ver Documento. Poema
Fonte: Delgado Gurriarán, Florencio: «Camiño da serra», El Compostelano: diario independiente, n.º 5804 (4 de xullo de 1939), p. 4
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/resultados_ocr.do
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía de Florencio Delgado Gurriarán. Ver Documento
Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG)
Relatorio de Ricardo Gurriarán presentada no Congreso do Exilio celebrado en Pontevedra do 25 ao 27 de xaneiro de 2001. Ver Documento. Artigo
Fonte: Gurriarán, Ricardo: «Florencio Delgado Gurriarán, poeta valdeorrés no exilio mexicano», Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, n.º 13 (maio de 2011), p. 20-31
Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Colaboración do escritor Miro Villar sobre Florencio Delgado Gurriarán na revista Raigame. 2006. Ver Documento. Artigo
Fonte: Villar , Miro: «O macrotexto poético en galego de Florencio Delgado Gurriarán», Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, n.º 23 (maio de 2006), p. 86-94
Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ao final desta páxina de El Progreso, Luís Soto, nunha entrevista que lle fai Neumandro, menciona a Delgado Gurriarán, codirector da revista Vieiros. 1962 . Ver Documento. Entrevista
Fonte: Neumandro: «Cartafolio de Lugo: Entrevista», El Progreso, n.º 17137 (7 de setembro de 1962), p. 8
Ligazóns de interese
Biobibliografía de Chita Lamas Barreiro no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega
Biobibliografía de Ramiro Isla Couto no Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega
Fonte: Álbum de Galicia. Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=26748 [Consulta: 2022-05-13]
Artigo de Xesús Alonso Montero sobre o Cancioneiro da loita galega
Alonso Montero, Xesús: «O Cancioneiro da Loita Galega». La Voz de Galicia, (19 de abril de 2022).
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2022/04/19/span-langglcancioneiro-da-loita-galegaspan/0003_202204H19P27993.htm [Consulta: 2022-05-16]
As letras de Florencio, páxina web dedicada a Florencio Delgado Gurriarán
Fonte: https://asletrasdeflorencio.gal/ [Consulta: 2022-01-03]
Concello de Vilamartín de Valdeorras
Saudade (Verba Galega nas Américas). México D.F., 1942-1953
Fonte: http://www.cirp.es/pub/docs/revrec/saudade.pdf [Consulta: 2022-01-03]
Historias de ida e volta: e exilio galego. Consello da Cultura Galega
Fonte: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega
http://consellodacultura.gal/especiais/historias-de-ida-e-volta/detalle.php?e=7099&c=10307 [Consulta: 2022-01-04]
Artigo de Pilar Ponte, para o seu web aprofa.com, con distintos recursos sobre Florencio Delgado Gurriarán
Ponte, Pilar: «Florencio Delgado en 12 ligazóns e 2 vídeos», http://aprofa.gal/2021/07/04/florencio-delgado-en-12-ligazons-e-2-videos/. (Publicación: 4 de xullo de 2021)
Fonte: http://aprofa.gal/2021/07/04/florencio-delgado-en-12-ligazons-e-2-videos/ [Consulta: 2022-01-03]
Artigo de Marcos Pérez Pena no xornal dixital praza.gal sobre Delgado Gurriarán
Pérez Pena, Marcos: «Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado nun Día das Letras que recoñecerá o labor da intelectualidade galega no exilio» en praza.gal, (2 de xullo de 2021). Accesible en: https://praza.gal/cultura/florencio-delgado-gurriaran-homenaxeado-nun-dia-das-letras-que-reconecera-o-labor-da-intelectualidade-galega-no-exilio [Consulta: 2022-01-03]
Fonte: https://praza.gal/cultura/florencio-delgado-gurriaran-homenaxeado-nun-dia-das-letras-que-reconecera-o-labor-da-intelectualidade-galega-no-exilio [Consulta: 2022-03-01]
Florencio Delgado Gurriarán na páxina web da Real Academia Galega
Fonte: https://academia.gal/-/as-letras-galegas-2022-homenaxear-c3-a1n-a-florencio-delgado-gurriar-c3-a1n [Consulta: 2022-01-04]
Entrada biobibliográfica de Florencio Delgado Gurriarán na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Florencio_Delgado [Consulta: 2022-01-03]
«Florencio Delgado Gurriarán, o poeta de Valdeorras» en www.acalexandreboveda.gal, (27 de agosto de 2018)
Fonte: https://www.acalexandreboveda.gal/florencio-delgado-gurriaran/ [Consulta: 2022-01-03]
Artigo de Xabier Iglesias sobre o poemario Bebedeira de Florencio Delgado Gurriarán, publicado no blog Os libros de Ánxel Casal. 22 de agosto de 2015
Fonte: Iglesias, Xabier: «Bebedeira», Os libros de Ánxel Casal, (22 de agosto de 2015)
http://oslibrosdeanxelcasal.blogspot.com/2015/08/bebedeira.html [Consulta: 2022-01-03]
Entrevista a Florencio Delgado Gurriaran realizada en la ciudad de Guadalajara por Dolores Pla, para o Proyecto de historia oral. Refugiados españoles en México. 1979
Fonte: Proyecto de historia oral. Refugiados españoles en México.Instituto Nacional de Antropología e Historia de México >br>https://mediateca.inah.gob.mx/repositorio/islandora/object/entrevista%3A884 [Consulta: 2022-01-03]
Ramón Nicolás recolle no seu blog Caderno da crítica unha carta manuscrita de Delgado Gurriarán enviada a Fernández del Riego
Nicolás, Ramón: «Manuscrito: Florencio Delgado Gurriarán», Caderno da crítica, (20 de abril de 2015). Accesible en: https://cadernodacritica.wordpress.com/2015/04/20/manuscrito-florencio-delgado-gurriaran/ [Consulta: 2022-01-03]
Fonte: https://cadernodacritica.wordpress.com/2015/04/20/manuscrito-florencio-delgado-gurriaran/ [Consulta: 2022-01-03]
Epístolas de
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1955
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1959
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1960
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1961
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1966
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1967
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1976
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1977
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1980
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1981
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1982
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1982
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1983
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1985
Carta de Delgado Gurriarán a Paz Andrade. 1986
Videos
Vídeo sobre Florencio Delgado Gurriarán, Letras Galegas de 2022
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=59oG1mTWLvI [Consulta: 2022-01-03}
Anxo Baranga
Versión rock do «Romanzo da terra doente», de Xermán Son
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=9aqRJLD22pk [Consulta: 2022-01-03]
«O cantar dos topónimos», en versión de Anxo Rei dentro do disco Fronteira de cigoñas. 2002
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=Dsv23lIDpU0 [Consulta: 2022-01-03]
Publicacións periódicas
Alborada (1925-) .
Órgano de la Sociedad Agraria y Cultural Hijos del Partido de Corcubión
Órgano de la Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión
N.º 66-74: Revista cultural e informativa de la Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión
N.º 118-161: Órgano y propiedad de la Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión
N.º 172: Publicación de la Asociación Benéfica, Cultural del Partido de Corcubión
A partir do n.º 185: Revista de la Asociación Benéfica Cultural del Partido de Corcubión
Lar (1934-) .
Revista mensual de la Asociación Gallega de Beneficencia y Mutualidad
Revista del Hospital Gallego
Saudade (1942-) .
Verba Galega nas Américas
Vieiros (1959-1968) .
Revista do Padroado da Cultura Galega de México
Compostela (1967-1967) .
Revista de Galicia
Artigos Florencio Delgado Gurriarán
DELGADO GURRIARáN, F. (4/1944) Louvanza do viño de Ourense. A Valdeorras, terra nai da fror dos nosos viños | Acción Gallega. 2ª (1), 3.
DELGADO GURRIARáN, F. (2/1946) Vente ventiño do norte | Opinión Gallega. 1ª (32), 6.
DELGADO GURRIARáN, F. (6/1964) Gaiteiros de Montgomery | Orientación Gallega. 1ª (23), 3.
DELGADO GURRIARáN, F. (9/1980) Valdeorras: De Ribeira do Sil á Serra do Eixo | Nosa Terra, A. (125), 8.
DELGADO GURRIARáN, F. (11/1980) Os galegos no exército da República e no exilio | Nosa Terra, A. (134), 12.
Libros do ccg sobre Florencio Delgado Gurriarán
Cancioneiro da loita galega.
2022 | Florencio Delgado Gurriarán, Edición.


















