f Amalia Álvarez Gallego | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Amalia Álvarez Gallego

Lugo, 1906 - Pontevedra, 2001

Biografía

----

Amalia Álvarez Gallego

Lugo, 1906 - Pontevedra, 2001

Autoria: Montse Fajardo Pérez

DOI: 10.17075/adg.22298

(...) "forte, enxeñosa...
entre sombras iluminadas por tempos sincopados"

(Ánxeles Cuña Bóveda)

Amalia Álvarez Gallego naceu o 10 de febreiro de 1906 en Lugo, onde o seu pai exercía como inspector de ensino primario. A quinta dos seis fillos de Xerardo Álvarez Limeses e Dolores Gallego aínda era unha nena cando, despois dunha curta estadía en Ourense, a familia se intalou en Pontevedra. Primeiro residiron en Santa María e logo na rúa Oliva. Amalia realizou os seus estudos primarios na escola da Praza do Xeneral Martitegui e aínda solteira fixo o primeiro curso de Maxisterio, carreira que remataría xa viúva para poder sacar adiante a cinco criaturas.

Coñeceu ao seu home, o líder nacionalista Alexandre Bóveda, nos ensaios da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra na que ambos cantaban. Namoráronse axiña pero por un enfado de noivos estiveron afastados durante un ano. Entre risos, Amalia sempre lle contaba aos netos e as netas que, durante ese tempo, acostumaba teimarlle a el: “Eu coma ti teño moitos. Ti coma min, ningunha”. Reconciliáronse e casaron axiña, O 20 de outubro de 1930 na Igrexa do Mosteiro dos Mercedarios de Poio. Primeiro foron vivir ao Burgo pero un vendaval danou o tellado da súa casa e mudáronse á rúa Echegaray. Alexandre mercou mesas grandes: Quería ter moita descendencia. Amalia chegou embarazada da lúa de mel e alí naceron Xela, en agosto de 1931, e en outubro do ano seguinte o primeiro varón, ao que chamaron coma o pai. Entre os dous, Amalia tivo un aborto. Cando en marzo do 34 chegou Xosé Luís xa vivían en Virxe do Camiño e, antes da chegada de Loli en xullo de 1935, mudáranse a Poio, a Andurique.

Na hora da comida e na da cea, Alexandre reunía a toda a familia arredor daquela mesa grande que el presidía. Era moi familiar. Volvía do traballo asubiando e, ao escoitalo, Amalia ía onda el e pasaban horas falando, das criaturas, das cousas que estudaba, de libros. Encantáballe ler. O único recordo propio que o seu fillo Xosé Luís conservaba do pai era o seu rostro asomado á fiestra do cárcere improvisado na Escola Normal, mentres lles pregaba: “Traédeme libros”. Cando o asasinaron, el aínda non cumprira os tres anos e Amalia estaba embarazada da quinta filla, que naceu o 5 de xaneiro de 1937, ás cinco e media da mañá, á mesma hora na que asasinaran ao pai.

Pouco antes de que o detiveran, Amalia espertou chorando. Soñara que un soldado o mataba. “Pero Choliña? Quén me vai querer facer dano a min?”. O mesmo que dixo cando lle pregaron que fuxira. Puido facelo polas veigas que rodeaban a casa dos sogros, pero non quixo. “Quén me vai querer facer dano a min?”. Detivérono alí o 20 de xullo. Condenárono a morte o 13 de agosto. Fusilárono o 17, á hora da filla póstuma. Pediulle a Amalia que lle chamara como ela e que nos días aciagos se coidara moito para que viñera ben. Levárono á Caeira pola Ponte da Barca, desde a que se podía ver a súa casa. Amalia escoitou os disparos pero non soubo que a deixaran viúva ata que ao día seguinte díxollo o pai. Enterrárono sen ela, só os homes das dúas familias.

Durante anos vestiu de negro pero non puido facerlle dó. Tivo que repoñerse da dor para sacar adiante a familia. Rematou a carreira e púxose a dar clases nun local alugado en Méndez Núñez, mentres preparaba as oposicións. Pero o mesmo día que en Pontevedra se celebraban as de Maxisterio, en Madrid había as de Facenda. Amalia pensou que sería mais doado que creceran na súa cidade se renunciaba a ser mestra e foi ás da capital. Obtivo praza en Cádiz e deixou ás cinco criaturas repartidas en casas de familiares. Uns meses despois trasladárona de novo a Pontevedra pero seguiu afastada das fillas e fillos, pois houbo que ingresalas en Madrid, en internados para orfos de Facenda para que realizasen os seus estudos. O das nenas estaba en Carabanchel alto. Nunca coincidían as tres, nin sequera no comedor, e as monxas tíñanas marcadas por ser fillas dun rojo. Un ano que foi de visita Franco, pecharon a unha das pequenas nun cuarto con outras nenas asturianas ás que lle mataran o pai no cárcere.

A familia de Bóveda sempre estivo marcada. Amalia tivo moitas complicacións para conseguir un certificado de adhesión ao réxime que lle permitira ocupar a súa praza de funcionaria. As súas fillas eran sinaladas. Un día que paseaba con Xela, Amalia atopou a unha familiar que lle espetou: “Que nena tan linda para ser filla dese indesexábel”. Outro día, unha persoa que consideraba amiga cuspiulle no velo negro do loito ao berro de “Aí vai a muller dun asasino!”.

Amalia nunca falaba do que pasara. Nunca foi coas crianzas á Caeira. Prohibíralles pasar da fonte que había na entrada de Campañó. Pero un 17 de agosto, cando a máis nova tiña sete anos, xuntou aos cinco e contoulles que por amar a Galiza mataran ao seu Alexandre. E de novo o silencio, só roto en murmurios naqueles veráns que a súa amiga Cinta Rey pasaba na casa de Poio, intentando exorcizar o dor inconsolábel na memoria compartida. Foi a propia Amalia quen lle quitou unha foto abrazada ao árbore na que o 12 de novembro do 36 lle asasinaran ao seu fillo Víctor Casas. Na que mataran a Alexandre. Quitou tamén cascotes da cortiza e gardounos nun pano que a súa descendencia atopou tras a súa morte, o 27 de novembro de 2001.

Participara orgullosa nas homenaxes que coa chegada da democracia lle fixeron ao seu home. “Qué pena que tiveran que matalo para que a xente coñecera o que fixo por Galiza…” dicía e loitaba por manter a raia as bágoas que querían fuxirlle dos ollos.

Nota
Texto elaborado dentro do programa municipal do Concello de Pontevedra A memoria das mulleres.

Como citar: Fajardo Pérez, Montse : Amalia Álvarez Gallego. Recuperado o 26/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=22298

Obra sobre Amalia Álvarez Gallego

«A familia Bóveda atopa 22 poemas inéditos de Amalia Álvarez»

Artigo de Belén López publicado no Diario de Pontevedra (20/03/2016).

«Pontevedra dedica un parque a la memoria de Amalia Álvarez, la viuda de Alexandre Bóveda»

Diario de Pontevedra (10/02/2016)
Fonte: http://diariodepontevedra.galiciae.com/[Data de descarga: 29/06/2017]