Manuela Barreiro Pico
Viveiro, 5/ 6/1877 - Madrid, 29/1/1953Autoría: María Isabel Fernández García
Primeira licenciada da Universidade de Santiago de Compostela (1900), exerceu como farmacéutica
Manuela Antonia Barreiro Pico foi a primeira universitaria galega. Temos lido e oído falar das irmás Elisa e Jimena Fernández de la Vega como as primeiras universitarias, pero estas só o foron desde que saíu a lei que permitía ás mulleres matricularse libremente na universidade (R.O. 8 de marzo de 1910). A catedrática da Universidade de Sevilla, Consuelo Flecha García, no seu libro Las primeras universitarias en España 1872-1910, cita a Manuela Barreiro como a primeira alumna da Universidade de Santiago de Compostela e a primeira licenciada en Farmacia en Galicia, así como unha das primeiras de España.
Primeiros estudos
Filla e neta de mestres, a súa infancia, na que sobresaíu como alumna e gran lectora, estivo marcada pola actividade profesional do seu pai e do avó materno, Facundo Barreiro e Justo Pico de Coaña y Vijander, respectivamente, que foron destacados docentes. Estudou o bacharelato en Ribadeo, nun centro privado de ensino secundario, o Colexio San Luís, e examinouse no Instituto de Ensino Secundario de Casariego de Tapia (Asturias), os tres primeiros cursos, de 1890 a 1893. Despois de trasladar o expediente ao Instituto de Lugo, acadou o grao de bacharelato en 1895 coa cualificación de sobresaínte. Foi a primeira bacharel en Ciencias de Lugo.
Primeiro permiso
Para ingresar na Universidade, en 1896, tivo que pedir permiso, pois as mulleres non puideron facelo ata que se promulgou o decreto de 1910. Xunto co seu pai, cursou unha petición ao director xeral de Instrución Pública para obter o título e exercer a profesión ao rematar os estudos. A petición foi estimada: se le autoriza la matrícula libre en cuanto que los catedráticos respondan del orden de las clases
.
Daquela, a oposición á presenza das mulleres nas aulas universtarias era maioritaria. Na revista española La Farmacia Moderna, de 5 de febreiro de 1897, podemos ler un comentario sobre o tema: Pierden el tiempo, el dinero y algo más, que siempre constituyó la mejor aureola de las damas, las familias que tienen el mal gusto de dedicar a sus hijas al manejo del bisturí o a los trabajos de laboratorio
. A carreira de Farmacia constaba, entón, de tres cursos. Para obter o grao de bacharelato en Farmacia, era necesario facer estudos previos de materias comúns na facultade de Ciencias, para continuar despois coas específicas. Para aspirar á licenciatura había que cursar dous anos de prácticas nunha oficina de Farmacia e estudar Práctica de Operacións Farmacéuticas. O exame final de cada materia era público e oral, duraba arredor de dez minutos, versaba sobre tres temas elixidos ao azar e tiña lugar diante dun tribunal formado polo profesor da disciplina e outros dous profesores de materias afíns.
No expediente académico de Manuela Barreiro figuran as instancias de solicitude de admisión aos exames das materias correspondentes de cada curso. O 31 de agosto de 1898 solicitou permiso para os de Botánica Descritiva e Química Inorgánica, facendo constar que presentou testemuñas en convocatorias anteriores. A utilización de testemuñas fainos intuír algún problema, como a necesidade de deixar constancia da calidade do exame ou do trato que recibe por ser muller. Obtivo moi boas notas e conseguiu o grao de licenciado
o 25 de xuño de 1900, feito recollido no xornal compostelán Gaceta de Galicia (28/06/1900).
Segundo permiso
De novo tras previa solicitude, e por Real Orde, foille concedida a autorización para que se lle expedise o título de licenciado
en Farmacia. No xornal El Eco de Santiago (07/05/1901), que recolleu a nova, felicitárona polo bo expediente e polo triunfo do feminismo, comentario que non deixa de chamar a atención nesa época. Con data de 16 de decembro de 1901 obtivo o título.
Terceiro permiso
Para exercer a profesión de farmacéutica, e de novo por ser muller, tivo que solicitar permiso, en 1901, ao Ministerio de Enseñanza Publica y Bellas Artes para que se lle recoñecese ese dereito. No seu convincente escrito, expón: En años académicos y en públicos exámenes acreditó su suficiencia en los estudios realizados lo que debe habilitarle para el ejercicio de una profesión que siempre creyó propia a su sexo y en la que pretende hallar ocupación útil para sí y para la sociedad
. Neste mesmo escrito puxo de manifesto as súas reivindicacións feministas ao autocualificarse como Licenciada
, título que tardaría moitos anos en ser incorporado ao léxico.
Cuarto permiso
Para abrir a oficina de farmacia en Ribadeo, volveu solicitar permiso, neste caso municipal. A asociación Atalaia de Ribadeo recolleu na súa páxina web a concesión: «Sesión supletoria del día nueve, celebrada el once de Junio de mil novecientos cuatro, por el Excmo. Ayuntamiento de Ribadeo en su Casa Consistorial. También se dio cuenta de la del Sr. Subdelegado de Farmacia y Secretario del Ayuntamiento que importa treinta y siete pesetas cincuenta céntimos por los derechos que le corresponden según lo dispuesto en el art. 48 de la Ordenanza de Farmacia vigente por reconocimiento y apertura de la Botica de Doña Manuela Barreiro de esta Villa».
Apertura da farmacia
A farmacia foi aberta como Farmacia Moderna, un nome comercial de moda naqueles días, pero que tamén semella a réplica ao comentario despectivo feito pola revista La Farmacia Moderna no mesmo ano en que Manuela Barreiro se matriculou na universidade.
No padrón do concello de Ribadeo de 5 de setembro de 1919, a farmacia e o domicilio familiar figuran no baixo e nos pisos superiores, respectivamente, dunha vivenda da rúa Rodríguez Murias (ata 1912 rúa San Roque), no local que hoxe ocupa o bar Cabás. Con anterioridade, estivo noutro edificio, pois sabemos polo diario El Eco de Santiago de 9 de decembro de 1916, que foi nesa data cando se trasladou a Rodríguez Murias. Segundo o Anuario Médico de 1927, tamén tivo farmacia en Viveiro, se ben non hai datos que o confirmen, polo que pode deberse a un erro do anuario ou a que lle deu o título de farmacéutica a alguén que non o tiña ou se dedicaba a outras ocupacións, tal como se facía daquela.
A nova da apertura da farmacia en Ribadeo foi recollida polo diario coruñés El Noroeste (25/07/1903) e polo xornal de Mahón El grano de arena (12/08/1903), que felicitaba á farmacéutica e animaba a outras mullleres a seguir o mesmo camiño. Nunha nota do diario de Salamanca El Adelanto (19/08/1903), recóllese tamén o tipo de servizos que ofrecía como laboratorio químico.
En numerosas ocasións, o xornal Las Riberas del Eo fíxose eco da actividade de Manuela Barreiro como farmaceútica. Na súa botica desenvolveu gran cantidade de preparacións orixinais, formulacións receitadas polos médicos e que paliaban a falta de específicos provocada pola guerra mundial. Os seus cadernos de formulacións extraviáronse e tampouco atopamos ningunha análise realizada por ela, como nos consta que faría á vista dos anuncios de prensa citados.
Traspaso da farmacia e xubilación
O documento de compra-venda da farmacia data de 19 de setembro de 1931. O xornal de Ribadeo, Las Riberas del Eo (09/01/1933), informa do traspaso cando Manuela Barreiro contaba 55 anos. Poida que a súa xubilación se debese á situación familiar, xa que a súa irmá Emilia, á que estaba moi unida, quedara viúva e cun neno moi pequeno. Tamén é posible que as dificultades vividas como estudante, e despois como farmacéutica, pola súa condición de muller e sempre rexeitada pola sociedade, influíran nesa decisión. Recordamos a este respecto dous feitos: que tivera que poñer de novo o anuncio de que facía análises, case dez anos despois de abrir a botica (1909-1919); ou ter solicitado, en 1919, ao concello de Ribadeo, ser Farmaceutico Titular
, e que este lle respondese que a dita praza se provee mediante concurso y con los requisitos que en él se determinen
.
Outros datos
Manuela Barreiro soubo que foi a primeira universitaria da USC e a primeira en licenciarse en Farmacia. Comentaba as grandes dificultades e discriminacións sufridas tanto durante os estudos como no exercicio da súa profesión. Nas clases sentaríase á parte, tal como era frecuente daquela, as máis das veces na mesa do profesor separada de seus compañeiros e, como se comentaba nos xornais, sufriría algún tipo de burla nos grupos de estudantes cando entraba cos libros na facultade.
Despois da xubilación, desprazouse a miúdo a Coruña coa súa irmá Emilia e o seu sobriño. Tamén viaxaron á Arxentina para visitar as propiedades que o cuñado e o sobriño, da familia dos indianos Moreno, tiñan naquelas terras. Continuou vivindo entre Ribadeo e Mondoñedo con Emilia e o fillo, e cando os negocios deste fracasaron terminaron vendendo todo e marcharon a Madrid, onde faleceu o 29 de xaneiro de 1953. Na venda do seu piso da torre dos Moreno de Ribadeo, perdéronse todos os documentos e fotos, entre outros o título de licenciatura e os cadernos das preparacións da farmacia, o que explicaría o descoñecemento da súa vida.
A súa farmacia era coñecida como “A das Piconas”, quizais polo seu segundo apelido e porque Emilia estaba frecuentemente con ela. Manuela Barreiro foi unha muller moi humana e moderna. Participou en actividades culturais, como no grupo de teatro do Casino de Ribadeo, e resultou ser unha boa empresaria, investindo os beneficios da farmacia en propiedades inmobiliarias. Así mesmo, destacou como precursora na degustación de marisco, alimento que naquel tempo era desprezado pola sociedade e só comían os pescadores. En Ribadeo, na súa parroquia, conservan as dúas lámpadas que Manuela lle regalou despois de mercarllas á Banca Casas cando pechou.
Tras unha busca intensa de fotos de Manuela Barreiro, xa que non se dispoñía de ningunha para poder visibilizala, conseguimos, coa colaboración do profesor de Historia do Instituto Gamallo Fierros, Tomás Sanjurjo, localizar á súa sobriña-neta M.ª Teresa Barreiro García-Paredes. Ela, xunto co amigo da familia e estudoso da historia de Ribadeo, Antonio Martínez, que a coñeceu cando era neno, atoparon a marabillosa foto con toga e barrete que ilustra a importancia da súa graduación. Foi un moi feliz achado para tantos meses de indagacións.
Recoñecementos
Tiveron que pasar máis de cen anos, co estudo e posta en valor das mulleres pioneiras, para que Manuela Barreiro fose visibilizada e se recoñecesen os méritos da súa traxectoria. Hoxe xa temos máis de vinte entradas nas páxinas web sobre ela e figura na Wikipedia. Como xa dixemos, foi citada pola doutora Consuelo Flecha en 1996, no que puido ser o comezo do seu recoñecemento.
O concello de Ribadeo, por iniciativa da asociación Atalaia, dedicoulle unha rúa mediante acordo municipal do 10/07/2012. O artigo sobre as pioneiras de Ciencias de Lugo (2016) e a monografía Manuela A. Barreiro Pico, Ribadense destacada, 1ª Licenciada en Farmacia de Galicia (1900), ambas publicacións de M.ª Isabel Fernández García, contribuíron ao seu coñecemento xeral. A instancias do grupo de traballo creado en Ribadeo para impulsar a súa recuperación e visibilización, o 20 de xuño de 2017 o Concello colocou unha placa co seu nome no local onde tivo a farmacia. Desde entón, as referencias como primeira universitaria galega foron sucedéndose: El Progreso (20/11/2016, 20/06/2017, 24/11/2018), La Voz de Galicia (24/10/2017, 12/02/2018, 25/07/18), La comarca del Eo (24/11/2018). Ultimamente apareceu citada no libro infantil de A. Rodríguez, Pioneiras 2: Galegas que abriron camiño (2019).
Como citar: Fernández García, María Isabel : Manuela Barreiro Pico. Publicado o 31/5/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27783. Recuperado o 26/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Expediente académico de Manuela Barreiro Pico: 1896-1900
Fonte: Arquivo Histórico Universitario (AHUS). Universidade de Santiago de Compostela
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Fontes documentais e bibliografía
Fernández García, M.ª Isabel: «Fontes documentais e bibliografía de Manuela Barreiro Pico», 2021
Reapertura, en 1932 e cun novo titular, da farmacia de Manuela Barreiro Pico tras a súa venda
«Ecos», Las Riberas del Eo: periódico de información galaico-asturiana, n.º 2953 (9 de xaneiro de 1932), p. 4
Nota sobre a quenda de garda da farmacia de Manuela Barreiro
«Galicia», Las Riberas del Eo: periódico de información galaico-asturiana, n.º 2772 (21 de xullo de 1928), p. 6
En 1916, Manuela Barreiro volve abrir a farmacia en Ribadeo
«Galicia», El Eco de Santiago: diario independiente, n.º 9070 (9 de decembro de 1916), p. 1
Anuncio do laboratorio químico de Manuela Barreiro, recollida no xornal salmantino El Adelanto, diario de Salamanca
«Dice un periódico de Galicia...», El Adelanto, diario de Salamanca, n.º 5773 (19 de agosto de 1903), p 3
Breve información no xornal El grano de arena sobre a apertura da farmacia de Manuela Barreiro
«Provincias», El grano de arena de Mahón, n.º 632 (12 de agosto de 1903), p. 2.
O xornal coruñés El Noroeste informa da apertura da Farmacia Moderna en 1903
«De Galicia», El Noroeste , A Coruña, n.º 3145 (25 de xullo de 1903) p 1
Noticia publicada en El Eco de Santiago sobre a autorización para a expedición do título de
«Una Licenciado en Farmacia», El Eco de Santiago: diario independiente, n.º 1846 (7 de maio de 1901), p 2licenciadoa Manuela Barreiro Pico
Felicitación no xornal Gaceta de Galicia pola obtención da licenciatura en Farmacia
«Santiago», Gaceta de Galicia: diario de Santiago, XXX, n.º 141 (28 de xuño de 1900), p. 2
Comentario en La farmacia Moderna sobre a autorización concedida a Manuela Barreiro para cursar a carreira de Farmacia
«Buen porvenir», La Farmacia Moderna, VIII, n.º 4 (5 de febreiro de 1897), p. 58
Ligazóns de interese
Artigo de José de Cora sobre Manuela Barreiro no xornal lucense El progreso
Cora, José de: «Manuela Barreiro Pico», El progreso, (26 de decembro de 2019)
Fonte: https://www.elprogreso.es/articulo/album-de-los-lucenses/manuela-barreiro-pico/202001171812241417818.html
Manuela Barreiro no portal web Mujeres con Ciencia
Fonte: https://mujeresconciencia.com/2017/10/05/manuela-antonia-barreiro-pico/
Real Orde que autoriza a matrícula de alumnas e alumnos sen facer
distinción por razón de sexosGaceta de Madrid, n.º 69 (9 de marzo de 1910), p. 497-498«Real Orden de 8 de Marzo de 1910»,Gaceta de Madrid, n.º 69 (9 de marzo de 1910), p. 497-498
Fonte: https://www.boe.es/datos/pdfs/BOE/1910/068/A00497-00498.pdf
Expediente de licenza de apertura concedida a Manuela Barreiro Pico para unha botica e laboratorio en Ribadeo. Arquivo Municipal de Ribadeo
Fonte:https://arquivo.ribadeo.org/expediente-manuela-barreiro-pico/
Entrada de Manuela Barreiro na wikipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Manuela_Barreiro