Isabel Ríos

Curtis, 1907 - Madrid, 1997

Biografía

----

Isabel Ríos

Curtis, 1907 - Madrid, 1997

Autoria: Emilia García López

DOI: 10.17075/adg.3354

O compromiso de toda unha vida

Isabel Ríos Lazcano naceu o 12 de xullo de 1907 en Curtis, na provincia da Coruña. Á idade de 7 anos comeza os seus estudos primarios cunha mestra dunha aldea veciña, Pedrouzos. A propia Isabel Ríos conta os seus anos de estudante no seu libro Testimonios de la Guerra Civil: "A miña educación foi esmerada. Aos doce anos escribía lembranzas pero aprendín a fregar os pratos, prender o lume soprando até que me mareaba, varrer, facer a cama, e prover a cheminea para toda a tempada de inverno...".

Realizou varios intentos de exame por libre na titulación de Perito Mercantil, até que se presenta a unhas oposicións para Facenda, nas que conseguiu unha praza na Subdelegación de Xixón.

Antes de partir ao seu destino laboral coñece a Calvelo, quen se atopaba veraneando en Curtis. Cóntanos Isabel: "Calvelo rematou a súa carreira de Medicina dous meses máis tarde do debido, a causa dunha folga dos estudantes contra a ditadura do xeneral Primo de Rivera. O 29 de xuño de 1929 veu a Curtis e díxome: Pinti, ¿casamos e ímonos a Canarias? -Bueno, casemos!-, e o sete de xullo estabamos casados... alí estivemos dous felices anos vivindo en Los Llanos (illa de La Palma). O primeiro ano, Calvelo dedicouse única e exclusivamente á súa profesión. O segundo, proclamada a República con gran entusiasmo en toda España, espertou na xente un grande interese pola política. Calvelo sacou tempo non sei de onde, pois o seu traballo profesional era enorme, e organizou o Partido Socialista e dous sindicatos de tabaqueiros...".

En 1932 o matrimonio Calvelo Ríos trasladouse a Curtis para ter o primeiro fillo; ese mesmo ano a familia múdase a Madrid co obxectivo de irse posteriormente a Alemaña para que o seu marido fixera o doutoramento. Coa chegada de Hitler ao poder, Calvelo e Isabel deciden quedar en Madrid, onde el traballaba como profesor adxunto na Cátedra de Patoloxía do profesor Roberto Novoa Santos.

En 1934 Isabel afíliase ao Partido Comunista e, aproveitando unha das tantas viaxes que realiza a Curtis, organiza a primeira célula. Despois de traballar en Madrid, Isabel foi trasladada a Lugo, a onde ía todos os días dende Curtis.

O 18 de xullo a noticia da sublevación vai tomando corpo. O 5 de agosto a parella Calvelo Ríos é detida e trasladada a Curtis. Ao día seguinte foron levados ao cárcere de Santiago. Alí descobren que foran fusilados Ánxel Casal, Camilo Díaz e outros moitos militantes de todos os partidos. Despois de varios meses, o 19 de decembro as autoridades facciosas realizan unha farsa xudicial condenando o matrimonio á pena de morte.

O día 24 estaba todo listo para o fusilamento pero as autoridades postergárono para o 31 de decembro. O día 30 os dous condenados aproveitan os últimos minutos das súas vidas para falar: "Durante as tres últimas horas da súa vida, charlamos das nosas cousas, da nosa vida en común, do noso amor, dos nosos problemas. Charlamos a través do asexadoiro cos compañeiros que seguirían o mesmo camiño en días sucesivos...". Esa mesma noite, cando a súa cela era pechada, os funcionarios da prisión comunícanlle que lle conmutaran a pena. O 31 de decembro de 1936, pouco antes da hora en que ía ser fusilada, as autoridades conmútanlle a pena pola de reclusión perpetua, mentres que Manuel Calvelo era fusilado ese mesmo día co orgullo de morrer por unha causa xusta.

Isabel Ríos percorrerá distintos cárceres durante sete anos: Santiago, Saturrarán e Betanzos, e será posta en liberdade condicional en 1943.

En 1946 trasládase a vivir á cidade da Coruña, na rúa Riego de Agua. O acoso policial era incesante e Isabel decide marchar a Bos Aires, onde ten familia, para deixar os seus fillos ao seu coidado e ela voltar a Galicia para incorporarse á guerrilla. O 18 de xullo embarcou cos seus fillos rumbo a Río da Prata. No seu desexo estaba que os seus fillos puidesen trasladarse desde a Arxentina até a Unión Soviética para que puideran estudar. Pero a realidade foi moi distinta, Isabel e os seus fillos tardaron moito tempo en atopar o vínculo co Partido Español e cando o conseguiron non foi o esperado. Aínda así reiniciou a súa militancia comunista no seo da emigración. Incorporouse á Federación de Sociedades Galegas, onde participou na comisión feminina e na de cultura. Por aqueles anos a incidencia dos comunistas nesta asociación era moi grande. Intelectuais galeguistas da valía de Arturo Cuadrado, Ramón de Valenzuela, Eduardo Blanco Amor, Mariví Villaverde e Luís Seoane estaban dentro desa órbita política. Logo sumaríase, entre outros, Lorenzo Varela.

Nos principios dos anos 60 cos cambios producidos en China, Isabel e un grupo de comunistas comezan a ter diferenzas ideolóxicas co partido que comandaba Carrillo. Nesta etapa política este dirixente comunista propiciara o desmantelamento da resistencia guerrilleira e falaba da Unión Nacional. Íanse cultivando dentro do partido os xermes que anos despois desembocarían no eurocomunismo. As disidencias irán en aumento até que son expulsados por seren considerados "fraccionistas". En 1966 debido ao golpe militar de Onganía, o fillo de Isabel Ríos trasládase a Chile e ela séguelle os pasos. Roberto Calvelo foi contratado polo Ministerio de Educación deste país. En 1971 pasou a ser consultor da FAO. En 1973 volve outra vez ao exilio, o golpe de Pinochet obrígaa a saír rapidamente deste país e trasládase a Perú. En 1975 o seu fillo Manolo invítaa a pasar unhas vacacións ao estado español; chega uns días antes da morte de Franco. Esta visita pasaría a ser permanente, xa que ao pouco de chegar consegue reincorporarse no seu posto laboral no Ministerio de Facenda e establécese en Madrid. "Non me levou á loita ambición ningunha, mellor dito, levoume unha ambición inmensa, a de querer achegar o meu gran de area á transformación dunha sociedade inxusta, deshumanizada, cruel, noutra máis xusta que abarcase a todos os seres e na que todos atopasen a posibilidade de vivir a nivel humano...".

Isabel Ríos faleceu en Madrid o 17 de xuño de 1997. A súa apaixonante historia énchenos de orgullo pola súa valentía e a súa confianza nuns ideais que querían cambiar o mundo.

Fondos fotográficos procedentes do Arquivo da Emigración Galega

Como citar: García López, Emilia : Isabel Ríos. Recuperado o 26/02/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3354 DOI: 10.17075/adg.3354]

Bibliografía

- CARBALLA, X., “Isabel Ríos, condenada a morte”, Nosa Terra. A nosa historia , n. 1 (2 de marzo 1987), p. 6-10.
- RÍOS LAZCANO, I., Testimonio de la Guerra Civil 1ª ed., Sada (A Coruña), Ediciós do Castro, 1986, (Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia; 20)