f Reveriano Soutullo | Álbum de Galicia | Consello da Cultura Galega

Reveriano Soutullo

Ponteareas, 1880 - Madrid, 1932

Biografía

----

Reveriano Soutullo

Ponteareas, 1880 - Madrid, 1932

Un dos grandes creadores de zarzuela

Aprendeu música dende moi neno co seu pai, director da Banda de Redondela. Despois estudio con Segundo Fernández Cid, director da Banda de Ponteareas. Con catorce anos dirixiu o Orfeón de Tui e en 1900, foi estudar ó conservatorio de Madrid, onde lle deron clase Arín e Fontanilla e composición, Fernández Grajal. Graduosuse en 1905. Neses anos sufriu unha infección de oído que lle deixou medio xordo. Entre 1906 e 1907 voltou a Vigo. No teatro Tamberlick desta cidade, estreou a zarzuela El regreso. Dende alí marchou ó estranxeiro cunha bolsa de estudos. O ambiente musical de Italia, Alemania e Francia influíronlle moito; especialmente Debussy e Ravel.

Á súa volta a Madrid comezou a compoñer zarzuelas, xénero que daquela gozaba dun grande éxito, en solitario ou en colaboración con outros músicos. Tamén compuxo obras para piano e canto e obras para banda de música.

Colaborou con compositores como Tena, Pablo Luna e Enrique Estela. No período 1919-1931 asociouse con Juan Vert e, entre ámbolos dous, compuxeron máis dunha vintena de zarzuelas, algunhas das máis famosas: El último romántico, La del Soto del Parral, La leyenda del beso, El regalo de boda, La caída de la tarde, El capricho de una reina, etc.

Morreu en 1932, tras unha operación do oído dereito que derivou nunha bronconeumonía.


La leyenda del beso ten libreto de Enrique Reoyo, José Silva Aramburu e Antonio Paso. A música está composta por Reveriano Soutullo e Juan Vert. Esta zarzuela consta de dous actos, dividida en tres cadros. A súa estrea foi no Teatro Apolo de Madrid o 18 de xaneiro de 1924. Supuxo un grande éxito e levou á fama ós dous compositores.

O libreto é un expoñente da zarzuela levada ó terreo da opereta, con certos toques melodramáticos. A música, de indudable calidade, pódese considerar como unha ópera en si, dado o tratamento tan profundo das voces e a riqueza orquestral que obrigan a dispor de grandes cantantes e músicos para interpretala.

A composición seleccionada, Intermezzo, corresponde ó acto segundo, cadro segundo. Trátase dun fragmento orquestral, extraído do disco de lousa da compañía discográfica Regal, co número de catálogo RS 1007, e datado en 1928. A interpretación corre a cargo da Orquesta Regal, formación ad hoc que as propias compañías discográficas xuntaban puntualmente para gravar acusticamente, nos anos vinte, os éxitos do momento.

Este disco de lousa forma parte da ampla colección de discos de 78 rpm. do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, que está dixitalizada, restaurada e ao dispor dos investigadores.
Arquivo Sonoro de Galicia

Como citar: Reveriano Soutullo. Recuperado o 28/10/2020 do Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3812

Audios

Reveriano Soutullo: La leyenda del beso. Intermezzo.

En: Orquesta Regal.
La leyenda del beso. Intermezzo
Regal, RS 1007, 1928
Procedente do Álbum da Ciencia