Lolita Díaz Baliño
A Coruña, 6/ 1/1905 - A Coruña, 3/11/1963Autoría: Rosario Sarmiento Escalona
A ilustradora da muller moderna
As fontes documentais que reflicten os anos nos que viviu Lolita Díaz Baliño fan referencia ao seu traballo como debuxante e ilustradora, á súa actividade expositiva, ao seu labor docente..., pero todo isto desaparece tras o seu pasamento. Fagocitada pola historia, tanto a súa figura como a súa obra aparecen envoltas na nebulosa do tempo e do esquecemento.
A vinculación co mundo da arte de Lolita Díaz Baliño estará marcada pola súa familia, os Díaz Baliño, unha ampla saga de artistas na que destaca Camilo, o irmán maior. O seu maxisterio será fundamental na construción do mundo creativo da ilustradora.
O seu universo despunta nos felices anos vinte, un momento de certa apertura e transformación para as mulleres que se incorporan con decisión á vida pública e social, que traballan máis alá do doméstico e poden decidir o seu destino, logros que se verán cernados cando o franquismo reforce de novo o restritivo modelo de muller nai e esposa. Lolita Diaz Baliño vivirá e reflectirá a modernidade, pero tamén soportará o peso dunha sociedade na que ser artista e muller pasaba por cumprir as demandas da arte máis conservadora ou, por suposto, dedicarse á docencia, como aconteceu no seu caso.
En 1925 publica os seus primeiros debuxos na revista Mariñana, cunha clara influencia costumista no modo no que retrata ás mulleres. Son os seus inicios no mundo da ilustración, ao que achegará unha linguaxe nova e sen parangón en Galicia. Entre 1927 e 1931 colabora coa revista Céltiga, dando continuidade á mesma liña argumental e estilística: personaxes femininas cun inequívoco aire folclorista e costumista, pero que xa vai aderezar e sofisticar cun aceno de modernidade.
Un estilo diferente marcará o seu traballo en Galicia e Galicia Gráfica entre 1925 e 1929. Dirixida por Fernando Montero Doitzua, foi unha revista que buscaba reflectir a vida dunha cidade cosmopolita, galeguista e republicana, como era a capital coruñesa dos anos vinte e trinta. Publicará numerosas ilustracións, nas que perfila un novo modelo de muller: activa, traballadora, deportista, mundana... En todas elas recrea unha muller idílica e sofisticada, de silueta estilizada e cabelos curtos, vestida á moda, con sombreiros e vestidos de aire oriental. Son mulleres que aspiraban a ser donas do seu destino, plasmadas cun debuxo sinxelo pero dinámico e preciso. Serán as mesmas que protagonizarán as súas sorprendentes colaxes, debuxos e acuarelas, nas que amosa un extraordinario dominio da cor e do debuxo. O mundo oriental, o mundo das fadas e dos soños, converteranse en temática recorrente protagonizada por figuras femininas: sensuais, con cabelos ou roupaxes flamexantes e de gran riqueza decorativa. Na posguerra, esas mulleres libres e sen prexuízos convértense en personaxes de acento costumista e popular, como ocorre no Tríptico gallego. Xa non hai cor, senón tintas escuras. Eran tempos escuros. Non eran momentos para que as mulleres puidesen mostrar ningún signo de modernidade.
En 1928 colabora coa editorial Nós, ilustrando a portada do libro de Xulio Sigüenza Cantigas e verbas ao ar. Non será a súa única achega ao ámbito editorial: na posguerra colaborará nos contos infantís O xoves de Mariquita e Rosita e Mariquita e Currucú.
En 1929, a Deputación da Coruña concédelle unha bolsa para ir á Escola de Belas Artes de Madrid, unha axuda que puido resultar decisiva para o seu futuro, pero á que renuncia por motivos persoais. Non foi unha decisión trivial. De novo a súa condición de muller marcará a súa carreira, abocándoa anos máis tarde ao esquecemento e á inexistencia.
O golpe de Estado e o inicio da Guerra Civil foron acontecementos moi traumáticos para a familia Díaz Baliño. Camilo, o irmán máis vello, é asasinado. A realidade tivo que ser moi dolorosa para Lolita, o que faría que vivise a guerra e a posguerra cun claro apoio aos que a gañaron.
En 1938 ingresa como académica de número na Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario. Na mesma data ingresará tamén Carmen Corredoyra, converténdose así nas primeiras mulleres en formar parte desta institución.
Desde o fin da guerra ata o seu pasamento en 1963, Lolita vaise dedicar fundamentalmente á docencia, compaxinando o traballo na Escola de Artes e Oficios da Coruña coas clases no seu estudio coruñés, onde se formarán moitas alumnas e alumnos de diferentes xeracións.
En 1951 realiza a súa primeira e practicamente única exposición individual na Coruña. Nunha entrevista publicada nese momento, Lolita fai toda unha declaración de principios do que neses anos supoñía para as mulleres desenvolver unha carreira profesional como artista: enfrontarse a un traballo mediatizado polos estereotipos e prexuízos dunha sociedade que antepoñía a súa condición de mulleres ao interese e ás achegas do seu traballo.
Os soños formaron parte da realidade, do mundo cheo de cor e fantasía que ao longo da súa vida creou Lolita Díaz Baliño. O seu debuxo firme, seguro e preciso, apréciase tanto nas súas ilustracións, acuarelas e sanguinas coma nos bosquexos máis simples. O seu nome aparece unido a un xeito de ilustrar un mundo feminino refinado e elegante nuns momentos en que iso simbolizaba novos aires de liberdade para as mulleres, que ela mesma arelaba. Gustaríame ser home para poder ir ao estranxeiro, viaxar soa, vivir libre, estudar, pero na miña calidade de muller e... claro, demasiado nova para ir por eses mundos. Hai que se conformar
. Nese conformarse
posiblemente estivera o cerne da realidade soñada na que Lolita Díaz Baliño viviu.
Bibliografía
Bangueses Vázquez, Mercedes (2011): «Catálogo de Ilustraciones. Libros». En Carballo Calero, M. V.; Varela Barrio, J. A (eds.): La Ilustración Gráfica en Galicia 1880-1936. Ourense: Duen De Bux.
Bugallal Marchesi, Jose Luis (1950): Un coruñés en el paisaje de la crítica nacional de arte: Benito Rodriguez-Filloy. Discurso lido ante a Real Academia Provincial de Bellas Artes Nuestra Señora del Rosario e contestación de Dolores Díaz Baliño. A Coruña: Imprenta Sindical
Díaz Ripoll, Carolina (2014): «Dolores Díaz Baliño e a búsqueda da felicidade» , Luzes, A Coruña, n.º 2, p. 98-99.
Liaño Pedreira, Dolores (1991): «La promoción de las artes en la provincia: pensiones y pensionados de la Diputación de A Coruña». En Catálogo del patrimonio artístico de la Diputación de A Coruña. Pintura y escultura, Tomo 1. A Coruña: Deputación Provincial.
Ortega Romero, M.ª del Socorro (1993): «Dos pintoras miembros de la Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario». En Marco, Aurora (coord.): Simposio Internacional Muller e Cultura. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións.
Sarmiento Escalona, Rosario (2021): Lolita Diaz Baliño. A realidade soñada. Fundación Luis Seoane. A Coruña: Concello.
Como citar: Sarmiento Escalona, Rosario : Lolita Díaz Baliño. Publicado o 1/11/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4599. Recuperado o 16/08/2022
Ligazóns de interese
Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada. Exposición na Fundación Luis Seoane. A Coruña, 2021
[Última consulta: 25/10/2021]
Homenaxe a Lolita Díaz Baliño no web da Asociación Galega de Profesioanis da Ilustración no día da Ilustración 2021
[Última consulta: 25/10/2021]
Homenaxe a Lolita Díaz Baliño no web da Cidade da Cultura no Día da Ilustración 2021
[Última consulta: 25/10/2021]
Lolita Diaz Baliño no Calendario 2018 da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
[Última consulta: 25/10/2021]
SUAREZ SANDOMINGO, JM. (2017): «Dolores Diaz Baliño, una pintora simbolista». Publicado no portal Galicia Digital
[Última consulta: 25/10/2021]
O número 124 da revista Celtiga (25/02/1930), p. 13, recolle un artigo de Julio Sigüenza dedicado a Lolita Díaz Baliño, un dos novos valores na arte da época en Galicia.
[Última consulta: 25/10/2021]
Lolita Díaz Baliño en A Coruña das mulleres
[Última consulta: 28/10/2021]
Lolita Díaz Baliño na Galipedia
[Última consulta: 25/10/2021]
Unha ducia de ilustracións de Lolita Díaz Baliño no web praza.gal
[Última consulta: 25/10/2021]
Mulleres e artes visuais en Galicia. Monografía temática na que, entre outras artistas, se recolle a figura de Lolita Díaz Baliño.
[última consulta: 26/10/2021]
Videos
Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada. Documental dirixido por Xurxo Lobato e producido pola Fundación Luis Seoane. A Coruña, 2021.
[Última consulta: 25/10/2021]
Procede do Álbum de Galicia
Video da AGPI dedicado a Lolita Díaz Baliño no Dia da Ilustración 2021
[Última consulta: 25/10/2021]
Procede do Álbum de Galicia
«Lolita Díaz Baliño. Ilustradora de soños». Relatorio de Rosario Sarmiento Escalona no ciclo de conferencias Anuario Brigantino, Betanzos, 2021.
[Última consulta: 25/10/2021]
Procede do Álbum de Galicia
Artigos Lolita Díaz Baliño
DíAZ BALIñO, L. (2011) ¡Vida nueva!. Festa da palabra silenciada. (27), 114.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
DíAZ BALIñO, L. (2011) [Alegoría de aninovo do 1934]. Festa da palabra silenciada. (27), 119.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;
DíAZ BALIñO, L. (2011) [Cartel] Gran vino Sansón / da fuerza y vigor. Festa da palabra silenciada. (27), 122.
Ver ilustración Fonte da dixitalización: Feministas Independentes Galegas;