PLENARIO

----
Electivo/a (2018 - )

Elena Vázquez Cendón

Consello da Cultura Galega


Licenciada e doutora pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Iniciou o seu labor docente na USC en 1987 en diferentes escolas universitarias e na actualidade é docente no grao de Enxeñaría Informática na ETSE e no máster en Matemática Industrial na Facultade de Matemáticas. Decana deste centro desde 2017.


Forma parte do grupo de investigación en Enxeñaría Matemática. A temática da súa investigación ten diferentes ámbitos de aplicación e destaca a programación do código Iber de libre disposición deseñado para o cálculo das correntes de mareas nas rías galegas e agora aplicado para prevencións de inundacións en diferentes rexións do mundo. Liderou tres proxectos de investigación, participou noutros doce proxectos e cinco contratos e dirixiu dúas teses de doutoramento. Formou parte dos comités científicos e/ou organizadores de vinte actividades de investigación, sendo a coordinadora do Congreso internacional Numerical Methods for Hyperbolic Equations: Theory and Applications.

Ten publicados trinta artigos científicos en revistas e é coautora doutros vinte e cinco documentos científicos, que conxuntamente superan as 4400 citas. É editora de tres monografías e autora de dous libros. Presentou máis de sesenta traballos en congresos e seminarios, e participou na autoría doutros vinte.

Forma parte da Sociedad Española de Matemática Aplicada (SEMA) desde a súa constitución; da Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA) e da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica DivulgACCIÓN. Foi membro da Comisión Profesional da Real Sociedad Matemática Española (RSME) e tamén da Comisión de Mulleres e Matemáticas da RSME. Coordinadora (2014-2018) do programa de Estímulo do Talento Matemático (ESTALMAT-Galicia) para nenos e nenas de 12 a 15 anos. Actualmente é a responsable dos egresados e das actividades CTEM. É membro do Instituto de Matemáticas da USC e investigadora adscrita ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial. É membro do European Consortium for Mathematics in Industry (ECMI) Council desde abril de 2020.

É unha figura activa na divulgación científica en programas como “A ponte entre o Ensino Medio e a USC”, “Muller e Ciencia” e o ”Programa Diana e Ada”, na campaña “En galego tamén se fai Ciencia” e en diferentes medios de comunicación.

Histórico no Consello da Cultura Galega
Retrato