Voces centenarias

Bibiano F. Osorio-Tafall

Voces centenarias

Unha testemuña sonora da súa intensa actividade pública

Osorio-Tafall no Álbum de GaliciaBibiano F. Osorio-Tafall é unha das grandes figuras poliédricas da cultura e da política galegas. A súa lealdade a prol da República obrígao en 1941 ao exilio mexicano. Alí continúa traballando no eido científico -bioloxía mariña e xenética vexetal- dende diversos postos docentes e de investigación. Non descoida, porén, o seu contributo político-social e en 1948 acada un posto de alto funcionario de Nacións Unidas, no que asume distintas responsabilidades, sempre a favor do desenvolvemento económico e político das zonas en que traballa. Deseguido móstranse tres gravacións que son testemuños da súa actividade pública.






Las Naciones Unidas y la solidaridad universal




Esta conferencia, "Las Naciones Unidas y la solidaridad universal", dítaa no Centro Galego de Bos Aires o 26 de xullo de 1957. Como director rexional da FAO para o sector occidental de América Latina dende 1949, Osorio-Tafall debuxa as liñas económicas precisas para acadar o desenvolvemento económico desa zona. A conferencia non está completa pero o seu valor documental é innegable e forma parte das Xornadas Patrióticas Galegas de 1957.

Duración: 34'59''
Sinatura: COBA-CON/40.
Fondo: Colección Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG






El mar como fuente de materias primas




O traballo científico de Osorio-Tafall abrangue a agronomía, a bioloxía mariña, a xenética vexetal e a hidrobioloxía, entre outros eidos. En todos eles as súas investigacións tiveron gran repercusión na comunidade científica. Cabe destacar, pola importancia para a nosa economía, os estudos sobre a pataca e as súas enfermidades. Esta conferencia de xullo de 1957, "El mar como fuente de materias primas", impartida na Facultade de Ciencias Económicas de Bos Aires, trata sobre os recursos pesqueiros de Arxentina: as áreas produtivas e a necesidade da súa conservación. Só se conserva un fragmento.

Duración: 08'34''
Sinatura: COBA-CON/41
Fondo: Colección Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG






Coloquio sobre os problemas da cultura galega




O 18 de agosto de 1957, dentro das Xornadas Patrióticas Galegas, onde o convidado de honor é V. Paz-Andrade, organízase o Coloquio sobre os problemas da cultura galega, no que participan distintos persoeiros da colectividade galega en Arxentina (Núñez Búa, R. Dieste, R. de Valenzuela...). Aproveitando a súa estadía, Osorio-Tafall intervén cunha visión ampla e progresista do tema. Nesta ocasión emprega a lingua galega.

Duración: 09'32''
Sinatura: COBA-XUN/7
Fondo: Colección Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG