Antón Fraguas
Voces centenarias
Un traballador obstinado na recollida do coñecemento etnográfico de Galicia.
Antón Fraguas Fraguas sintetiza o coñecemento etnográfico de Galicia. A sabedoría popular do noso país recóllea nun traballo laborioso e obstinado a prol da nosa historia e da nosa identidade.O profesor e etnógrafo de Cotobade convértese, dende as aldeas e dende as institucións sobranceiras nas que participa ‒por exemplo, o Museo do Pobo Galego‒, no exemplo que seguir para os seus numerosos discípulos na recuperación, análise e revitalización da nosa cultura inmaterial.
O culto ás pedras
Dentro das 5ªs Xornadas da Cultura Galega organizadas por Caixa Galicia en Ferrol, ten lugar o ciclo: Mitos e crenzas en Galicia. Antón Fraguas participa nel e o 9 de maio de 1983 pronuncia a conferencia “O culto ás pedras”. Co seu saber inmenso sobre o imaxinario popular galego, fainos un percorrido polos usos e significados míticos que as pedras acadan para o noso pobo (pedras curativas, pedras abaladoiras, pedras de rogación, pedras de adiviñación, pedras mortuorias...).
Duración: 54'09''
Sinatura: NCFE_0334 .
Fondo:Colección Afundación. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Armando Cotarelo Valledor
Caixa Galicia organiza o ciclo Cinco galegos na lembranza en 1984 na súa Aula de Cultura de Ferrol. O protagonista da charla do 11 de maio é Armando Cotarelo Valledor. Antón Fraguas debuxa o retrato do filólogo e escritor, a quen se lle dedica ese ano o Día das Letras Galegas. Con sentidas palabras para quen foi o seu profesor, Fraguas fala da súa obra como creador, fixándose nas súas obras dramáticas (Hostia, Beiramar, Lubicán).
Duración: 1 h.11''
Sinatura: NCFE_0428 .
Fondo: Colección Círculo das Artes de Lugo. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG
Festas e romarías galegas: o Corpus
“Festas e romarías galegas: o Corpus” é o título da conferencia que dita o profesor Fraguas o 9 de maio de 1986, dentro do ciclo Folclore e etnografías galegas, organizado pola Agrupación Folclórica e Cultural Terra Meiga de Ferrol. Coa minuciosidade que caracteriza as súas intervencións, detalla os elementos etnográficos do Corpus e sinala a súa orixe, cun preámbulo onde diferencia entre festa e romaría.
Duración: 56'25''
Sinatura: NCFE_0572
Fondo: Colección Afundación. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG


