Lois Tobío
Voces centenarias
Diplomático e galeguista clave da segunda metade do século XX.

Entrevista a Lois Tobío (1)
En 1986, Xan Carballa entrevista a Lois Tobío para o especial de A Nosa Terra, publicado o 2 de marzo de 1987, O 36 na Galiza (A Nosa História, 1). Neste fragmento, gravado na súa casa de Madrid en 1986, o diplomático e galeguista debuxa os inicios do Seminario de Estudos Galegos, no ano 1923, cando el inicia os seus estudos universitarios. Destaca o total apoio e pulo do catedrático da Universidade de Santiago de Compostela Armando Cotarelo Valledor e o traballo interdisciplinario e colectivo.
Duración: 10'05''
Sinatura: ANTE-ENT/52
Fondo: Col. Xan Carballa-A Nosa Terra. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
Entrevista a Lois Tobío (2)
Noutro fragmento da entrevista anterior, Lois Tobío reflexiona con lucidez sobre a imparcialidade dos estudos históricos. Afirma, con vehemencia, que «a verdade histórica é unha falacia. Só existen hipótesis históricas, que se retocan, se melloran, cambian…». Na súa argumentación conclúe, ao destacar a función que desenvolven as lendas e os mitos, que estes desempeñan un papel fundamental no estudo dunha cultura, xa que ambos os dous recollen, imaxinariamente, as aspiracións dun pobo.
Duración: 06'32''
Sinatura: ANTE-ENT/52
Fondo: Col. Xan Carballa-A Nosa Terra. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.
A lección dos precursores
O 27 de xullo de 1956, nas Xornadas Patrióticas Galegas que organiza o Centro Galego de Bos Aires, Lois Tobío pronuncia a conferencia «A lección dos precursores». Cunha exquisita análise antropolóxica salienta a xeración dos precursores do Rexurdimento como a ligazón fundamental para chegar ao presente de 1956, momento en que se precisa acción constante e firmeza política para acadar un galeguismo activo e social.
Duración: 27'51''
Sinatura: COBA-CON/70
Fondo: Col. Centro Galego de Bos Aires. Arquivo Sonoro de Galicia. CCG.