Información
O Consello da Cultura Galega vén de editar a obra de Concepción Arenal “A muller do porvir”, publicada por vez primeira en 1869 e reeditada en numerosas ocasións. Este volume, en tradución de María Alonso Seisdedos e con prólogo da especialista María Dolores Ramos, ten un valor engadido porque reúne, ademais dos pensamentos de “A muller do porvir”, a crónica das «Conferencias dominicales» celebradas na Universidade de Madrid para a educación da muller e unha escolma das «Cartas aos delincuentes», destinadas a instruír acerca das nocións máis básicas que fundamentan o dereito, en especial o dereito penal.

As súas ideas, pioneiras no seu día, teñen aínda vixencia (superadas en moitos aspectos) e ofrécennos a oportunidade de virar a ollada cara á situación das mulleres. Farémolo na voz de mulleres que participaron no acto inaugural da nosa conmemoración do Bicentenario de Concepción Arenal, o 31 de xaneiro de 2020 no cárcere da Lama. Rosario Álvarez, Mabel Rivera, María Xosé Porteiro, Isabel Naveira, Celia Pereira Porto e Inma López Silva lerannos as“Conclusións” de “A muller do porvir”.