Ciclo en liña: Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19

ESTRATEXIAS E FERRAMENTAS

Xestión e políticas culturais nos concellos. Retos ante a Covid-19

Ante a crise da Covid-19, o sector cultural foi un dos primeiros en paralizar a súa actividade e, segundo indican todas as previsións, será dos últimos en poder retomala de forma similar a como se viña desenvolvendo ata marzo de 2020. O tempo que isto leve é a grande incógnita, pero tamén como serán os pasos graduais que se deban transitar neste camiño. Froito das incertezas do momento, os distintos sectores e disciplinas culturais teñen activado espazos de xeración de ideas, e sobre todo de demanda de medidas urxentes ante as administracións central e autonómica. Con todo, resultará esencial o papel da acción cultural municipal, pública e de proximidade, para o futuro do sempre fráxil sector cultural privado e social, tanto profesional como amador. E o máis importante, para garantir o dereito de acceso á cultura para a cidadanía. Urxe, polo tanto, abrir espazos públicos de reflexión neste ámbito, onde poder compartir os retos, ferramentas e posibles estratexias que poden activarse a curto, medio e longo prazo. Con este obxectivo, o Consello da Cultura Galega promove este ciclo articulado arredor de tres encontros en liña, coordinados por Sergio Lago, con canles abertas á participación e coa posterior publicación das principais ideas que xurdan neste proceso.

Información
Estratexias e ferramentas
(na nova normalidade)


Despois das sesións "Onde estamos? Cara a onde camiñar?" (14 de maio) e "Reflexións inspiradoras" (28 de maio), nesta terceira e última entrega recollemos unha serie de doce micro-entrevistas a axentes culturais do ámbito público e privado, que iremos publicando en catro bloques diarios dende o martes 9 ao venres 12 de xuño. Achegarémonos da súa man aos principais ámbitos e liñas de acción que, durante as primeiras conversas, identificáronse como prioritarias para abordar o futuro inmediato da xestión e políticas culturais en Galicia. Coñecemos así os puntos de partida e as aprendizaxes adquiridas durante as semanas de confinamento e desescalada, recollemos propostas de estratexias e ferramentas para re-activar as programacións, explorar novos formatos, abordar a transformación dixital e coidar o ecosistema cultural do territorio, especialmente o máis próximo, nos meses que veñen.

Venres 12 de xuño | A transformación dixital

Un dos aspectos clave nestes meses foi observar o grao de madureza do proceso de transformación dixital no que estamos inmersos como sociedade. Tanto as oportunidades como as carencias visibilizáronse de xeito nítido e sobre elas conversamos nesta entrega. Primeiro achegámonos á labor de dinamización TIC, unha figura moi vinculada ata agora coa alfabetización dixital de persoas maiores, pero que cada vez resulta de maior importancia en calquera estratexia sociocultural integral dunha administración pública. As necesidades de capacitación e inclusión para reducir as fendas existentes son claramente interxeracionais. E sobre elas debemos traballar para que todas poidamos exercer unha cidadanía dixital plena, sen deixar a ninguén atrás. Con este obxectivo, da inclusión dixital, analizamos as grandes oportunidades que nos ofrece o traballo en cultura, co patrimonio inmaterial, coa creatividade ou con temas sociais próximos. E de como facelo a través dunha estratexia de dinamización e mediación dixital adecuada á entidade e ao seu territorio. Así, as posibilidades de promover narrativas sobre a realidade máis próxima e de identificar e acompañar as que a nosa veciñanza xera de xeito espontáneo na Rede, é outro dos retos a abordar. Podemos facelo da man das novas xeracións creadoras que xa están a desenvolver contidos coas linguaxes e ferramentas dixitais, pero tamén cunha labor de escoita, selección e arquivo activo.

Finalmente, pechamos a conversa incidindo na importancia de contar xa coa contorna dixital como un espazo de acción sociocultural ineludible, no que poder garantir a participación e a existencia dunha visión propia dende a nosa realidade. Algo imprescindible dentro da inmensa, pero cada vez máis concentrada, unificada e globalizada, oferta de contidos dixitais audiovisuais.

Carmen Suárez (dinamizadora TIC en San Sadurniño)
12’04” | Ruth Sousa (socia e responsable de comunicación en BenCuriosa)
19’48” | María Yáñez (directora de Vinte)




Xoves 11 de xuño | Os novos formatos

A situación excepcional do confinamento fixo agromar iniciativas socioculturais e artísticas que experimentaron novos xeitos de facer chegar cultura, virtualmente, á poboación confinada. Moitas entidades víronse obrigadas a explorar, algunhas por primeira vez, as posibilidades do ámbito dixital. Tamén, xa na posterior desescalada, xorden novos formatos adaptados ás limitacións de cada fase. Preguntamos a tres axentes do ámbito público, privado e da comunicación cultural, polas aprendizaxes adquiridas e por cales destas novas prácticas e ferramentas pensan que poden perdurar na “nova normalidade”. Finalmente, abordamos como poder garantir no ámbito dixital formatos de contratación sostibles economicamente para profesionais e artistas.

Vanesa Siso (concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade no Concello de Vilalba)
• 5’45” | Nacho Fungueiriño (socio de Culturactiva)
• 15’04” | Marcos López (director de Viva Lugo)



Mércores 10 de xuño | O coidado do tecido cultural do territorio

Unha das maiores preocupacións do momento actual na cultura é o impacto da Covid-19 no presente e futuro do fráxil sector privado. Aínda que o primeiro que se nos veña á cabeza sexa o ámbito empresarial e artístico, o certo é que gran parte da actividade cultural do país, tamén importantes eventos e programacións socioculturais, está sustentada polo tecido asociativo e amador. Fóra do foco mediático, sen organizacións sectoriais que defendan os seus intereses específicos e cunha estrutura financeira e profesional aínda máis feble có sector profesional, a supervivencia de moitas iniciativas pode perigar co cese de actividade e as dificultades para aplicar protocolos de seguridade. Preguntámonos como pode orientarse o traballo municipal en cultura para protexer este tecido. Por outra parte, grazas á súa maior organización, o ámbito profesional e empresarial logrou unha certa visibilidade das súas necesidades e demandas, especialmente nas disciplinas máis vinculadas ao directo, como son as programacións artísticas escénicas e musicais. Coñeceremos como se valora a evolución nestes meses da relación cos equipos municipais de cultura, así como algunhas propostas para seguir xerando espazos de cooperación, aprendizaxe e axuda mutua. Finalmente, tamén nos achegaremos a outros enfoques e disciplinas culturais menos visibles, onde creadoras e investigadoras xa viñan traballando en condicións intermitentes e precarias, fóra das lóxicas do mercado.

Dani Cánovas (animador sociocultural no Padroado da Cultura de Narón)
• 8’37” | Emi Candal (socia de Urdime e responsable da Sectorial de Cultura de Unión de Coperativas Espazocoop)
• 18’00” | Fran G. Quiroga (investigador e axente cultural independente)




Martes, 9 de xuño | O camiño da nova normalidade

Neste momento de re-activación da actividade e de re-apertura dos espazos culturais, achegámonos ás claves para poder facelo dende as dúas premisas principais que marcarán esta nova etapa: garantir a seguridade e xerar confianza no público. Abarcamos a situación en eventos ao vivo, tanto ao aire libre como en recintos pechados, e tamén a perspectiva dos espazos expositivos e museísticos.
Ademais do enfoque da oferta de consumo cultural, tanto de programacións artísticas como de xestión de visitas a espazos culturais, tamén nos interesamos por aquelas liñas de traballo máis ligadas á participación social e polo tanto baseadas no relacional e no encontro no espazo físico. Outro elemento de análise é como as urxencias na re-activación da actividade poidan estar desprazando outros retos transversais, de gran importancia ata a chegada da Covid-19, como a sustentabilidade, a accesibilidade, a inclusión ou a participación comunitaria, especialmente no espazo público.

Julio Gómez, co-director de Sinsal
• 8’25” | Xosé Manuel Blanco, presidente da Asociación Galega de Empresas Musicais e responsable de Nalgures Producións
• 22’06” | Encarna Lago, xerente da Rede Museística Provincial de Lugo e membro da Comisión