Violencia comparada II

Formas de violencia de xénero

Violencia comparada II

16 e 18 de marzo de 2021
Santiago de Compostela
Xornada
Formas de violencia de xénero

Violencia comparada II

16 e 18 de marzo de 2021 Santiago de Compostela
No mes de novembro de 2020, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega organizou unha xornada de debate en liña nomeada Violencias Comparadas, que pretendía ofrecer a relevancia da probabilidade estatística como forma de medición da certeza, é dicir, do que está a acontecer na sociedade nun tema tan importante como a violencia sobre mulleres e menores. A relevancia dos cómputos estatísticos en materia de violencia persegue expoñer, dende os diferentes ámbitos estatísticos dos que se dispón neste momento, a importancia de contabilizar o que acontece, así como a necesidade de facer visible a violencia que concorre na sociedade. Esta visibilización estatística como certeza do que está acontecendo implica, ademais, a posibilidade de derrubar os imaxinarios sociais que persisten en temas tan evidentes e que afectan desproporcionadamente ás mulleres, dende a violencia sexual, os asasinatos, as agresións, o impacto psíquico da violencia ata a violencia simbólica.

Da man de expertas na materia como María Debén Alfonso, responsable da Área de Igualdade e Loita contra a Violencia de Xénero na Delegación do Goberno de Galicia; Belén Liste Lázara, da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero na Secretaría Xeral de Igualdade, Consellería de Emprego e Igualdade, Xunta de Galicia; María de Los Ángeles Carmona Vergara, presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, e María Victoria Rosell Aguilar, delegada do Goberno contra a Violencia de Xénero, ofreceuse un estudo dinámico e crítico dende o punto de vista das institucións acerca da situación da violencia sobre mulleres e menores, achegando a recompilación á sociedade, esta gran débeda que todos os poderes públicos temos neste momento, sendo un imperativo inexorable a recollida e análise de todos os datos, así como a súa divulgación, para comprender o funcionamento da violencia e poder combatela.

Violencia comparada II
Esta segunda análise sobre violencia comparada pretende abordar esta outra visión que a partir da recollida de datos estatísticos realizan as organizacións non gobernamentais. A súa achega resulta fundamental para completar as visións dunha temática na que as distintas organizacións veñen facendo un labor nuclear dende os diferentes contextos de violencia, xa sexa como complemento dos labores das institucións públicas, xa sexa cubrindo as carencias destas. Datos nos que se reflicten como as violencias cara ás mulleres e nenas non son uniformes e teñen múltiples manifestacións, a física, a psíquica e a sexual, así como todo tipo de ataques á indemnidade. Isto implica un atentado grave contra os dereitos humanos, impedindo o libre desenvolvemento da muller tanto no ámbito público coma no privado.

Así pois, e logo de escoitarmos as voces institucionais na primeira xornada, nesta segunda, de reflexión e análise, recollemos voces de organizacións non gobernamentais e colectivos que loitan por visibilizar o drama das cifras. Contaremos cos relatorios de Micaela Fernández Darriba (coordinadora do grupo Feministas debatiendo sobre arte feminista); Lara Fuentes Enjamio (FADEMUR), Aurea Grane e Helena Soleto Muñoz (Universidad Carlos III de Madrid). Coma no encontro anterior, ofreceremos os textos e achegas documentais con anterioridade ao debate en directo, no que as expertas debullarán os aspectos máis controvertidos das cifras, o que din e o que agochan, así como a necesidade de achegar recursos para coñecer a dimensión real das violencias que nos rodean.
ASISTENCIA
A actividade non será presencial. Será retransmitida a través do noso web e da nosa canle en youtube nas horas indicadas e logo permanecerá na Mediateca para consultas futuras.
Non é necesaria inscrición previa.
- O 16 de marzo subiranse a emisión gravada dos relatorios e o 18 de marzo terá lugar o debate ás 17:00 horas.
Se queres participar no debate en directo podes facelo a través do correo participa@consellodacultura.gal
MAÍS INFORMACIÓN
www.consellodacultura.gal
difusion@consellodacultura.gal
Consulta os materiais en http://consellodacultura.gal