“Unha das teimas de Antonio Iglesias Vilarelle era a de levar a música popular a unha expresión máis artística e Keltia é un bo exemplo desa intención súa” explicou Cantal na presentación. Neste preludio sinfónico desenvólvense temas populares conservados polos nosos devanceiros e que agora redescobren o verdadeiro celme da terra, unha base que Vilarelle transforma en arte conectando ao mesmo tempo a tradición celta coa música galega e identificándoa como raíz e xénese.
Aínda que Vilarelle compuxo esta peza en 1939 e a enviou a numerosos sitios, a obra non foi estreada ata 1946 en Bilbao, da man da Orquestra Municipal de Bilbao, dirixida por Jesús Arámbarri y Gárate no Teatro Buenos Aires de Bilbao. Existían varias copias da partitura, pero para esta edición empregouse unha das copias que existían no Museo de Pontevedra, cotexada coa que se atopou en Bilbao.
O propio José Antonio Cantal destacou que “con esta edición contribuímos a revitalizar a figura dunha persoa que non se dedicaba a composición, polo que non se pode comparar con outros compositores do momento, pero poucos fixeron este traballo de revitalizar e levar a un teatro ou a un auditorio melodías populares que saen do pobo ou reducidas a un contexto popular”. Ademais, a presidenta situou que a edición se sitúa no ano en que celebramos o centenario do Seminario de Estudos Galegos, e con el “a emerxencia dunhas xeracións irrepetibles que, desde o ámbito do estudo e da creación, mudaron tanto o rumbo que levaba a cultura galega contemporánea coma o nivel de aprecio que esta sociedade tiña do seu estudo e da divulgación do seu coñecemento”.
Apuntamentos biográficos de Antonio Iglesias Vilarelle
Antonio Iglesias Vilarelle (Santiago de Compostela 1891-Pontevedra 1971) foi un intelectual e activista cultural, foi unha longa vida consagrada a Galicia, con especial implicación en Pontevedra xa na primeira infancia e logo o nomeou fillo adoptivo, recoñecida polo seu intenso labor a prol do progreso social, educativo e cultural.
Foi académico de número da Real Academia Galega (1951), onde ingresou cun discurso titulado Os músicos do Pórtico da Gloria, unha escolla significativa, onde repasa os instrumentos musicais esculpidos en pedra por Mateo e os seus discípulos. Estivo atento á música do seu tempo e á evolución das técnicas musicais; foi protagonista de excepción en institucións que asumen o ensino e promoción da actividade musical, como a Sociedade Filharmónica, a Sociedade Coral Polifónica e o Conservatorio de Música, todos de Pontevedra; foi intérprete; foi compositor que nos legou obra nova ou adaptada con títulos que falan por si mesmos (Chucurruchú, Cantiga en sol menor, Nosa Señora da Barca, Os anxeliños da Groria, Pandeirada, Paraño, Abrente...); e, ademais, traballou a prol de normalizar o uso do galego no ámbito musical e fixo as primeiras achegas ao canto litúrxico nesta lingua, como o Miserere e a misa Deus Fratesque Gallaeciae.
A súa entrada pódese consultar no Álbum de Galicia.