Antonio Iglesias Vilarelle foi un fervente servidor de Galicia en moi diversos eidos. Compaxinou a súa profesión en Facenda con múltiples angueiras, principalmente a música. Foi impulsor e posterior director da Sociedade Coral Polifónica e do Conservatorio de Pontevedra, alén de participar no nacemento da Sociedade Filharmónica e na revitalización da Sociedade Arqueolóxica constituída por Casto Sampedro, que conduciu á aparición do novo Museo. Asistiu á Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas instaurada por Losada Diéguez, alicerce do Seminario de Estudos Galegos, no que foi responsable do laboratorio psicotécnico dentro da Sección de Pedagoxía. Uniuse a varias formacións galeguistas e testemuñou o nacemento do Partido Galeguista en 1931. Formou parte do movemento Deus Fratesque Gallaeciae, dirixiu o boletín Logos e traballou pola normalización do uso do galego na Igrexa. Pertenceu ao Padroado Rosalía de Castro e foi asinante fundacional da editorial Bibliófilos Gallegos. Ingresou na Real Academia Galega como membro numerario en 1951 co discurso Los músicos del Pórtico de la Gloria e en 1959 foi nomeado académico da Academia de Belas Artes de San Fernando.
Ademais de creacións de natureza relixiosa (como Miserere ou a misa Deus Fratesque Gallaeciae, en lingua galega), escribiu adaptacións de temas populares ou novas creacións nas que espallou a súa galeguidade, tanto vocais como instrumentais, como O neno ten soniño, Non te namores meniña, Chucurruchú, Cantiga en sol menor ou o preludio sinfónico Keltia, composto en 1939 e estreado pola Orquestra Municipal de Bilbao na cidade vasca en 1946 baixo a dirección de Jesús Arámbarri y Gárate. O título vencéllase a unha forma de denominar a Galicia que nos achega ás vellas correntes celtistas. En consonancia coa tendencia europeísta de tomar, tratar e harmonizar temas populares como sinal identitario, conflúen nela resóns da alma dos países célticos e os máis xenuínos de Galicia. Vilarelle pretende elevar a música popular galega a unha expresión máis artística, a das altas elaboracións da arte, e fundir a innovación coa tradición.

[Data da nota de prensa: novembro 2023]

Título Keltia.
Preludio sinfónico
Música. Composición Antonio Iglesias Vilarelle
Edición José Antonio Cantal Mariño
Obxecto de estudo Antonio Iglesias Vilarelle
Publicación Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2023
Edición 1ª edición
Descrición física 101 p. : il., cor; 30 cm
Notas Contén: LIMIAR/ Rosario Álvarez (p. 10); NOTAS INTRODUTORIAS / José Antonio Cantal Mariño (p. 13); KELTIA /Antonio Iglesias Vilarelle , PARTITURAS (p. 35); PARTICELLAS (p. 67)
ISMN 979-0-9018937-2-6
Depósito Legal C 1826-2023
Url externa papel
Colección autores & textos
Materias
Áreas
Código QR
qr code
Gabinete de comunicación

Presentada Keltia, obra inédita de Jose Antonio Iglesias Vilarelle [Data da nota: 17/11/2023].