NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega recupera a prosa anovadora de Xela Arias na súa publicación de homenaxe

“Pensei que escribir un libro podía ser unha cousa ben inútil”. Así se titula o último conto de “¡Non te amola!” a obra narrativa na que Xela Arias, homenaxeada co Día das Letras Galegas en 2021, ficciona boa parte da súa nenez. Este é o texto que o Consello da Cultura Galega (CCG) recuperou da autora no marco da edición conmemorativa coa que homenaxea á figura escollida cada 17 de maio. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destacou na presentación da publicación que “proclama a importancia da escritura como forma intervención”. Canda ela estaban Darío Gil, fillo da homenaxeada; a profesora Ana Iglesias, autora do estudo crítico do texto; e Bea Gregores, responsable das ilustracións da publicación. Todos eles destacaron que este texto ofrece outras facetas menos coñecidas de Xela. O libro xa se pode descargar de balde desde o sitio web do CCG.

“¡Non te amola!” é unha rareza na produción de Xela Arias. Primeiro porque é unha obra narrativa, a única incursión da creadora viguesa neste xénero. Segundo porque ficciona boa parte da súa nenez e amosa unha biografía emocional dunha infancia que se proxecta na actualidade. E terceiro porque ten a súa propia intrahistoria. Era un texto que a propia autora revisou e gardou nun caixón listo para publicar. Con todo, a obra condensa algunhas das características da súa obra literaria. “Representa moi ben á Xela Arias que sempre levou en si a nena de Ortoá e que nunca deixou de confiar na capacidade transformadora da literatura e da palabra” asegura Rosario Álvarez no limiar do texto editado pola institución. A obra amosa tamén modernidade e vangarda, marcas de identidade da autora e tamén permite exhibir o perfecto dominio do idioma e, en palabras da presidenta, “un impresionante instinto lingüístico que xoga coa gramática explora con mestría as súas claves moito máis alá dos límites nunca antes explorados”.

Edición especial
O Consello da Cultura Galega, na liña habitual de traballo para conmemorar a festividade das letras, fixo unha edición conmemorativa que conta cunha tiraxe limitada de 500 exemplares. O texto vén acompañado dun estudo introdutorio a cargo de Ana Iglesias, amiga persoal de Xela e profesora da Universidade de Vigo; e de sete ilustracións realizadas por Bea Gregores (Vigo, 1985).

Os 16 contos que compoñen esta obra foron escritos arredor dos anos 1990 ou 1991, cando Xela contaba con case 30 anos de idade. Sábese que lle deron unha subvención para publicalos (nos rexistros da Consellería de Cultura e Xuventude, consta unha resolución do 26 de xullo de 1991 pola que lle conceden 25 000 pesetas para a edición) pero decidiu que quedarían no ámbito familiar, renunciou á axuda e gardouno nun caixón, ata agora.

En preto de sesenta páxinas, Xela introdúcese como unha nena de nove anos e permite falarnos da súa familia, pero tamén dalgúns dos seus temas preferidos como a aldea, os medos, a vida ou “a educación, de como esta pode converterse nunha imposición, contra a que te podes rebelar ou tamén aprender a navegar” afirma Ana Iglesias.
A presidenta do Consello da Cultura Galega tamén engadiu que “é unha obra en prosa, escrita nun galego coloquial verosímil como lingua espontánea nunha nena galegofalante; non hai neoloxismos desconcertantes nin equilibrios sintácticos nas fronteiras da gramática senón pura lingua galega nacida da vea máis auténtica do uso popular cotián”.

O texto vén acompañado das ilustracións de Bea Gregores. Unha aposta que segue a liña de acción da institución este ano de apostar polas novas vangardas e que está na liña de acción do que representaba Xela Arias. Gregores apuntou na presentación que “quixen amosan o mundo interior da autora pero desde a miña voz propia”.

O CCG no Día das Letras Galegas
O Consello da Cultura Galega celebra o Día das Letras Galegas cun programa de actividades que se estenden máis alá do 17 de maio e teñen a vontade de percorrer todo o ano. O pasado 4 de marzo, coincidindo co aniversario do nacemento da homenaxeada, presentouse un espazo web que achega información e recursos sobre Xela Arias. Outra das accións fixo confluír no Día da Poesía os versos de Xela Arias cos das novas voces da poesía galega. A próxima cita no calendario será o 16 de maio, no Auditorio do Mar en Vigo (20:00 horas) da man de Laura LaMontagne e PicoAmperio no Concerto das Letras Galegas. Será unha proposta de ambiente hip-hop, con DJ set no que haberá un gran protagonismo audiovisual a cargo do videocreador Borja Bernárdez, coa axuda do deseñador Raul Silva, que executará as luces creadas especificamente para esta cita. O concerto retransmitirase en directo desde o web do CCG e da CRTVG e o día 17 na G2 no marco da programación deseñada para a Televisión de Galicia co gallo da festividade. Ademais, o CCG prepara de aquí a final de ano outras accións encamiñadas a visibilizar o seu traballo como creadora e como tradutora.