A paisaxe de Galicia, tal e como a concibimos hoxe, está a sufrir un proceso de transformación marcada pola perda da biodiversidade e a uniformización. A superficie destinada a plantación de especies de crecemento rápido (eucalipto e piñeiro nomeadamente) incrementouse 53.000 hectáreas nunha década. Fíxoo a conta das áreas que anteriormente estaban ocupadas por masas de piñeiros ou mesturas de piñeiros (50%), áreas non cubertas por arborado (40%) e antes por frondosas (5%). Aínda que estas cifras son do ano 2009, as últimas dispoñibles, indican a magnitude dun problema que afecta principalmente a Galicia e Portugal que suman 1.480.000 hectáreas, á altura de 2021, mentres que no resto de países europeos apenas supón 100.000 hectáreas en conxunto. Os cultivos forestais de eucaliptos teñen, explica o informe, outros efectos: cambios no réxime hidrolóxico, dificultades na fertilidade do solo ou o risco de invasión de parcelas adxacentes... E, por suposto, perda de bosques nativos, especialmente de bosques de ribeira, carballeiras e bosques de encostas. O monocultivo forestal é unha das causas principais, xunto co despoboamento, co abandono da actividade agraria, coa agricultura intensiva, que contribúen á degradación e a afectación dos valores culturais e naturais do país. Nese sentido, o documento presentado insta a que se asuma a paisaxe, e a súa protección, como criterio chave para a ordenación do territorio.
Entre as medidas para protexer a paisaxe da súa degradación pola expansión de plantacións de especies de crecemento rápido, a comisión propón desenvolver medidas en tres ámbitos. O primeiro, a nivel normativo, solicita a implementación definitiva da obriga de que os montes conten con documentos de ordenación; que se revisen as superficies mínimas de actuación que requiren avaliación de impacto ambiental e mellorar a transparencia de información básica (como coñecer o número de denuncias tramitadas e o seu desenvolvemento). Segundo, a nivel de xestión patrimonial, solicita un papel máis activo na catalogación dos bens por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural; que esta entidade emita informes específicos sobre a parcela a intervir e o ben patrimonial afectado e tamén establecer canles de colaboración entre os propietarios e comunidades de montes. Terceiro, en relación coa paisaxe como recurso socioeconómico, pide ter en conta documentos de axencias e organismos internacionais que subliñen a importancia da salvagarda do patrimonio.
O informe tamén destaca nas conclusión que existe un amplo marco normativo que regula de xeito directo ou indirecto esta materia (lei de patrimonio, unha pioneira lei de paisaxe, lei de monte, lei de solo, lei de actividades económicas...) que contrasta cunha “ausencia de desenvolvemento de instrumentos que se recollen nesas leis”, ao tempo que denuncia posicións “reactivas, dunha certa pasividade” da administración á hora da súa aplicación. Nesta liña incide que nesta lexislación “priman os criterios economicistas en documentos claves, como son o Plan Forestal”. O informe lembra que o monte galego é de gran produtividade “supón o 10% da superficie arborada de España, o 2,5% da UE e produce o 45% da madeira española e o 4,5% da europea”.
Ademais, propón o uso de metodoloxías arqueolóxicas e etnográficas que ofrecerán información sobre a paisaxe do monte. Ferramentas que permitirán o coñecemento dun patrimonio que é pouco monumental pero que resulta clave para coñecer a evolución da acción social sobre a paisaxe de monte. Insta tamén a salvagardar o patrimonio inmaterial derivado desta paisaxe, desde oficios, saberes, coñecementos ata as técnicas produtivas tradicionais, pasando pola toponimia.
Revisar o modelo produtivo
O informe parte dunha análise histórica da cuestión forestal. Lembra que o monte foi tamén un espazo de conflito social en Galicia durante a maior parte do século XX. Unha situación que permanece e que está na base do propio documento, xa que diferentes colectivos (a sociedade histórica e cultural Coluna Sanfins, a Asociación Sociocultural O Iribio, a Asociación galega Cova Crea, a Fundación Montescla, a Asociación amigos e amigas dos bosques “O Ouriol dos Anllóns” e a Asociacion autonómica cultural e ambiental Petón do Lobo”) dirixíronse ao CCG en setembro de 2020 solicitando un informe. Rebeca Blanco-Rotea incidiu no feito de que non era a primeira solicitude neste ámbito que recibiu a institución.
Para a elaboración deste documento, o Consello da Cultura Galega constituíu unha comisión interdisciplinar coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e integrada por especialistas de diferentes disciplinas: Paula Ballesteros Arias, Eduardo Corbelle Rico, Teresa Nieto Freire (coordinación técnica), Pablo Ramil Rego, Xosé Manuel Santos Solla e Xosé Ignacio Vilaseco Vázquez.
O informe presentado cuestiona os criterios do modelo de explotación forestal e sitúase na liña de traballo iniciado un ano antes coa presentación do “Enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia” no que solicitaba unha moratoria na autorización de parques para a revisión do actual Plan sectorial eólico de Galicia co fin de que se sometese a unha avaliación ambiental estratéxica que tivera en conta: as Directrices da paisaxe, a protección do valores culturais do territorio (fixados por outra lei, a de patrimonio cultural) e atender aos valores naturais duns espazos que aínda non foron incorporados á Rede Natura.
O texto remata cunha análise sobre a xestión do turismo e o patrimonio, que serve de entrada ao que será o vindeiro informe da institución, co que se completa as análises sectoriais ao modelo actual de explotación do territorio que está a xerar conflito social.